Máis que CIG-Autonómica

Este xoves, día 6 de maio, ás 11:00 horas, nas sete cidades e Vilagarcía

A CIG leva anos denunciando a situación, tanto laboral como asistencial, das Residencias da Terceira Idade, dos Centros de Día, dos Centros de Atención á Diversidade, dos Servizos de Axuda no Fogar... servizos que o goberno do PP na Xunta vén desmantelando e privatizando para facer deles un novo negocio a costa das persoas máis vulnerábeis. Por iso puxo en marcha unha campaña de recollida de sinaturas, que entra xa na recta final, para levar ao Parlamento de Galiza a demanda dun Sistema Público Galego de Servizos no que estean todos integrados para garantir a calidade asistencial e dignificar as condicións laborais. Unha demanda que levará, máis unha vez, ás rúas galegas este xoves, día 6 de maio.

Mobilizacións

  • Compostela:  Toural, 11h
  • Vigo:  Farol de Urzaiz, 11h
  • Lugo: Edificio Xunta (Ronda da Muralla), 11h
  • Ferrol: Edificio Xunta (Praza Amada García), 11h
  • A Coruña: Edificio Admtvo de Monelos (Praza Luís Seoane),  11h
  • Ourense: Edificio Xunta (Casa de Chocolate), 11:30h
  • Pontevedra: Praza da Peregrina, 11h
  • Vilagarcía: Praza de Galiza, 11h

A crise sanitaria derivada da pandemia da COVID-19 puxo máis de manifesto ca nunca a necesidade de poñer os coidados na prioridade das políticas públicas, e por tanto, a urxencia de investimento público en servizos de atención ás persoas. Evidenciou ademais a situación de febleza dos servizos públicos de atención social e de coidados. Nos servizos de axuda no fogar ou nas residencias da terceira idade e de persoas con discapacidade son manifestas as carencias de persoal e material, falla de protocolos homoxéneos de funcionamento nestes centros, os abusos patronais e os importante niveis de explotación laboral existentes.

Servizos públicos

Para a CIG, os servizos públicos son a única garantía para unha atención digna ás persoas de idade e ás persoas dependentes ou con diversidade funcional. Por iso demanda que as competencias na atención ás persoas vulnerábeis, xa sexa por idade, pola súa discapacidade ou dependencia, sexan asumidas directamente pola Administración Pública Galega. Non é de recibo, e supón unha auténtica barbaridade, que os coidados e a saúde destas persoas vulnerábeis sigan gardando relación cos beneficios e flutuacións en bolsa dos fondos de investimento, multinacionais ou fondos voitre que están detrás das concesionarias destes servizos públicos.

A central sindical entende que estas reivindicacións son, ademais, a resposta urxente e xusta ante a necesidade de afrontar unha das manifestacións máis visíbeis da realidade galega: crise demográfica, aumento constante da poboación maior, elevada dispersión dos núcleos de poboación (maioritariamente de idade avanzada), e precaria capacidade adquisitiva das pensións públicas, especialmente no caso das mulleres.

Unha única rede pública

Por iso propón a creación dun Sistema Público Galego de Servizos de Atención ás Persoas. Unha única rede pública na que estean integrados os centros asistenciais e residenciais da terceira idade; centros de día; centros de atención á diversidade; servizos de Axuda no Fogar e outros recursos como Casas Niño, Casas do/a Maior, Xantar na Casa, Transporte Adaptado..

Servizos que teñen que estar dotados suficientemente tanto de infraestruturas e material como de recursos humanos e nos que se dignifiquen as condicións laborais e salariais de todo o persoal, maioritariamente mulleres, coa aplicación do mesmo convenio colectivo.

Na prestación de servizos ás persoas beneficiarias, a CIG defende a priorización da atención a través desta rede de recursos públicos, antes que as axudas económicas e a supresión de todo tipo de repagamentos na atención e coidados, mediante a aprobación dunha carteira de servizos e prezos públicos. Isto xunto co incremento dos orzamentos públicos destinados a este fin, así como daqueles dirixidos á promoción da autonomía persoal e o envellecemento activo.

A central sindical demanda ademais a transferencia para Galiza de todas as competencias e recursos públicos para desenvolver, aplicar e ampliar a Lei de Dependencia.

Xestión pública galega e proceso de integración do persoal

Xunto a isto, a CIG aposta pola xestión directa polas Administración Públicas de todos os servizos público e considera que é ineludíbel, e máis necesario que nunca, que a xestión destes servizos sexa pública e única en Galiza. Neste sentido, defende a creación pola Administración Pública dos postos e prazas necesarias, reguladas mediante convocatorias públicas, garantindo a prestación destes servizos máis alá das taxas de reposición de efectivos.

En todo caso, a central sindical deixa claro que os recursos e servizos sociais de atención ás persoas teñen que deixar de ser unha actividade socialmente pouco valorada e con condicións de traballo precarias, para pasar a ser considerado un servizo esencial para a cidadanía a prestar polaAdministración Pública en condicións de calidade asistencial para as persoas e con condicións de traballo dignas e estables para o persoal encargado dos coidados.

Outras novas recentes

Venres, 08 Outubro 2021

Relación provisional de persoas excluídas das listas de contratación temporal por transformación das listas laborais

No DOG do 08/10/2021 publican a Resolución do 6 de outubro de 2021, da Dirección Xeral da Función Pública, pola que se fai pública a relación de persoas excluídas con carácter provisional das listas únicas para a cobertura con carácter transitorio de prazas reservadas a persoal funcionario de determinados corpos, escalas ou especialidades, resultantes da transformación de...
Sábado, 16 Outubro 2021

Orzamentos e lei de medidas 2022: modificación da lei de emprego ás carreiras e sen negociación na Mesa Xeral do 15/10/2021

A Xunta impón a modificación da lei de emprego público e os orzamentos en materia de persoal para 2022 O acontecido na Mesa Xeral de Empregados Públicos do 15 de outubro non foi pasar o rodete, foi unha falta de respecto a todos os traballadores e traballadoras da Xunta de Galiza. Non teñen escrúpulos e desta vez a escusa para non informar debidamente e modificar a lei de...
Xoves, 14 Outubro 2021

Anteproxecto Lei de medidas 2022: modificación da lei de emprego

Función Pùblica vén de convocar ás organizacións sindicais a unha Mesa Xeral de Empregados Públicos que terá lugar o venres 15 para "negociar" o anteproxecto de lei de orzamentos do 2022 e o anteproxecto de lei de medidas naqueles aspectos que afectan ao persoal empregado público. Afondando no costume instaurado polo director xeral de Función Pública, fomos convocados tamén...