Máis que CIG-Autonómica

A central sindical tomará as rúas baixo o lema “Por unha saída galega xusta da crise”

A CIG conmemora este ano o Primeiro de Maio, Día Internacional da Clase Traballadora, cun total de 16 manifestacións e concentracións –a central en Vigo-, en todas as cidades e en múltiples vilas da xeografía de galega baixo o lema “Por unha saída galega xusta da crise”. Un lema que resume as principais demandas da central sindical para enfrontar a crise económica que viñamos padecendo, agudizada agora pola pandemia.

É imprescindíbel derrogar as reformas laboral, da negociación colectiva, das pensións, das prestacións por desemprego ou todas aquelas que supuxeron o desmantelamento dos servizos públicos que, seguen en vigor e están sendo utilizadas para enfrontar a crise neste intre. Reformas que están tendo graves consecuencias para a clase traballadora galega.

A CIG advirte de que se pretenda facer fronte a esta situación acudindo aos fondos europeos a través dunha nova e dura secuencia de reformas como as que xa se anuncian, cun novo ataque ao sistema público de pensións ou que a débeda pública xerada torne en recortes dos servizos públicos, sen ter desmanteladas as políticas que levaron a unha privatización importante dos mesmos.

Por iso consideramos imprescindible levar adiante un auténtico plan de recuperación económica, social e industrial que xere emprego e dignifique as condicións laborais e de vida das galegas e galegos. Políticas que terán que ser reclamadas na rúa este Primeiro de Maio e polas que haberá que intensificar a mobilización en diante.

Goberno PSOE Unidas Podemos

A CIG denuncia ademais que o goberno de coalición do PSOE e Unidas Podemos siga actuando ao ditado destas políticas neoliberais nacidas da crise de 2008, mais disfrazadas cunha enorme propaganda e presentadas a través da lacra do diálogo social. Políticas que están favorecendo a conta de resultados das empresas e as elites económicas que ven na saída da crise unha avantaxe, precisamente pola vixencia das reformas.

A este respecto subliñamos que neste intre o 1% da poboación mundial concentra o 47% da riqueza mundial. Rexeitamos que se aproveite a pandemia para acelerar procesos na economía produtiva, como a descarbonización ou a dixitalización, que están a ter un grave impacto e que supoñen unha ameaza para o conxunto da clase traballadora.

Procesos que está a acelerar a pandemia para os que se están facendo achegas de recursos públicos millonarias. Unha situación que leva a un incerto e ameazador futuro cun aumento do desemprego, caída dos salarios, precariedade e pobreza laboral e unha realidade cada vez máis negra para a mocidade.

ERTEs á carta

Aos despedimentos acumulados desde o 14 de marzo do ano pasado, ao inicio do confinamento, os novos que se están precipitando facilitados, precisamente, polo mantemento das reformas. A CIG xa advertira das consecuencias dos ERTEs á carta e rexeitamos o abandono dunha parte da clase traballadora, precisamente a máis desprotexida, que tiña contratos temporais.

Tamén quedaron desprotexidos importantes sectores da poboación, aparentemente protexidos polos ERTE, aos que as empresas non lles completaron os salarios. Unha situación que deu nunha caída de rendas enorme e máis sectores empobrecidos da clase traballadora, castigados ademais coa tributación que terán que pagar da declaración da renda, porque son os que máis van ter que pagar tendo menos.

Políticas suicidas do goberno Feixó

A CIG responsabiliza ao goberno de Feixó de contribuír de forma decidida ao proceso de destrución dos nosos sectores produtivos e dos nosos sectores industriais e empresas estratéxicas, con comarcas enteiras afectadas, sobre todo no Norte de Galiza, por mor dese proceso de descarbonización e dixitalización.

Acusamos ao Presidente da Xunta de aplicar unha política suicida utilizando ademais de forma autoritaria a súa maioría para aplicala provocando un agravamento da situación como consecuencia da súa submisión e dependencia aos designios de Europa e de Madrid. E cuestionamos non xa os fondos Next Generation pola súa opacidade e porque son un auténtico festín para os fondos de investimento.

Fondos que ven como unha oportunidade o “boom” que se está producindo no sector enerxético que espolian os nosos recursos deixando en Galiza, unicamente o dano social porque para nada crean emprego.

Un proceso que nos vén que non redundará nin no emprego, nin na industria, nin nun futuro digno para o conxunto da clase traballadora, nin para os sectores sociais máis afectados, sexan as mulleres, ou sexa a mocidade que, de novo, está sendo vítima dunha emigración interminables.

As mulleres, as máis castigadas

Denunciamos que se está dando unha feminización da precariedade e da pobreza como nunca antes, porque os sectores máis feminizados, entre os que salientamos hostalería e comercio, son dos máis afectados.

Moitas destas traballadoras que están agora no desemprego ou en situación de ERTE, viñan xa padecendo condicións laborais e salariais precarias, agora agravadas por esta situación de crise. E a estas engadimos as traballadoras dos sectores relacionados cos coidados, onde se evidencia, o absolutamente esenciais que son as tarefas que desempeñan e o precarizadas que son as condicións laborais e de salario que teñen estes empregos.

Por iso, a CIG ten en marcha unha campaña de recollida de sinaturas para unha Proposición Non de Lei de Iniciativa Popular por un Sistema Público Galego de Servizos de Atención ás Persoas que supón a integración nunha única rede pública dos centros ou servizos de coidados entre os que sinalamos residencias, centros de día, centros de atención ás persoas con diversidade ou servizos de axuda no fogar, entre outros.

Outras novas recentes

Xoves, 14 Outubro 2021

Anteproxecto Lei de medidas 2022: modificación da lei de emprego

Función Pùblica vén de convocar ás organizacións sindicais a unha Mesa Xeral de Empregados Públicos que terá lugar o venres 15 para "negociar" o anteproxecto de lei de orzamentos do 2022 e o anteproxecto de lei de medidas naqueles aspectos que afectan ao persoal empregado público. Afondando no costume instaurado polo director xeral de Función Pública, fomos convocados tamén...
Sábado, 16 Outubro 2021

Orzamentos e lei de medidas 2022: modificación da lei de emprego ás carreiras e sen negociación na Mesa Xeral do 15/10/2021

A Xunta impón a modificación da lei de emprego público e os orzamentos en materia de persoal para 2022 O acontecido na Mesa Xeral de Empregados Públicos do 15 de outubro non foi pasar o rodete, foi unha falta de respecto a todos os traballadores e traballadoras da Xunta de Galiza. Non teñen escrúpulos e desta vez a escusa para non informar debidamente e modificar a lei de...
Venres, 08 Outubro 2021

Relación provisional de persoas excluídas das listas de contratación temporal por transformación das listas laborais

No DOG do 08/10/2021 publican a Resolución do 6 de outubro de 2021, da Dirección Xeral da Función Pública, pola que se fai pública a relación de persoas excluídas con carácter provisional das listas únicas para a cobertura con carácter transitorio de prazas reservadas a persoal funcionario de determinados corpos, escalas ou especialidades, resultantes da transformación de...