Novas por contido

A Xunta vai licitar a xestión privada das residencias da Fundación Amancio Ortega

A CIG esixe a xestión pública directa das residencias de maiores

A Xunta volve “externalizar” para as empresas privadas a xestión dos servizos públicos e licita os servizos de atención das dúas primeiras residencias de maiores das sete doadas pola Fundación Amancio Ortega.

A rede pública, de xestión tamén pública, é a única que garante un servizo de calidade e protexe as persoas usuarias fronte aos abusos das empresas que prestan estes servizos, como xa se viu na pandemia da COVID.

Na pandemia, o 94,3% das mortes nas residencias galegas nos primeiros 9 meses foi en centros de xestión privada. Dos 509 falecementos, 480 eran usuarios/as de centros a cargo de entidades privadas, incluídas as públicas con xestión privada, mentres que os restantes 29 falecidos/as (5,7%) producíronse en residencias de xestión directa e con persoal público (datos obtidos tras a unha sentenza do TSXG do 23 de maio de 2022)

Por outro lado, de todos é sabido que sobre o que costa dar un servizo con centros e persoal público, hai que engadir neste caso o beneficio empresarial, e as grandes empresas queren trincar ben neste gran bocado que é o sector da atención á dependencia.

Vén a conto neste momento lembrar tamén a denuncia pública feita polos Inspectores de Servizos Sociais no mes de agosto na que acusaban á Consellería de Política Social e Xuventude de “filtrar” aos centros de maiores privados a data das visitas, obstaculizando a súa eficacia na supervisión e control.

Estudos realizados tras a COVID19 sobre as persoas maiores das residencias avaliaron a relación entre o número de persoas falecidas na pandemia co tamaño das residencias e a súa xestión (pública ou privada) e constatouse que a porcentaxe foi moito maior nas residencias privadas que nas públicas. 

Elementos como o gasto público, cociente de cobertura, titularidade e tamaño tiveron unha relación directa cos falecementos nos centros residenciais. 

Pasou pouco tempo dende que o goberno galego, para blanquear a nefasta xestión das residencias e a xestión da dependencia, apostou publicamente por un cambio na xestión, tamaño e distribución das residencias ao longo do territorio. Todo era lavado de cara e propaganda. 

Precísase que a xestión das residencias sexa pública, con persoal público e garantindo a universalidade do servizo de atención á dependencia. 

 Volvemos dicilo as veces que faga falta: O público é servizo, o privado beneficio!!!

Outras novas recentes

Venres, 26 Abril 2024

Inadmisión de diversas solicitudes dos graos I e II da carreira profesional

No DOG do 26/04/2024 publican: - RESOLUCIÓN do 19 de abril de 2024 pola que se inadmiten determinadas solicitudes de recoñecemento extraordinario dos graos I e II do sistema de complemento de desempeño do posto de traballo para o persoal laboral. - RESOLUCIÓN do 19 de abril de 2024 pola que se inadmiten determinadas solicitudes de recoñecemento extraordinario dos graos I e...
Luns, 29 Abril 2024

A xestión de persoal do Consorcio: desatención e desleixo

A CIG denunciou diante da autoridade laboral ao Consorcio por non atender ás necesidades do seu persoal para corrixir a situación de risco laboral. Os riscos psicosociais que sofre o cadro de persoal do Consorcio tanto nos servizos centrais coma nos periféricos son moi elevados. Dos items analizados, dous deles están intimamente relacionados coa falta de resposta e...