Novas por contido

As federacións da área pública da CIG –Administración, Saúde e Ensino- veñen de manifestar na Mesa Xeral de Negociación das Administracións Públicas, reunida o martes 14 de setembro en Madrid, a súa rotunda oposición á proposta de conxelación salarial presentada na mesma. Un recorte que se engade á redución do 5% imposta o pasado mes de maio e á perda de poder adquisitivo que veñen acumulando desde hai anos por mor duns incrementos salariais inferiores ao IPC real. Neste sentido, a CIG lembrou que "o IPC do mes de agosto situouse no 1,8%".

Nesa Mesa Xeral convocada polo Ministerio de Presidencia, confirmouse a pretensión do goberno do Estado de recortar e conxelar os salarios dos empregados/as públicos/as en 2011. Xunto a iso presentouse a intención de conxelar a oferta de emprego público, ademais das interinidades e as coberturas por xubilación, alén de limitar a taxa de reposición de efectivos ao 10% das vacantes.

A CIG denuncia que as decisións adoptadas ano tras ano no que respecta aos empregados/as públicos/as, coa intención de presentar unha acción exemplarizante para o resto da sociedade en canto ás políticas de contención dos incrementos retributivos, contribuíu á perda de peso das rendas salariais no conxunto das rendas económicas do estado. "Tamén teñen contribuído á mala imaxe que existe sobre o ‘funcionariado’ como estereotipo do empregado público".

Alén diso, a CIG lembrou que os sucesivos gobernos, "fosen da cor que fosen", téñense aproveitado, cando non promovido esa imaxe social para adoptar as referidas medidas de política salarial restritiva das que "tamén é partícipe o goberno". Campañas que deterioran "calquera concepción socialmente digna do servizo público".

A representación da CIG denunciou que en virtude do Real Decreto 8/2010, de 20 de maio, polo que se adoptan medidas extraordinarias para reducir o déficit público, os empregos/as públicos non saben se ademais da redución do seu salario, a partir do ano próximo tamén se verá afectada a contía das súas cotizacións á Seguridade Social e haberes reguladores do Réxime das clases pasivas. "Estásenos a exixir non só un sacrificio presente, alegando a necesidade de solucionar a situación económica pola que atravesa o país, senón que tamén nos veremos afectados no futuro, vendo como as nosas pensións son inferiores ao que correspondería".

Demanda de que os recortes non afecten ao cálculo das pensións futuras

Diante da proposta de recorte e conxelación salarial para o ano 2011, a CIG presentou unha serie de medidas, co obxectivo de recuperar o poder adquisitivo que veñen perdendo os empregados/as públicos/as.

Neste sentido, solicitamos que o previsto na Disposición Adicional Sétima do Real Decreto-lei 8/2010 referido á cotización Xeral da Seguridade Social, sexa tamén de aplicación a partir do 1 de xaneiro de 2011, de maneira que as medidas contempladas no devandito RD "sexan realmente de carácter extraordinario co obxecto de acelerar a redución do déficit público, tal e como se expresa no apartado 1 da exposición de motivos do texto normativo e que non afecten ao cálculo de pensións futuras, tanto para cotizacións á Seguridade Social, haberes reguladores das clases pasivas, etc.". A esta petición a Mesa respondeu que estas cuestións non entran na Lei de Orzamentos, polo que non tiñan unha resposta que dar á CIG.

Alén diso, a CIG demandou o restabelecemento do soldo do persoal das administración públicas ao importe total do mesmo antes da redución salarial, co aumento do IPC perdido e que se revise o criterio aplicado ás pagas extraordinarias de decembro deste ano. Para iso, demandamos que para as pagas extraordinarias do ano 2011 se teña en conta e se calculen coa totalidade das retribucións que se viñan percibindo antes do recorte salarial e que se diten as normas necesarias para que nas instrucións de aplicación do RD se estabeleza a obrigatoriedade de que nas nóminas, a minorización apareza en forma dunha partida de desconto facilmente identificábel e distinta do resto dos conceptos retributivos.

Cláusulas de revisión salarial

Outra das demandas presentadas na Mesa Xeral foi a da aplicación das cláusulas de revisión salarial, onde se contemple o IPC real e non o previsto, e que haxa unha recuperación total da perda de poder adquisitivo; que o 0,3% previsto para achega ao fondo de pensións do persoal da administración do Estado se dedique a salario directo e que se impulsen as medidas lexislativas oportunas que permitan aos empregados/as públicos ter acceso e dereito á xubilación parcial ou anticipada.

Ademais solicitamos a anulación da restrición na oferta de emprego público, que está a impedir a cobertura de diferentes servizos mediante xestión directa, porque, "reducir o emprego público empeora os servizos prestados xa que o traballo será realizado mediante empresas privadas subcontratadas ou asistencias técnicas que procuran abaratar custos para obter os maiores beneficios, precarizando as condicións laborais".

Control das subvencións

Como medidas complementarias, a Área pública da CIG demandou na Mesa Xeral de Negociación que se actúe sobre os ingresos públicos e se controlen as subvencións e axudas públicas, atacando as bolsas de evasión fiscal e a economía somerxida, mediante unha actuación decidida e firme por parte do goberno sobre os defraudadores que non contribúen de forma xusta e equitativa, para evitar que as subas de impostos e os sacrificios económicos da crise recaian só sobre os colectivos máis desfavorecidos.

Xunto a esta, a CIG propuxo intervir sobre o gasto menos sensíbel ao consumo e aumentar e mellorar o control da xestión do gasto e que se poña en práctica unha política fiscal e impositiva máis progresiva, onde os que teñan máis sexan os que máis paguen; revisar a fórmula de tributación de colectivos como empresarios e profesionais, para que se avance na súa contribución en porcentaxes equiparábeis aos dos países máis desenvolvidos nas súas políticas sociais; xestionar de forma eficaz os recursos humanos existentes na propia administración, excluíndo a contratación de empresas privadas para a prestación de servizos públicos; promover políticas reguladoras do sistema financeiro, a recuperación dunha banca pública e a imposición de taxas sobre transaccións financeiras internacionais; regular os mercados de valores para salvagardar os dereitos básicos da poboación en materia de alimentación, sanidade, educación, vivenda e da economía social ou pública e reducir ao máximo os orzamentos relacionados coas intervencións militares no estranxeiro, reformulando as políticas de defensa para que obedezan estritamente a obxectivos defensivos.

A representante da CIG tamén demandou que se informe en tempo e forma aos representantes dos traballadores de asuntos tan serios como o borrador de anteproxecto de lei de Administración do Estado ou dos resultados do estudio sobre xubilación parcial e anticipada.

En todo caso, moitas destas medidas terán que ser aprobadas en Galiza, a través da Lei de Orzamentos, polo que dependerá do goberno galego, nomeadamente do PP, a súa aplicación ou non.

Outras novas recentes

Mércores, 24 Abril 2024

Concurso de traslados de corpos xerais e de escalas sociais (24/04/24)

O mércores 24 de abril asistimos a unha xuntanza con Función Pública (estaban presentes o anterior, José María Barreiro, e a nova, Nuria Aguilar).  Deron traslado da seguinte información en relación aos concursos de traslados: Concurso de traslados de corpos xerais O concurso de corpos xerais vai ser publicado o día 15 de maio (puntualizan que “máis ou menos”). Serán...
Xoves, 25 Abril 2024

A CIG demanda o aumento de efectivos de axentes ambientais e que se cumpran os compromisos adquiridos

Tras a primeira xuntanza do Consello da Xunta, o presidente Rueda falou de que “hai unha grande intencionalidade” detrás dos lumes acontecidos estes días. Polo tanto dende a CIG demandamos en consecuencia o aumento de persoal para poder facer fronte a elevada actividade incendiaria. Dende a CIG denunciamos que actualmente dos 387 axentes ambientais pertencentes a...
Mércores, 24 Abril 2024

Prazas para elección de destino de auxiliares-C2 e administrativos-C1 (24/04/24)

A Dirección Xeral de Función Pública achegounos a relación de prazas que teñen previsto ofertar ás persoas que superaron os procesos selectivos de C1-corpo administrativo, e C2-corpo auxiliar: descargar. Xunto coa relación de prazas, vai unha explicación da situación das mesmas. O primeiro que salta á vista é o escaso número de prazas ofertadas.