Novas por contido

No desenvolvemento do último comité de seguridade e saúde da consellería de Medio Rural (área de Medio Rural) celebrado o 6 de abril, analizáronse distintos temas e tomáronse diversos acordos de interese para o persoal que traballa nesta consellería. A continuación detállanse os distintos asuntos que se trataron:

1.- Revisáronse os informes de sinistrabilidade e accidentes correspondentes aos anos 2014 e 2015. Solicitamos un maior grao de detalle dos datos.

2.- Informouse sobre as avaliacións dos centros de traballo realizadas en 2015 e comunicadas aos repectivos centros. Podedes solicitar a avaliación do voso centro e posto de traballo (no caso de existir) ao responsable do centro ou a calquera dos delegados de prevención.

3.- Vanse revisar os protocolos de vixiancia da saúde que se realiza ao persoal de Medio Rural, especialmente ao persoal vinculado ás labores de extinción de incendios. Esta revisión demandada pola CIG pretende acomodar a concordancia da vixiancia da saúde coas funcións que se desempeña e incorporar os antecedentes médicos de cada persoa (este último elemento é unha das advertencias feitas pola inspección de traballo no accidente mortal de Quique Casanova).

4.- A CIG presentou un informe técnico sobre a avaliación de riscos relativos aos traballos de campo desenvolvidos polo persoal laboral veterinario da consellería de Medio Rural. O comité acordou trasladarllo ao servizo de prevención para que o incorpore ás avaliacións que se fagan especificamente destes postos no segundo semestre do ano (para consultar o informe íntegro, podes pulsar aquí para descarregalo).

5.- Acordouse formar un grupo de traballo para revisar o estado das taquillas nos distintos centros de traballo da consellería do Medio Rural, establecer os criterios de priorización para a súa cobertura e definir o modelo de taquilla.

6.- Desde a CIG solicitouse o subministro de roupa de abrigo para o persoal de incendios ao levar máis de oito anos sen facer ningunha reposición. Neste punto acordouse trasladar esta petición ao grupo de traballo de roupa do comité de extinción de incendios. Ao mesmo tempo traballarase de forma paralela coa orde de uniformidade de axentes facultativos medioambientais para que os contratos de subministro desta roupa contemplen as indicacións que estableza a orde de uniformidade.

7.- Nun dos últimos puntos, tratáronse distincas cuestións vinculadas aos vehículos. Ante o estado do parque móbil, desde a CIG solicitouse unha avaliación individualizada dos vehículos e acordouse que a consellería trasladaría un informe do parque móbil co seguinte detalle para cada vehículo: ano de matriculación, km, nº de averías e coste acumulado, destino e tipo (propio ou alugado). Solicitouse tamén a incorporación de prioritarios nos vehículos de axentes e técnicos que traballan en incendios forestais. Neste punto indicousenos que non había ningunha norma obrigatoria ao respecto e desde a CIG matizouse que son elementos preventivos no ámbito de emerxencias e que se deberían incorporar cando menos nas novas contratacións. Finalmente solicitamos un protocolo específico de limpeza e desinfección dos vehículos de traballo, especialmente os vinculados ao persoal veterinario polos riscos biolóxicos.

8.- No punto de rogos e preguntas, informouse que non se podían facer cursos de aplicador/manipulador específicos para o persoal da consellería por problemas co financiamento do PDR. Indicouse que o distrito de Lugo se trasladaría para a nova ubicación no prazo dun mes e facilitouse información sobre os casos de dous traballadores que se revisaran no comité de outubro de 2015.

Outras novas recentes

Venres, 19 Abril 2024

RPT de funcionarización de varios postos dos grupos III e IV

De cara a unha vindeira mesa de negociación, a Dirección Xeral da Función Pública vén de remitirnos unha proposta de modificación da relación de postos de traballo, consistente na funcionarización de postos de persoal laboral da Xunta de Galicia, no corpo de técnicos de carácter facultativo da administración especial (grupo B), no corpo administrativo da administración...
Luns, 29 Abril 2024

A xestión de persoal do Consorcio: desatención e desleixo

A CIG denunciou diante da autoridade laboral ao Consorcio por non atender ás necesidades do seu persoal para corrixir a situación de risco laboral. Os riscos psicosociais que sofre o cadro de persoal do Consorcio tanto nos servizos centrais coma nos periféricos son moi elevados. Dos items analizados, dous deles están intimamente relacionados coa falta de resposta e...
Venres, 26 Abril 2024

Inadmisión de diversas solicitudes dos graos I e II da carreira profesional

No DOG do 26/04/2024 publican: - RESOLUCIÓN do 19 de abril de 2024 pola que se inadmiten determinadas solicitudes de recoñecemento extraordinario dos graos I e II do sistema de complemento de desempeño do posto de traballo para o persoal laboral. - RESOLUCIÓN do 19 de abril de 2024 pola que se inadmiten determinadas solicitudes de recoñecemento extraordinario dos graos I e...