Novas por contido

(Sobre a negociación da creación de categorías para a integración do Consorcio)

1. En setembro asinamos, e tamén o CSIF, un acordo para integrar o emprego público do Consorcio na Administración da Xunta e impedir a privatización do ente, ou como mínimo evitar que se seguira creando e mantendo emprego público precario fora da estrutura da Xunta e do V Convenio.

2. Este acordo ven derivado do decreto de integración (Decreto 129/2012 de 31 de maio) que asinaron CSIF e CCOO coa Xunta co voto en contra da CIG.

3. Este decreto que asinou CSIF dicía que nas integracións dos entes:

  1. De non haber categorías na Xunta habería que crealas (a CIG opúxose e pediu que se adaptaran as categorías dos entes ás categorías da Xunta), por iso votamos en contra.
  2. Que o persoal fixo deses entes se integraría en postos vacantes xa existentes na estrutura da Xunta (a CIG pediu que non se ocuparan postos vacantes da Xunta e menos se estaban ocupados con interinos ou temporais da Xunta) e por iso votamos en contra.
  3. Que o persoal temporal dos entes, a diferenza do persoal fixo, non se integraría e tería que ir á rúa (a CIG pediu que pasaran traéndose o seu posto e que mantiveran a condición de temporais en posto vacante, que pasaría a ser unha vacante da Xunta) e por iso votamos en contra.
  4. Que o persoal fixo dos entes que o fora dende antes de 1996 podería pasar a ser persoal laboral fixo da Xunta sen procesos selectivos, ou con procesos onde non se publicitaban as convocatorias (a CIG defendeu que só se pode acceder á condición de persoal laboral fixo da Xunta se se superou un proceso selectivo conforme aos principios de igualdade, mérito, capacidade, publicidade e libre concorrencia) e por iso votamos en contra.

4. CSIF, e tamén CCOO votaron a favor disto na Comisión de Persoal e a CIG e UGT en contra. E non só iso, senón que nosoutros fomos ao xulgado e presentamos contencioso-administrativo [ver sentenza] contra ese decreto onde se nos estimou parcialmente no relativo a que os principios de acceso teñen que ser os de igualdade, mérito, capacidade, publicidade e libre concorrencia.

5. Dende a CIG vimos loitando dende os primeiros tempos porque non se creara o Consorcio e si se crearan os postos dentro da estrutura da Xunta, con denuncias xudiciais incluídas, e porque se lle aplicara o V Convenio Colectivo ao seu persoal.

6. A Xunta decide aplicar ao Consorcio o decreto de integración aprobado por CSIF e CCOO.

7. A CIG defende que se adapten as categorías ás da Xunta, que se pasen a totalidade dos postos á estrutura da Xunta, que sexa Función Pública quen convoque as oposicións, que o persoal fixo non se integre en postos vacantes da Xunta senón que traia o posto no que estaba no Consorcio e que ao persoal temporal da Xunta en posto vacante non se lle ocupe, así como que tampouco se despida aos temporais do Consorcio e permanezan no seu posto ata que se cubra polos procedementos regulamentarios igual que aos da Xunta.

8. Logramos todo agás a adaptación de dúas categorías, que por certo unha delas, PSX tamén existe na Xunta pero no grupo V en vez de no IV. Aínda así isto supón unha mellora para todo o persoal, tanto da Xunta como do Consorcio.

9. No medio desa negociación a Xunta envía ao Parlamento a lei de acompañamento dos Orzamentos (lei de medidas administrativas e fiscais) onde crea por lei as escalas de PSX e Xerocultor.

10. Isto foi contestado por nós que o rexeitamos antes e despois, pois non queremos unha escala Frankenstein de funcionarios/as, pero aínda que non nos guste a lei foi aprobada e dende o día 10 de febreiro a Xunta pode crear en todos os centros de traballo, incluídos os edificios administrativos postos en RPT desa escala e convocar oposicións. E o mesmo ocorre coa escala de funcionarios/as de xerocultores/as.

11. Ante isto deixa de ter sentido modificar ou non un Convenio Colectivo admitindo dúas categorías que a Xunta pode suplir con postos dunhas escalas de funcionarios/as, excepto para permitir que eses postos que son desas categorías no Consorcio se integren na Xunta ou do contrario privatizar emprego público.

12. O persoal do Consorcio se integraría na Xunta aportando o seu posto (1.600 vacantes e 200 fixos) e nas mesmas condicións: quen é temporal seguirao sendo e quen e fixo será fixo se cumpre os requisitos do decreto de integración.

13. Ao persoal do Consorcio váiselles equiparar as condicións laborais e salariais co da Xunta en 5 anos, ademais de reducirlles a xornada ata as 37.5 horas semanais da Xunta e poderán cobrar trienios que agora lles negan.

14. O persoal da Xunta ve como se incrementan os postos en 1.800, dos cales 1.600 son vacantes para os cales Función Pública terá que convocar procesos selectivos ao ser prazas da Xunta.

E finalmente... que lle pasa a CSIF, que asinou o decreto de integración e agora se tira dos pelos cando conseguimos que non se aplique no máis lesivo como que lle collan as prazas ao persoal da Xunta ou que despidan aos temporais do Consorcio? Ou cando di que se fixo unha negociación segreda cando eles estiveron dende o primeiro ao último día e recibiron todos os borradores? Ou cando minte e manipula enleando escalas de funcionarios con categorías do Convenio Colectivo xa existentes como PSX?

Outras novas recentes

Mércores, 24 Abril 2024

Concurso de corpos xerais: novo listado de prazas para revisar (23/04/24)

A Dirección Xeral de Función Pública enviounos un novo listado de prazas para o concurso de traslados de corpos xerais. Non indican prazo, pero podemos alegar. Se é do teu interese, podes descargar o listado: ligazón. Se sabes de prazas que están mal ou non aparecen, podes contactar coa CIG. O xoves 25 de abril estamos convocados a unha Mesa Xeral, e teremos unha xuntanza...
Luns, 29 Abril 2024

A CIG convoca 16 manifestacións para conmemorar o Primeiro de Maio en Galiza

Traballo digno, pola paz, a soberanía dos pobos e contra o imperialismo Precarización das condicións laborais e de vida A situación ds altos prezos da cesta da compra e a baixa capacidade adquisitiva dos salarios e das pensións, o aumento da precariedade pola xeneralización da contratación a tempo parcial e fixa descontinua e o medre da poboación en risco de pobreza e de...
Venres, 26 Abril 2024

Informa da comisión de seguimento do SPIF

O día 1 de maio entrarán en vigor os novos cuadrantes do persoal ao abeiro do novo acordo de condicións do SPIF. Tralas reunións mantidas na comisión de seguimento deste acordo existen unha serie de cuestións que quedaron respostadas, mais non foron moitas. O luns haberá unha nova xuntanza para revisar só cuestións puntuais de aplicación. E a todo isto, por se fora pouco,...