Máis que CIG-Autonómica

Manifestación en Compostela para o vindeiro 5 de xuño “contra a invasión eólica de Galiza”. A marcha, que coincide co Día Mundial do Medio Ambiente, sairá da Alameda compostelá ás 12:00h.

Este sábado día 5 de xuño, con saída ás 12h desde a Alameda de Santiago, está convocada unha manifestación nacional de rexeitamento ao modelo de desenvolvemento eólico colonial que pretenden impoñer, convertendo a Galiza, unha vez máis, nun territorio de sacrificio para favorecer as ansias especulativas e de negocio do oligopolio enerxético, coa conivencia da Xunta e do Estado.

Esta manifestación, enmarcada no Día Mundial do Medio Ambiente, está convocada/apoiada por máis de 130 colectivos e plataformas ecoloxistas, veciñais, sociais, culturais e sindicais de todo o país, entre os que se atopa a CIG, baixo o lema “Eólica, así non” e reclama a paralización inmediata dos proxectos eólicos en tramitación e un novo modelo enerxético.

Galiza atópase diante dun novo proceso de colonización enerxética que no franquismo destruíu os ríos e agora vai polas terras e montes, mentres se mantén moita xente na pobreza enerxética e comarcas enteiras de Galiza camiño da desertización social e industrial, sen plans alternativos de ningún tipo de reindustrialización, tal e como vimos denunciando desde a CIG.

Temos unha produción de enerxía eléctrica que supera o consumo actual. O 30 % da electricidade producida segue a exportarse fóra do país, mentres o subministro á cidadanía, empresas e industrias galegas seguen a ser dos máis caros do Estado e mesmo con grandes deficiencias.

Galiza necesita ter soberanía sobre dos seus recursos e capacidade para decidir o noso modelo de desenvolvemento económico  para que  reverta na maioría social do País. É precisa unha verdadeira transición ecolóxica galega ordenada, xusta, ao servizo do País e cunha xestión pública que poña fin ao oligopolio das grandes eléctricas. Rexeitamos que a costa do territorio galego, as grandes empresas aproveiten a ocasión do negocio eólico para facer o seu lavado verde, sen ter previamente reparada a súa débeda ecolóxica, nin resolto o impacto social xerado.

O pobo galego debe ser quen decida sobre o aproveitamento dos seus recursos e o seu modelo económico, industrial e social, capaz de procurar un equilibrio territorial e ambiental, que evite a destrución de emprego e a emigración, que pule pola enerxía como ben básico ao servizo do pobo, que cree emprego e industria.

Por iso, desde a CIG, chamamos á túa participación nesta grande marcha que terá lugar este vindeiro sábado día 5