Novas por contido

O luns 7 de xuño tivo lugar a Mesa Xeral de Empregados Públicos na que se concreta o recorte das nosas retribucións. Con este trámite de audiencia, os responsábeis políticos da Administración Galega nos presentaron o Anteproxecto de Lei que modifica a Lei de Orzamentos e con ela executan o recorte salarial. A comedia contou coa presenza, como estrela convidada, do Director Xeral de Orzamentos, quen cunha magnífica actuación manifestou que estaba en desacordo co recorte, pero que non lles quedaba outra.

Dende a CIG manifestamos o noso total rexeitamento tanto ao contido do documento como ás formas (enviado ao final da mañá do venres, mediando so o fin de semana para o seu estudo). Os traballadores e traballadoras non somos culpábeis da crise, non somos quenes fixemos caixa especulando neste sistema capitalista sen control, e non temos porque ser os pagotes. Non nos poden pedir que asumamos sen patalexar un novo sacrificio (e xa van moitos, tanto nas vacas fracas como nas gordas).

Prodúcenos noxo o preámbulo do anteproxecto, un texto propagandístico que culpa a outros do recorte. A este respecto, lembramos aos responsábeis políticos e ao partido que o sustenta que se realmente están en contra tal e como manifesta o PP en Madrid, en Galiza, en troques de laiarse, deberían interpoñer un recurso  de conflicto de competencias ou de inconstitucionalidade contra unha lei estatal que invade competencias autonómica (os importes dos complementos non é norma básica).

Rebatendo á insistencia do D.X. de Orzamentos da necesidade do recorte para adicalo a reducir o endebedamento público, lembrámoslle a alegría coa que tiran o diñeiro dos cidadáns en todo tipo de conceptos inútiles e moitas veces obscenos (Plus dos Altos Cargos, pagas vitalicias a deputados/as, suba salarial a xefes/as territoriais, ..). A súa resposta ao Plus dos Altos Cargos é simplemente indignante e foi merecedora dun aplauso: eles tamén van sufrir o doloroso recorte do 8% nese Plus.

Xa rematando, facemos eco da nota de prensa que publicou o goberno tralo Consello da Xunta do xoves en que aprobaron o anteproxecto: “O GOBERNO GALEGO BAIXARÁ UN 15% AS RETRIBUCIÓNS DO SEU PRESIDENTE, UN 10% AS DOS CONSELLEIROS E UN 8% AS DOS DIRECTORES CON RESPECTO A 2009”. Quen non coñeza o conflicto polo miudo pode chegar á idea errada de que serán eles, os dirixentes políticos, quenes van soportar, pobriños, a reducción do gasto.

A crise, que a pague o capital.

Outras novas recentes

Xoves, 25 Abril 2024

A CIG demanda o aumento de efectivos de axentes ambientais e que se cumpran os compromisos adquiridos

Tras a primeira xuntanza do Consello da Xunta, o presidente Rueda falou de que “hai unha grande intencionalidade” detrás dos lumes acontecidos estes días. Polo tanto dende a CIG demandamos en consecuencia o aumento de persoal para poder facer fronte a elevada actividade incendiaria. Dende a CIG denunciamos que actualmente dos 387 axentes ambientais pertencentes a...
Venres, 26 Abril 2024

Informa da comisión de seguimento do SPIF

O día 1 de maio entrarán en vigor os novos cuadrantes do persoal ao abeiro do novo acordo de condicións do SPIF. Tralas reunións mantidas na comisión de seguimento deste acordo existen unha serie de cuestións que quedaron respostadas, mais non foron moitas. O luns haberá unha nova xuntanza para revisar só cuestións puntuais de aplicación. E a todo isto, por se fora pouco,...
Mércores, 17 Abril 2024

Criterios de repartición do Fondo de Acción Social do ano 2023

A Dirección Xeral de Función Pública achegounos o borrador de criterios de repartición do Fondo de Acción Social (FAS) para o exercicio económico 2023, con vista a unha vindeira xuntanza de negociación. Na proposta que achegan non se recuperan as modalidades do FAS que tiñamos antes dos recortes da Lei 1/2012, de medidas temporais en determinadas materias do emprego público...