Novas por contido

O Centro Galego de Artes da Imaxe atópase nunha situación moi delicada despois de que na Mesa xeral de negociación de empregados públicos, celebrada o día 30 de maio, a Administración da Xunta seguira adiante coa súa proposta de amortizacións e despedimentos, concretados no 40% da plantilla total do CGAI e no 50% da plantilla da área de proxeccións.

Nesa Mesa de negociación, á que asistiron representantes da Xunta, do AGADIC e dos Sindicatos, a Xunta negou o seu propio titular que aparecía na prensa o pasado día 19 de maio, cando afirmaba de xeito rotundo que só se amortizarían postos de traballo non cubertos.

Todas as amortizacións que a Xunta presenta na modificación proposta indican claramente a falta de interese do goberno do PP na cultura galega e no patrimonio audiovisual e fotográfico galego. Pero ademáis, a Xunta aproveita esta modificación para despedir traballadores, coa disculpa de que non hai carga de traballo. Esa situación vai supor cando menos unha merma importante dos servizos públicos que viña desenvolvendo ata agora o CGAI.

Propoñen a amortización de tres postos, pero ademáis non se está a cubrir a praza doutro traballador que se atopa en excedencia, e, debido á falta de reposición de prazas, a biblioteca especializada en audiovisuais, o servizo de préstamo e a área de exposicións xa se encontran pechadas dende hai máis dun ano.

Na área de proxección, só hai dous proxeccionistas en quendas separadas, de mañá e tarde. Tanto os ciclos de ensinanza e difusión do audiovisual, así como as proxeccións que se realizan entre máis de 2500 nenos e rapaces ao ano, desempéñanse na quenda de mañá. Na quenda de tarde o CGAI desenvolve a súa programación regular á que asisten máis de 10.500 espectadores ó ano e diversas presentacións e eventos relacionados co audiovisual. Coa modificación proposta pola Xunta amortizarían unha destas prazas, co consecuente despedimento do traballador que a ocupa, e toda a actividade desenvolvida por esta área estaría atendida por un só técnico especializado, algo que dende a CIG consideramos totalmente inviábel. Segundo fontes do propio centro, sería imposible o desenvolvemento dunha programación regular, e todos os ciclos formativos que se veñen realizando, cunha redución de efectivos semellante.

Dende a CIG queremos denunciar unha vez máis este desmantelamento do Centro Galego das Artes da Imaxe (CGAI) por parte do goberno do Partido Popular, así como o desprezo pola cultura do país e a falta de respecto ante os traballadores e os seus representantes sindicais, cando aínda non rematada a mesa de negociación xa estaban convocando a Comisión de persoal para aprobar a modificación sen mover unha coma. Este “paripé” do Partido Popular que pretende “pasar o rodillo” unha vez máis, denota unha falta absoluta de vontade negociadora.  

Na CIG entendemos que o CGAI ten que estar dotado dun cadro de persoal que permita o desenvolvemento pleno das función que lle son propias, polo que instamos á Xunta a que retire esta sinrazón e que poña fóra de perigo, dunha vez, a unha institución tan necesaria como única en toda Galiza e que garante a memoria do audiovisual galego.

Outras novas recentes

Xoves, 25 Abril 2024

Procesos selectivos, concursos de traslados, estabilización, funcionarización, OEP 2024 (25/04/2024)

Na Mesa Xeral de Empregados Públicos e na Comisión de Persoal do 25 de abril foi aprobada co voto en contra da CIG, a abstención da CSIF e o voto a favor de CCOO e UGT a modificación da relación de postos de traballo, consistente na funcionarización de 207 postos de persoal laboral da Xunta de Galiza no grupo B e nos subgrupos C1 e C2. 169 deses postos serán incorporados ao...
Mércores, 17 Abril 2024

Criterios de repartición do Fondo de Acción Social do ano 2023

A Dirección Xeral de Función Pública achegounos o borrador de criterios de repartición do Fondo de Acción Social (FAS) para o exercicio económico 2023, con vista a unha vindeira xuntanza de negociación. Na proposta que achegan non se recuperan as modalidades do FAS que tiñamos antes dos recortes da Lei 1/2012, de medidas temporais en determinadas materias do emprego público...
Xoves, 25 Abril 2024

A CIG demanda o aumento de efectivos de axentes ambientais e que se cumpran os compromisos adquiridos

Tras a primeira xuntanza do Consello da Xunta, o presidente Rueda falou de que “hai unha grande intencionalidade” detrás dos lumes acontecidos estes días. Polo tanto dende a CIG demandamos en consecuencia o aumento de persoal para poder facer fronte a elevada actividade incendiaria. Dende a CIG denunciamos que actualmente dos 387 axentes ambientais pertencentes a...