Máis que CIG-Autonómica

A central realizou mobilizacións e asembleas en todas as comarcas. As marchas de delegados/as da CIG reclaman un cambio radical nas políticas para termos protección social, emprego e industria en Galiza.

A CIG subliña a necesidade de retomar a mobilización e a resposta social para forzar que os gobernos lexislen a favor das maiorías sociais e non do capital. Canto máis se avance na crise derivada da pandemia manténdose este tipo de políticas inxustas e erráticas por parte do Goberno español e da Xunta, máis devastación haberá, tendo en conta que en Galiza xa estabamos nunha grave crise industrial, social e demográfica.

A crise non se pode enfrontar coas mesmas receitas neoliberais

Esta crise non se pode enfrontar coas mesmas políticas neoliberais que tanto dano teñen causado á clase obreira e que xa se demostraron fracasadas. Unhas políticas que chegan ademais nun contexto de pobreza xeneralizada e precariedade laboral froito da aplicación das reformas laborais, das pensións e da negociación colectiva, e de profundos recortes e desmantelamento dos servizos públicos, o que nos deixa nunha situación moito peor e de maior debilidade que na crise de 2008.

Malia os compromisos públicos, o Goberno de coalición non só non derrogou as reformas laborais, das pensións e das prestacións por desemprego, senón que promove unha reedición do pacto social, con todo o que isto significa de políticas laborais inxustas, antiobreiras e de profundo españolismo. O novo acordo social asinado entre o Executivo de Pedro Sánchez, a patronal e os sindicatos españois, que cualificamos de "nova reforma laboral", non garante o emprego nin os ingresos das familias, que deixa en exclusiva nas mans da patronal as decisións sobre a continuidade e duración dos ERTE, ao tempo que se desvían cartos da Seguridade Social, o FOGASA e o SEPE para financiar as empresas.

Este tipo de políticas que o Goberno español están a aplicar son o caldo de cultivo para que a ultradereita poida medrar. O fascismo non se combate con receitas neoliberais nin con máis centralismo.

Feixoo máis preocupado polo rendemento electoral que polo futuro de Galiza

A CIG critica a xestión do Goberno de Feixoo, máis preocupado por facer electoralismo sen escrúpulos de ningún tipo e fomentar unha fraudulenta imaxe reivindicativa ante Madrid, que por exercer as súas competencias e por desenvolver as capacidades que como pobo galego e como nación temos para afrontar esta situación.

As receitas de Feijoo e da súa 'comisión de expertos' afondan no mesmo de sempre: máis regulacións, menos dereitos laborais e redución da carga fiscal para as empresas, promovendo un modelo económico baseado no fomento obsesivo do sector servizos e na eucaliptización do país. Mais Feixoo renuncia a pór en marcha unha política industrial que manteña os nosos sectores produtivos estratéxicos, eficaz para atraer novos proxectos e pechar os ciclos produtivos; a poñer os nosos recursos naturais ao servizo desenvolvemento económico e social de Galiza e non ao servizo da grandes multinacionais; e a reclamar unha transición enerxética xusta para Galiza.

Todo este conxunto de medidas que se nos están impondo converten a desescalada sanitaria nunha desescalada infernal nos dereitos laborais, o emprego e o benestar. Non podemos permitir que esta crise novamente a volva pagar a clase traballadora e o conxunto do pobo galego con máis precariedade, desemprego, emigración e pobreza. 

A CIG fai un chamado a dar na rúa toda a resposta que sexa precisa para mudar esta situación e termos unha Galiza soberana e con futuro.

Outras novas recentes

Venres, 15 Outubro 2021

Feijoo ás voltas con privatizar os servizos públicos

A Xunta quere financiar as escolas infantís privadas de 0 a 3 anos en vez de crear novas escolas públicas A CIG esixe a consolidación e fortalecemento dunha rede pública 100% para a educación infantil. Feijoo, no canto de potenciar a rede pública de escolas infantís, tanto as dependentes directamente da Consellería de Política Social (Axencia) como as do Consorcio Galego de...
Xoves, 14 Outubro 2021

Anteproxecto Lei de medidas 2022: modificación da lei de emprego

Función Pùblica vén de convocar ás organizacións sindicais a unha Mesa Xeral de Empregados Públicos que terá lugar o venres 15 para "negociar" o anteproxecto de lei de orzamentos do 2022 e o anteproxecto de lei de medidas naqueles aspectos que afectan ao persoal empregado público. Afondando no costume instaurado polo director xeral de Función Pública, fomos convocados tamén...
Sábado, 16 Outubro 2021

Orzamentos e lei de medidas 2022: modificación da lei de emprego ás carreiras e sen negociación na Mesa Xeral do 15/10/2021

A Xunta impón a modificación da lei de emprego público e os orzamentos en materia de persoal para 2022 O acontecido na Mesa Xeral de Empregados Públicos do 15 de outubro non foi pasar o rodete, foi unha falta de respecto a todos os traballadores e traballadoras da Xunta de Galiza. Non teñen escrúpulos e desta vez foi o recente falecemento do conselleiro de Facenda a escusa...