Novas por contido

A directora xeral de Emprego Público e Administración de Persoal convocounos para falar deste asunto o día 06/08/2025. Antes da resolución do concurso de traslados de enxeñarías, arquitectura e ciencias xa tiveran que retirar dous postos por medidas cautelares de persoas en destino provisional que demandaron o destino definitivo. Pero despois de publicar a resolución do concurso o 11 de xullo, recibiron outros 9 autos de medidas cautelares. 8 deles son por procedementos ordinarios e 1 por extensión de efectos de sentenza. Das 9 medidas cautelares, 8 afectan a postos xa adxudicados ao concurso e que agora se ven obrigados a non adxudicar. A outra medida cautelar non afecta a postos adxudicados no concurso.

Prevén que a primeiros de setembro poidan chegar máis medidas cautelares e xa non poderán cumprir co compromiso de que en xullo/agosto serían as tomas de posesión do concurso e destinos definitivos dos procesos. Non sería ata setembro, sempre e cando poidan garantir a seguridade xurídica do proceso.

Respecto do concurso de traslados:

  • As persoas afectadas non serán só as 8 ás que se lles adxudicaron os postos agora retirados por medidas cautelares, senón tamén todas aquelas ás que se lles adxudicou por resultas un dos postos que puideran deixar esas 8 persoas.

  • Non farán unha rebaremación. É dicir, que as persoas que por medidas cautelares queden sen posto, quedarán directamente fora do concurso, sen opción a adxudicárselle outro. Xustifican isto alegando que se rebareman e finalmente a xustiza rexeita no futuro a petición dalgunha das persoas á que lle deron medidas cautelares, hai risco de que a totalidade do concurso quedase anulado. Tal e como fan, os efectos futuros dunha sentenza desestimatoria serían só sobre os postos retirados.

Respecto das eleccións de destinos:

  • Hai postos suficientes. O risco está nos postos abertos a varias escalas e subgrupos, de xeito que se hai moita xente de A1 que colle postos A1/A2, hai riscos de que non cheguen de A2. O mesmo ocorre con postos abertos a varias especialidades. Por esa razón, e segundo o caso, poderían convocar elección de destino gradualmente ou por lotes de especialidades.

  • Chegado o momento, se teñen problemas, farían unha modificación urxente da RPT para adaptar postos.

  • Non especifican se utilizarían ou non postos vacantes que non pasaron polo concurso. A solución que darán queda aberta segundo as necesidades que teñan.

O problema CREADO POR ELES AO NON TER FEITO OS CONCURSOS DE TRASLADOS A TEMPO é gordo e de moi difícil solución en canto a que falamos de ordes xudiciais de medidas cautelares de obrigado cumprimento.

Dende a CIG pedimos que se non é posible rebaremar o concurso, a solución non é excluír a persoas que concursaran a esas prazas e plantexamos a opción de duplicar prazas alí onde sexa necesario e que se lles adxudiquen. Porque estas persoas son perxudicadas e non é responsabilidade delas.

Sobre outras cuestións pendentes non dá información de previsión de tempos. Quedou clarificado que a elección de destinos dos procesos posteriores aos procesos de estabilización, non serían simultáneos cos concursos e coa estabilización. É dicir, que agora queren solucionar: primeiro os concursos de traslados, e despois, seguindo a orde na que foran convocados os procesos selectivos, serían os destinos provisionais, estabilización por concurso, e estabilización por concurso-oposición. Unha vez finalizado todo isto comezarían cos destinos definitivos dos procesos selectivos posteriores (maioritariamente procesos coa forma de oposición).

Outras novas recentes

Venres, 13 Novembro 2026

Promoción interna de corpos xerais; funcionarización en excedencia; finanzas-veterinarios/as-agacal-gain-intecmar (MSF e MX 10/11/26)

O martes 10, véspera da Folga Xeral, asistimos á Mesa Xeral e Mesa Sectorial de Persoal Funcionario, nas que se trataron as convocatorias de promoción interna a corpos xerais e dos procesos de funcionarización de persoal laboral fixo que está en excedencia. Na rolda aberta de intervencións a DXEP deu información da escala de finanzas, da repesca de funcionarización de...
Venres, 13 Novembro 2026

RPT Emprego, Comercio e Emigración (11/11/26)

A Consellería de Emprego, Comercio e Emigración, convocou aos sindicatos a unha xuntanza para falar da súa proposta de modificación da Relación de Postos de Traballo da consellería. Descargar Contactamos coa consellería para pedir explicacións polo feito de que nos convocasen con menos de 48 horas de antelación (restando a xornada de Folga Xeral), o que imposibilita estudar...
Luns, 09 Novembro 2026

A CIG convoca 17 mobilizacións por todo o país na xornada de folga xeral do 11N

A central nacionalista empraza a clase traballadora galega a visibilizar a parálise da actividade económica e laboral da xornada de 24 horas asistindo masivamente ás marchas A CIG anunciou a convocatoria dun total de 17 mobilizacións por todo o país durante a xornada de folga xeral prevista para o vindeiro 11 de novembro baixo o lema 'Galiza en loita por unha vida digna'...