Novas por contido

Riscos para a saúde moi elevados nas escolas infantís

O venres tivo lugar unha nova xuntanza do Comité de Seguridade e Saúde Laboral de Política Social, no que estaban presentes os representantes das consellería de política social, servizo de prevención propio da Xunta, servizo de prevención alleo (Qualtis), representantes do Consorcio e delegadas e delegados de prevención de cada sindicato

Entre outros asuntos tratados dos que se esixe confidencialidade pola súa natureza, tratáronse os seguintes asuntos:

Avaliacións de psicosociais nas escolas de 3 a 5 unidades

No ano 2016, a CIG denunciou na Inspección de traballo a falta de avaliación dos riscos psicosociais porque considerabamos que as condicións de traballo estaban derivando neste tipo de risco.

Esta é a segunda vez que se avalían estes ricos nos centros de traballo, pero vai ser a primeira vez que se propoñen medidas correctoras de obrigado cumprimento.

Avaliouse a todo o persoal das escolas (persoal educativo e persoal de servizos xerais) e os resultados das enquisas avalan, lamentablemente, o que nós diciamos ao respecto. Estes resultados son semellantes aos das escolas unitarias e de dúas unidades e tamén ao das escolas de 6 ou máis unidades.

Dos factores que se avaliaron, os que deron risco son os seguintes, dependendo do posto e da provincia:

  • Carga de traballo (CT) BAIXO / MODERADO
  • Demandas psicolóxicas (DP) ELEVADO / MOI ELEVADO
  • Variedade/contido (VC) BAIXO / MODERADO
  • Participación/Supervisión (PS) MOI ELEVADO
  • Desempeño de rol (DR) MODERADO (persoal educativo)/ MOI ELEVADO (PSX)
  • Relacións e apoio social (RAS) MOI ELEVADO

Nas medidas que se propoñen para corrixir/minimizar o risco incídese na necesidade de reunións mensuais dos equipos e de reunións illadas por categoría/posto de traballo (cos acordos recollidos en acta á disposición de todo o persoal). Tamén se dá como medida a formación, a axilidade nos chamamentos das listas de contratación e definir de forma clara e por escrito as tarefas de cada categoría/posto.

Todas estas medidas son xusto o que a Xunta foi eliminando ao longo dos anos. No 2017 eliminou a formación especializada (que contaba con tempos dentro da xornada semanal). No 2022 acabou cos blogues e o traballo colaborativo en rede e, agora, no 2024, remata cos tempos de programación e reunións/claustros.

Petición por parte da CIG de avaliación de riscos psicosociais nas escolas infantís da Axencia Galega de Servizos Sociais

Coas condicións de traballo do persoal das escolas da AGSS (sen horas de programación dentro da xornada e con ratios de persoal insuficiente), entendemos que se teñen que avaliar os riscos psicosociais e adoptar medidas correctoras, de ser o caso.

Pedimos que se avaliaran estes centros de traballo pero se pospón a decisión até a próxima reunión.

CRAPD Vigo I

Tamén solicitamos a avaliación deste centro de traballo polas numerosas queixas do cadro de persoal por excesiva carga de traballo cando non se substitúe ao persoal. Tamén pospoñen a decisión para a próxima reunión.

Outras novas recentes

Mércores, 24 Abril 2024

Prazas para elección de destino de auxiliares-C2 e administrativos-C1 (24/04/24)

A Dirección Xeral de Función Pública achegounos a relación de prazas que teñen previsto ofertar ás persoas que superaron os procesos selectivos de C1-corpo administrativo, e C2-corpo auxiliar: descargar. Xunto coa relación de prazas, vai unha explicación da situación das mesmas. O primeiro que salta á vista é o escaso número de prazas ofertadas.
Xoves, 25 Abril 2024

A CIG demanda o aumento de efectivos de axentes ambientais e que se cumpran os compromisos adquiridos

Tras a primeira xuntanza do Consello da Xunta, o presidente Rueda falou de que “hai unha grande intencionalidade” detrás dos lumes acontecidos estes días. Polo tanto dende a CIG demandamos en consecuencia o aumento de persoal para poder facer fronte a elevada actividade incendiaria. Dende a CIG denunciamos que actualmente dos 387 axentes ambientais pertencentes a...
Venres, 19 Abril 2024

A Xanela (boletín de CIG-Autonómica, abril/2024)

Neste boletín de CIG-Autonómica falamos de: - Concursos de traslados e as 1.100 prazas bloqueadas- Concurso específico- Campaña pola xornada de 35 horas semanais e as semanas de 4 días- Lentitude dos procesos selectivos- Condicións de traballo do persoal non docente de centros de ensino- Como recibir información da CIG-Autonómica.