Xa o advertimos hai meses, a retirada de postos “afectados” do concurso de traslados da escala de veterinarios/as, mostra o que vai pasar no resto de concursos: a desaparición de postos vacantes pola incapacidade da Xunta.

Función Pública ven de publicar en DOG (14/11/25) unha resolución na que abren o prazo para que os compañeiros e compañeiras da escala de veterinarios/as soliciten os postos (vacantes e potenciais vacantes) no seu concurso de traslados. A resolución inclúe un anexo con nove postos retirados da oferta inicial, xustificando isto nas medidas cautelares ditadas polo Tribunal Superior de Xustiza de Galiza e as execucións de sentenzas efectuadas con posterioridade á publicación da convocatoria. Nese mesmo día, ante a queixa polo que estaban a facer, a directora xeral de Emprego Público (DXEP) confirmou nas mesas de negociación, que retiraba os postos “afectados” por sentenzas.

Tres semanas atrás, a CIG preguntou á DXEP polas razóns de que na relación de postos vacantes ofertados neste concurso de traslados e que está publicada no web de Función Pública, había 9 postos en cor vermello (cando todos os demais están en negro). A resposta da DXEP foi que non tiña coñecemento, que pescudaría e informaría. Nunca máis informou; e tres semanas despois, oh, sorpresa!, os nove postos en vermello coinciden cos nove retirados do concurso de traslados na Resolución do 14/11/25.

Así pois, cúmprese o que a CIG sospeitaba que farían cando saltaran as alarmas no concurso de enxeñarías, arquitecturas e ciencias: que a solución de duplicar postos sería só para os postos adxudicados nese concurso, pero que para os demais solucionarían eliminando postos antes da súa adxudicación. E así fixeron neste de vetarinarios/as, e así sospeitamos que farán en todos aqueles concursos que teñen postos ocupados por funcionarios e funcionarias de novo ingreso que están en destino provisional.

O que está a facer a DXEP con este proceder é cargar no persoal empregado público as consecuencias de anos e anos de inacción da Xunta: lustros entre concursos de traslados, e lustros de destino provisional. E agora desaparecen postos que por lóxica, deberían ser ofertados primeiro no concurso de traslados.

O persoal funcionario non ten porque seguir a pagar as consecuencias das inaccións da Xunta. Así que na liña do falado nas asembleas que convocamos en setembro, ou a manifestación posterior, esiximos que dupliquen todos aqueles postos que teñan que retirar por sentenza ou auto xudicial.

Posto bloqueado, posto duplicado

Para rematar, dicir que a CIG reuniuse co grupo do BNG e PSdeG do Parlamento de Galiza, para falarmos do que estaba a pasar cos concursos de traslados e os destinos provisionais, e expresarlles que para nós, a única solución é a duplicación de postos, non a súa retirada. O grupo do Partido Popular nunca respostou á nosa petición de xuntanza.