O pasado 14 de xuño tivo lugar unha xuntanza da Comisión de Persoal e da Mesa Sectorial de Funcionarios nas que se trataron os seguintes asuntos: 1) RPT de Política Social; 2) RPT de Cultura, Educación, Formación Profesional e Universidades; 3) RPT de Gain.

Dentro do punto de Rogos e preguntas, o director xeral de Función Pública deu información de: procesos selectivos derivados da Lei 20/21; postos para a elección de destino de veterinarios/as, educadores/as e auxiliares de clínica; previsión de concursos de traslados.

RPT DE POLÍTICA SOCIAL

Fixemos unha exposición real da situación das dúas Residencia obxecto da modificación (As Gándaras e Burela), da cantidade de residentes dependentes que están sen valorar e están considerados como persoas sen necesidade de asistencia, polo que as ratios a considerar non serían as mesmas. Tamén se lles expón que tanto a RM de As Gándaras coma a RM Burela non teñen máis plantas adaptadas para usuarios gran dependentes como fan constar no informe, polo que vai dificultar o traballo a hora de manexar grúas, cadeiras de rodas...., o que sobrecarga e dificulta máis o traballo. Faise análise de categoría por categoría explicando o motivo polo que non son suficientes o número de postos creados na RPT proposta.

As demais organizacións seguen a mesma liña, e opinan que a información enviada non é suficiente xa que vista a exposición da CIG hai moitos datos que non se teñen en conta.

O director xeral de Función Pública resposta que si se están a cumprir as ratios.

CIG considera que a dotación proposta non é adecuada para o incremento de traballo, polo que votamos en contra. CCOO a favor. CSIF e UGT abstéñense.

RPT DE CULTURA, EDUCACIÓN, FORMACIÓN PROFESIONAL E UNIVERSIDADES

CIG vota en contra polas amortizacións. CCOO, CSIF e UGT tamén votan en contra.

RPT GAIN

Os catro sindicatos votan en contra.

ROGOS E PREGUNTAS

Procesos selectivos derivados da Lei 20/21 (lei da temporalidade)

Publicarán as listaxes de persoas admitidas e excluídas das escalas do grupo A1 no DOG do 23 de xuño, tanto as de concurso de méritos como as de concurso-oposición. O resto de grupos irá saíndo segundo as teñan.

Eleccións de destino

Tamén enviarán "en breve" os novos listados de postos para a elección de destino de veterinarios/as, educadores/as e auxiliares de clínica tendo en conta algunhas alegacións presentadas.

Concursos de traslados

Nas "próximas semanas" enviarán un borrador con bases xerais de concursos adaptada a nova normativa de mobilidade.