Novas por contido

Lamentablemente, Galiza acapara estes días os titulares nos medios de comunicación pola vaga de incendios forestais que asolan o noso País, a maioría deles provocados pola acción incendiaria de desalmados criminais que, non só están a destruir o noso patrimonio natural senón, tamén, a poñer en risco os bens materiais e, o que é peor, as vidas de moitas persoas.

Diante desta gravísima situación, as organizacións sindicais representativas dos profesionais do Servizo de Prevención e Defensa Contra os Incendios Forestais (Spdcif) da consellaría de Medio Rural, queremos resaltar o traballo de todos os traballadores e traballadoras que están a participar, ata a extenuación, nas labores de coordinación, dirección, vixilancia e extinción, tanto no propio Spdcif, como nas diferentes administracións, entes e empresas que forman parte do dispositivo de loita contra o lume nesta dura campaña.

Trala vaga de incendios de 2006, despois dos devastadores incendios das Fragas do Eume e Xurés no ano 2012, os de Oia e Carnota no 2013, o de Cualedro no 2015, dende as catro organizacións sindicais advertíramos aos responsábeis da Xunta de Galiza de que iso podería pasar se non se adoptaban as medidas necesarias.

CIG, CCOO, CSIF e UGT ofrecémonos en todo momento a un diálogo construtivo cos responsábeis da consellaría de Medio Rural para que Galiza volvese dispoñer do dispositivo que fose acorde coas necesidades do noso País na prevención e loita contra os incendios forestais. Fronte ó modelo de dispositivo fragmentado e privatizado que despregou a consellaría de medio rural – e que condea aos traballadores a unhas condicións laborais e salariais inxustas e precarias - as organizacións sindicais propoñemos un modelo público e único dependente do propio Spdcif como garantía de eficacia contrastada e de servizo á cidadanía; un modelo no que os procesos de selección sexan únicos para todos e con listas únicas de contratación para que todos aqueles profesionais que se enfrontan ós incendios forestais teñan as mesmas esixencias de partida; un modelo que remate coa incertidume profesional do elevado número de temporais que existe actualmente e que supón un terzo dos profesionais do Spdcif; que remate coa precariedade dos traballadores que actualmente son contratados durante 3 ou 9 meses para que se poidan desenvolver as necesarias tarefas de prevención durante os meses de inverno; un modelo que recoñeza o traballo desenvolto polos traballadores como bombeiros forestais; un modelo que atenda á adecuada formación e promoción profesional dos traballadores para enfrontarse con máis garantías a lacra dos incendios; un modelo, en suma, que remate coa privatización e fragmentación do dispositivo o que redunda nunha menor eficacia e maior desprofesionalización.

Para lograr isto, as organizacións sindicais esiximos á consellaría a que abra inmediatamente as mesas de negociación necesarias para lograr todos estes obxectivos e iniciar, así, o camiño para que Galiza deixe de ser triste apertura de titulares e portadas de medios de comunicación, para que remate o sufrimento da xente e a destrución do noso patrimonio natural.

Outras novas recentes

Venres, 10 Mai 2024

A CIG solicita unha xuntanza urxente con Medio Rural para tratar as melloras laborais das/os axentes ambientais

A CIG vén de solicitarlle á conselleira do Medio Rural unha xuntanza urxente, dado que vemos necesario tratar os seguintes puntos dos acordos de melloras laborais para a escala de axentes facultativas/os medioambientais: Redacción do regulamento de funcións da nova escala de axentes técnicas/os en xestión ambiental. Grupo B. No momento no que se chegara ao 40% de axentes...
Mércores, 15 Mai 2024

Convocado o concurso de traslados da Administración xeral da Comunidade Autónoma

No DOG do 15/05/2024 publican a Resolución do 13 de maio de 2024, da Dirección Xeral de Emprego Público e Administración de Persoal (DXEPAP, antiga D.X. de Función Pública), pola que se convoca concurso ordinario para a provisión de postos de traballo vacantes da Administración xeral da Comunidade Autónoma de Galiza. Observación 1: neste momento NON se solicitan as prazas...
Martes, 07 Mai 2024

Un listado de postos do C1 (administrativo) moi desequilibrado territorialmente

A CIG ten manifestado en innumerábeis ocasións que para os actos de elección de destino o listado de postos ten que responder a varios criterios, e que un deles debería ser o do reparto por toda a xeografía galega. Non parece ser este o criterio seguido por Función Pública no caso deste listado de postos para a toma de posesión do corpo administrativo (subgrupo C1) cando...