Novas por contido

No novo texto do acordo de mellora, tal e como vimos contando, a Administración e os sindicatos que asinaron o anterior vense obrigados a introducir melloras estéticas de cara a vendelo ao persoal despois de que dende a CIG destaparamos que se estaba a argallar un novo acordo onde non se recollía ningunha mellora máis que a ridícula suba pactada en Madrid (outra vez por debaixo do IPC).

XORNADA DE TRABALLO

Se no acordo de Madrid perdeuse a oportunidade de establecer a xornada universal de 35 horas semanais, quedando simplemente nunha remisión a que cada Administración puidese facelo, no novo texto do acordo galego en vez de establecela con carácter xeral, a Xunta dedícase a marear a perdiz: “presentarán propostas...”, “reuniran á comisión de seguimento...”, “oirán aos membros da comisión...”, “elevarán á Mesa Xeral...”; en definitiva ... a parte contratante da primeira parte non resolve e simplemente anuncia a posibilidade de xornadas anuais inferiores para persoal con quendas ou xornadas nocturnas, que si ben é algo necesario isto é rirse na cara dos asinantes do Acordo de Madrid. Pero as consecuencias pagámolas todas as persoas empregadas públicas.

O texto do Acordo di:

[..] a Xunta de Galicia presentará unha proposta á Comisión de seguimento do presente acordo para o desenvolvemento dun plan para o establecemento de outras xornadas efectivas anuais inferiores para o persoal con xornadas a quendas, nocturnas ou especialmente penosas. Unha vez oídos aos membros da devandita comisión elevarase a dita proposta á Mesa Xeral de Negociación. [..]

E para a CIG, o texto debería sinxelamente dicir:

A xornada de traballo xeral na Xunta de Galiza e nos seus entes instrumentais computarase en contía anual e suporá un promedio semanal de 35 horas, sen prexuízo das xornadas especiais.

INCAPACIDADE TEMPORAL

O mesmo acontece coa incapacidade temporal. Se no Acordo de Madrid CCOO, UGT e CSIF renunciaron a que con carácter xeral se establecese un complemento do 100% para as incapacidade temporais derivadas tanto de continxencias profesionais como comúns, nesta proposta de ámbito galego a Xunta coloca aos asinantes nunha situación humillante ao non aceptar o 100% e remitirse unicamente a “...confeccionar propostas...”, “reunir á comisión de seguimento...”, “escoitar ás organizacións sindicais...”, e bla bla bla. Pero feitos CERO.

O texto do Acordo di:

No seo da comisión de seguimento do presente acordo confeccionarase unha proposta para a súa negociación na Mesa xeral de empregados públicos na que se determinen: a) as retribucións que vaia a percibir o persoal en situación de incapacidade temporal ... A articulación desta medida poderá, no seu caso, establecer diferentes escenarios retributivos en función do tipo de continxencia que dese lugar á incapacidade temporal ou da duración da mesma [..]

E para a CIG, o texto debería sinxelamente dicir:

Nos casos de continxencias profesionais e continxencias comúns aboarase un complemento ata alcanzar o cen por cento das retribucións desde a data de inicio da situación de incapacidade temporal.

Para a CIG os acordos que non obrigan son papel mollado. Creemos que cada Administración debe negociar as súas condicións de traballo, pero si existe unha normativa básica que se utilizou para recortar, tamén esa normativa básica se debe utilizar para recuperar dereitos. O Acordo de Madrid e quen o asinaron renunciaron a iso. Agora, atrapados nunha situación vergonzosa, son incapaces de dar unha solución digna ao desastre que crearon.

Mentras a ministra anuncia que o persoal empregado público da Administración Xeral do Estado vai cobrar o 100% das incapacidades temporais, a Junta de Andalucía establece a xornada semanal de 35 horas e o goberno vasco acorda unha suba salarial máis alá do 1,75% e permisos de paternidade e maternidade de ata 20 semanas, aquí a Xunta xoga a retardar e adiar calquera avance. E máis agora que poden xogar á contra ao cambiar o goberno do Estado e ademais tendo o aval de CCOO, UGT e CSIF que asinaron un acordo cheo de medidas de carácter potestativo e non obrigatorio para as administracións.

Para a CIG, calquera acordo ao que se chegue, ten que recoller estas melloras e ten que establecer a obriga de que o goberno galego remita un proxecto de lei ao Parlamento para modificar a Lei de emprego público onde están consolidados estes recortes.

Non lle imos dar validez á pantomima de negociación nin a máis cronogramas que non se cumpren. Queremos que se fagan efectivos os nosos dereitos e o querémolo xa.

Outras novas recentes

Xoves, 23 Xullo 2026

Zasca do Tribunal Supremo! á carreira profesional (ST 636/2026)

O que Xunta, CCOO e UGT che quitaron a CIG devólvecho nos xulgados Mentres a CIG gastaba tapas de zapato nos xulgados defendendo a dignidade do persoal laboral que obrigaban a funcionarizarse para cobrar a carreira profesional, os do "pacto da foto" (Xunta-CCOO-UGT) dicíannos de todo menos "bonitos/as" diante das traballadoras e dos traballadores. Axeonlláronse diante da...
Venres, 17 Xullo 2026

Oposicións a enx.agronómica, agrícola, obras públicas, informática e arquivos (MSF 16/07/26)

Na Mesa Sectorial do xoves 16 de xullo, tratáronse as convocatorias de diversos procesos selectivos: enxeñaría agronómica e informática (A1), e enxeñaría técnica agrícola, obras públicas e arquivos (A2). Viña tamén o proceso selectivo de persoal veterinario, pero non enviaron a documentación polo que foi retirado da orde do día (probablemente quede para a semana que ven)....
Luns, 20 Xullo 2026

Altas temperaturas no SPIF

Hidratación, avituallamento e medios de apoio A CIG solicita á Consellería do Medio Rural medidas preventivas para garantir a seguridade e a saúde do persoal que permanece longos períodos fóra da base durante episodios de calor. A SITUACIÓN Coas vagas de calor que estamos sufrindo, o persoal do SPIF está sometido a un estrés térmico engadido ao propio estrés térmico da súa...