Dende a CIG esiximos o compromiso de que a solución de aportar prazas, se estenda a todos os concursos pendentes e non só se aplique ao de enxeñerías, arquitecturas e ciencias. E tamén que se comprometan a non retirar prazas vacantes ofertadas do resto dos concursos non resoltos.
O concurso de traslados de enxeñarías, ciencias e arquitecturas, xa está resolto, pero paralizado e pendente de toma de posesión. Quedou gravemente afectado por medidas cautelares que ordenan retirar prazas adxudicadas na resolución do concurso por demandas de compañeiros e compañeiras que as ocupan en destino provisional. As persoas ás que se lles adxudicou no concurso un deses postos, quedarían fora do mesmo, tendo que retornar ao seu posto de orixe.
O conselleiro de Facenda e Administración Pública, Miguel Corgos, ofreceu no Parlamento o mércores 10 unha solución para desliar este concurso. Afirma que negociarán coas oito persoas que concursaron e que están afectadas polas medidas cautelares para ofrecerlles un posto alternativo, incluso coa posibilidade de mudar a RPT, e permitir a toma de posesión.
A Administración parece que recolle a idea que lle propuxemos en agosto e que reiteramos nas asembleas co persoal dos edificios administrativos. Pero observamos que está a falar de aplicar esta solución a un so dos 10 concursos que están en marcha cando sabemos que hai mais afectados.
A retirada de prazas dos concursos previa a asignación de postos
Moito nos tememos que sexa moi probable que naqueles concursos que aínda non están resoltos (escalas sociais, corpos xerais, e un longo etcétera), tiren por outro camiño: directamente retirar postos vacantes ofertados no concurso antes da resolución. Ou incluso no caso dos concursos pendentes de convocar (informática, coidadores/as, etc.), que nen sequera cheguen a ofrecer os postos afectados no listado inicial de vacantes.
Dito todo isto, a CIG reclama ao conselleiro de Facenda e á directora xeral de Emprego Público, unha solución global a todos os concursos, convocados e pendentes de convocar, resoltos e pendentes de resolver, sendo a única solución que vemos, a duplicación de prazas alí onde sexa necesario.
O venres 12 de setembro, os sindicatos estamos convocados pola directora xeral de Emprego Público, para tratar a situación do concurso de enxeñarías, ciencias e arquitecturas. A CIG tentará que se comprometan a estender a solución ao resto dos concursos.