Novas por contido

Traballo digno, pola paz, a soberanía dos pobos e contra o imperialismo

Precarización das condicións laborais e de vida

A situación ds altos prezos da cesta da compra e a baixa capacidade adquisitiva dos salarios e das pensións, o aumento da precariedade pola xeneralización da contratación a tempo parcial e fixa descontinua e o medre da poboación en risco de pobreza e de exclusión social fan que exista unha precarización das condicións laborais e de vida. Unha situación que provocou a reforma laboral, vixente desde ha xa 2 anos, que nin xerou dereitos, nin derrogou as graves e regresivas reformas laborais do 2012.

Aumentaron un 125,1% os contratos fixos-descontinuos desde 2021; medraron as xornadas parciais, que pasaron de ser o 19,8% en 2021 a representar o 23,9% en 2023 e que teñen maioritariamente mulleres (o 75,5%) ou que o 42,5% dos contratos temporais duraron menos dunha semana no 2023.

O obxectivo prioritario da CIG é a mellora da capacidade adquisitiva dos salarios e combater a pobreza porque o 33,6% dos e das asalariadas non acadaron uns ingresos equivalentes ao SMI e o 59,3% das persoas que percibiron ingresos procedentes do traballo non acadou os ingresos medios de Galiza, é dicir, estes son inferiores aos 21.999 €, o que amosa as grandes fendas existentes.

Os responsables desta situación son as políticas laborais do Goberno español e o diálogo social que agora camiña no intento de impoñer novos recortes, entre os que está a privatización da sanidade pública, impulsando o abuso das Mutuas.

Políticas coas que concorda o PP en Galiza que, tras renovar a súa maioría absoluta as aplicará, xunto con todas aquelas que reforcen a dependencia económica e política de Galiza ao sistema español. Unha situación que supón a negación dun desenvolvemento galego propio para frear o aumento do empobrecemento das clases populares.

Un Goberno, o do PP, que está obsesionado coa privatización dos servizos públicos, entregado ás grandes empresas que veñen espoliar e explotar de forma colonial os nosos recursos naturais mentres avanza o avellentamento da poboación, a desertización social e industrial de moitas comarcas e a continua emigración por falta de emprego.

Non podemos permitir que, ante esta situación, impoñan a desmobilización para facilitar un endurecemento das políticas reaccionarias, antisociais e antigalegas que os diferentes gobernos e a UE pretenden seguir desenvolvendo como o veñen facendo desde hai anos e cómpre confrontarmos o roubo e saqueo que estamos a vivir; necesitamos que a solidariedade e unidade da clase traballadora e do pobo galego siga demostrando que pode con todo, que ten unha enorme capacidade de acción.

Pola paz, a soberanía dos pobos e contra o imperialismo

A CIG rexeita o gasto de 1.200 millóns de euros en armas aprobado polo Consello de Ministros e o apoio de Europa a Israel no seu xenocidio ao pobo palestino. Son o exemplo da crueldade do chamado Occidente civilizado e democrático, por negarse a recoñecer unhas relacións internacionais sen subordinacións, sen explotación nin dependencias, que respecte, tamén nas propias fronteiras da UE, o dereito de autodeterminación dos pobos e nacións que a integran, para así liderar a construción dun mundo moi necesitado de xustiza, solidariedade, cooperación, igualdade e paz.

Stop Precariedade, Traballo Digno

A CIG convoca 16 manifestacións en cidades e vilas do país. Mobilizacións que serán as primeiras en Primeiro de Maio tras do sindicato revalidar a súa condición de primeira forza

A Coruña- 12:00 h desde a Praza de Vigo

Cee- 12:00 h Praza de Otero Lastres

Santiago- 12:00 h desde a Praza Roxa

Ribeira- 12:00 h Praza do Peixe

Ferrol- 12:00 h desde o Local sindical (Esteiro)

As Pontes- 12:00 h Praza do Carmen

Lugo- 12:00 h desde o Edificio Sindical (Rda da Muralla)

Ribadeo- 12:00 h Edificio Sindical (Av. de Galiza)

Ourense- 11.30 h desde a Praza Maior

Verín- 12:00 h. Praza do Concello

O Barco de Valdeorras- 12:00 h, diante do concello

Pontevedra- 11.30 h desde a Praza da Ferrería

Vilagarcía 11:30 h desde a Casa do Mar

A Estrada- 12:00 h Praza do Mercado

Vigo- 12:00 h desde A Dobrada

Cangas- 18:00 h Praza do Concello

Outras novas recentes

Luns, 06 Mai 2024

Fondo de Acción Social 2023 (xuntanza 2/5/24)

O día 2 de maio os axentes sociais mantivemos unha reunión con representantes da Función Pública polo mal chamado Fondo de Acción Social (FAS), xa que del só queda unha única axuda: axuda para atención de persoas con discapacidade. Mantén suprimidas as axudas iniciais deste Fondo de Acción Social, como eran a xubilación, discapacidade propia, fillos/as menores, maiores a...
Venres, 10 Mai 2024

A CIG solicita unha xuntanza urxente con Medio Rural para tratar as melloras laborais das/os axentes ambientais

A CIG vén de solicitarlle á conselleira do Medio Rural unha xuntanza urxente, dado que vemos necesario tratar os seguintes puntos dos acordos de melloras laborais para a escala de axentes facultativas/os medioambientais: Redacción do regulamento de funcións da nova escala de axentes técnicas/os en xestión ambiental. Grupo B. No momento no que se chegara ao 40% de axentes...
Martes, 07 Mai 2024

Un listado de postos do C1 (administrativo) moi desequilibrado territorialmente

A CIG ten manifestado en innumerábeis ocasións que para os actos de elección de destino o listado de postos ten que responder a varios criterios, e que un deles debería ser o do reparto por toda a xeografía galega. Non parece ser este o criterio seguido por Función Pública no caso deste listado de postos para a toma de posesión do corpo administrativo (subgrupo C1) cando...