Novas por contido

Unha Relación de Postos de Traballo que destrúe emprego, o centraliza en Servizos Centrais, continúa sen cortas cabezas aos responsábeis de contratacións ilegais, e cambia titulacións.

Os sindicatos e as persoas responsábeis da política de persoal da consellería de Medio Ambiente e Ordenación do Territorio estamos a discutir unha modificación da RPT. Despois da primeira xuntanza, a CIG xa presentou as súas alegacións escritas.

Os cambios na RPT xustificados na redución de estrutura e reordenación funcional non se adecúan á realidade descrita, xa que a nova estrutura engorda a parte superior xerárquica centralizando a creación de postos nos servizos centrais e adelgaza na base, situada nos servizos periféricos, base composta por persoal que está en contacto directo cos administrados e co medio, fundamental nesta consellería de medio ambiente e ordenación do territorio onde as funcións mais importantes están aí, no medio e no territorio. A súa decisión supón reducir as posibilidade de traballar na protección do medio.

Acompañando á memoria funcional entregaron unha relación de prazas a amortizar. Tal e como manifestamos na xuntanza previa, na memoria funcional non hai nin unha soa referencia a moitas delas. Son prazas existentes (independente de que teñan ou non dotación orzamentaria), que non poden desaparecer sen sequera recibir unha explicación, polo que esiximos como mínimo unha explicación na memoria funcional.

Neste sentido é significativo, como exemplo desta desfeita que alonxa a conservación da natureza do que debería ser o territorio, a supresión do posto de director da reserva dos Ancares. Si nos fixamos na forte amortización de prazas nos axentes medioambientais do servizo de conservación, incluso algunhas delas dos parques naturais, só se entende esta amortización si se quere facer un transvase de funcións dende a Administración Autonómica cara os Corpos e Forzas de Seguridade do Estado, no caso da vertente de vixilancia, e cara a empresas de asistencia técnica na vertente de xestión e control de censos… A conclusión é que perdemos así unha ferramenta imprescindible na xestión integral do medio.

Rexeitamos a xustificación de que funcionamento operativo dos servizos non se verán afectados posto que as prazas xa estaban sen cubrir. Esto non é certo, porque en moitos casos o funcionamento xa quedou seriamente afectado no momento en que se deixaron sen cubrir os postos, perxudicando tanto ao servizo, como aos traballadores que se ven obrigados a duplicar traballo, pasando unha carga temporal, a unha permanente que acabará sendo insostible.

Pretendese, en definitiva, ter mais recursos para crear postos de LD e directivos, centralizados en Santiago de Compostela ademais de que vai supor nun futuro próximo a externalización de servizos.

Observamos con asombro como das 24 prazas que se crean por sentenza, 23 delas teñen relación con contratos efectuados con TRAGSA e TRAGSATEC. Esto é inaceptable, recorrente, deberían rodar cabezas. Recoñecemos o dereito dos traballadores e traballadoras demandantes a velar polos seus lexítimos dereitos. Máis iso non quita que reclamamos que se identifique ás persoas que foron ou son responsábeis ou consentidoras, por acción ou por omisión, de que se repita sistematicamente esta situación. Como mínimo ten que haber algún cese.

Entende a CIG que a mellor garantía de que o persoal funcionario preste servizo á Administración Pública con plena imparcialidade, é a cobertura dos postos mediante concurso de traslados, fuxindo ao máximo da cobertura mediante libre designación ou o novo concurso específico. Xa que logo, a CIG reivindica a cobertura mediante concurso ordinario das xefaturas de servizo e inferiores, declarando nese caso a nosa dispoñibilidade a negociar os criterios de excepcionalidade.

Se ben é certo que o concurso específico é unha forma de provisión prevista no Regulamento de provisión de postos de traballo, promoción profesional e promoción interna, a día de hoxe non se ten executado ningún concurso específico en toda a historia da Administración Autonómica. Tampouco existe información que nos faga ver como podería ser este tipo de concurso. Xa que logo, solicitamos que se retire a reserva a “concurso especial” á totalidade das prazas da vixente e futura RPT.

Entendemos que as persoas responsábeis da consellería consideran que non teñen persoal adecuado, nin dentro da consellería nin no conxunto da Administración Autonómica, para cubrir os postos de responsabilidade. Rexeitamos as aperturas a outras administracións sen criterios de reciprocidade. Rexeitámolo tanto para as novas aperturas como para as xa existentes, para as que pedimos que se incorporen a proposta de modificación e pasen a AXG.

Solicitamos unha revisión das titulacións necesarias para os postos de corpos xerais de xeito que poidamos suplilas por formación a cargo da empresa. Nomeadamente, semella un abuso requirir titulacións en dereito a postos base buscando así ter asesores xurídicos de baixo custe.

Entendemos que os requisitos e os méritos específicos son unha barreira que impide ou limita a promoción e a mobilidade do persoal, así como un filtro que pode ser utilizado ad hoc pensando en seleccionar a persoa desexada como criterio principal.

A CIG maniféstase a favor dunha profunda revisión dos requisitos e méritos específicos, incidindo especialmente na eliminación de todos os relativos a experiencias por ser os máis endogámicos e contrarios á mobilidade, e por ser unha habitual fonte de conflitos nos concursos de traslados. Defendemos no seu lugar o deber da empresa de formar aos seus traballadores e traballadoras, para o que temos a Escola Galega de Administración Pública.

Presentamos alegacións específicas a postos da Secretaría Xeral de Calidade e Avaliación Ambiental; a enxeñeiros técnicos forestais; a arquitectos, enxeñeiros de camiños e inspección urbanística; a biólogos; ao laboratorio de medio ambiente de Galiza; técnicos ambientais. Pola súa extensión limitámolo a relacionar. Se queres información polo miudo podes contactar coa CIG, ou localizar a delegados/as na túa comarca.

Agardamos a resposta da consellería.

Outras novas recentes

Luns, 29 Abril 2024

A xestión de persoal do Consorcio: desatención e desleixo

A CIG denunciou diante da autoridade laboral ao Consorcio por non atender ás necesidades do seu persoal para corrixir a situación de risco laboral. Os riscos psicosociais que sofre o cadro de persoal do Consorcio tanto nos servizos centrais coma nos periféricos son moi elevados. Dos items analizados, dous deles están intimamente relacionados coa falta de resposta e...
Venres, 26 Abril 2024

Informa da comisión de seguimento do SPIF

O día 1 de maio entrarán en vigor os novos cuadrantes do persoal ao abeiro do novo acordo de condicións do SPIF. Tralas reunións mantidas na comisión de seguimento deste acordo existen unha serie de cuestións que quedaron respostadas, mais non foron moitas. O luns haberá unha nova xuntanza para revisar só cuestións puntuais de aplicación. E a todo isto, por se fora pouco,...