Máis que CIG-Autonómica

A cita será ás 11.00 h diante da Delegación do Goberno da Coruña, e das Subdelegacións do Goberno de Lugo, Ourense e Pontevedra. Partirán autobuses dende Compostela ás 9.45 h de diante do sindicato. 

Nos últimos meses os medios de comunicación veñen publicando informacións sobre xuntanzas no Ministerio de Seguridade Social para facer cambios en materia de pensións sobre a xubilación parcial e os coeficientes redutores para anticipar a idade de xubilación. 

Estamos ante unha nova reforma das pensións, cando hai 14 meses da última, na cal se aumentaron a 29 os anos para o cálculo da pensión; unha reforma que se veu sumar á feita no 2011, acelerando todas elas a caída progresiva das pensións que vimos padecendo nos últimos anos, e que vai camiño xa do 25% de perda na contía da pensión a cobrar, por causa da ampliación da idade de xubilación dos 65 aos 67 anos e do aumento do período de cálculo dos 15 aos 25 anos. Trátase dunha baixada das pensións xeneralizada que, no caso das mulleres, afonda máis a fenda de xénero.

Ademais, sufrimos permanentes atrancos para o recoñecemento de coeficientes redutores da idade de xubilación nas profesións de maior penosidade e perigosidade. Estamos a falar de moitos sectores de actividade e postos de traballo como son os servizos de gardacostas, os sociosanitarios, os servizos de bombeiros/as e axentes forestais, etc. 

Por riba, as sucesivas reformas laborais, que estenden cada vez máis a precariedade, e os permanentes cambios nas normas que penalizan a xubilación anticipada, fan máis graves as discriminacións para acceder á xubilación parcial, xa que só determinados colectivos de persoas traballadoras poden xubilarse aos 61 anos.

Temos que denunciar que estas negociacións se están a dar de forma escurantista e ilegal, no chamado diálogo social, fóra dos organismos oficiais de representación institucional tripartita, sen respectar os dereitos de representación que temos as centrais sindicais máis representativas e maioritarias, como somos a CIG.

Dende a CIG esiximos «luz e taquígrafos» e demandamos transparencia nestas negociacións. Non podemos permitir que, unha vez máis, aproben «pola porta de atrás» unha nova reforma chea de propaganda, que comportará recortes de dereitos e non dará solución ás reivindicacións que dende hai anos vimos reclamando en moitos destes sectores de actividade e postos de traballo, nos que estamos condenadas a prolongar a vida laboral en actividades penosas e de grande esforzo físico e psíquico.

Temos claro que non se pode seguir na inxustiza de prolongar a vida laboral, impedindo chegar á xubilación en condicións de poder desfrutala, como tampouco se poder continuar negando a entrada da xente nova ao mundo do traballo, cronificando a emigración e o paro xuvenil entre as persoas menores de 25 anos.

Por todo isto, e ante o que se está a negociar, dende a CIG esiximos ao Goberno español:

  1. O restablecemento do dereito á xubilación parcial aos 61 anos para todas as persoas traballadoras e sectores, non só para os da industria manufactureira.
  2. A xubilación aos 65 anos, e xubilación voluntaria a partir de ter 35 anos cotizados, reais ou por aplicación dos coeficientes redutores en determinadas profesións.
  3. O recoñecemento e mellora dos procedementos para acceder aos coeficentes redutores para anticipar a xubilación sen recortes e con todos os dereitos.

Goberne quen goberne, as pensións deféndense!