Novas por contido

A CIG demanda unha prelación xusta, axilidade na resolución, máis medios e a duplicidade dos postos bloqueados por medidas xudiciais

Traballadoras e traballadores da Xunta de Galiza concentráronse na mañá do martes 30 de setembro de 2025 diante do edificio administrativo de San Caetano para esixir unha solución inmediata aos concursos de traslados, paralizados dende hai anos. Con esta protesta, convocada pola CIG, reclamamos que se garanta unha prelación xusta de dereitos na provisión dos postos, a axilización da resolución dos procesos multiplicando os medios humanos e materiais e a duplicidade dos postos bloqueados de maneira cautelar por resolución xudicial.

A CIG salientou que esta paralización afecta a milleiros de persoas empregadas públicas da Administración galega e culpou á Dirección Xeral de Emprego Público (DXEP) de provocar este descomunal problema ao non convocar concursos de traslados durante lustros ou décadas. A esta non convocatoria súmase que a Administración xeral da Xunta lle deu destino provisional a persoal que lle correspondía destino definitivo e que agora o reclama xudicialmente, ocasionando con isto unha situación de alteración moi grave da orde lóxica de adxudicación de postos, que ademais ten consecuencias sobre os procesos selectivos onde hai persoal pendente de nomeamento.

A CIG explicou que o concurso de traslados é un dos procedementos legais que ten o persoal empregado público para cambiar de posto e para poder moverse xeograficamente, e que as escalas afectadas, que levan 10 ou 15 anos sen traslados, son diversas: persoal veterinario, escalas sociais, enxeñarías, persoal de incendios forestais, e toda unha longa lista de escalas que verían alterada a orde lóxica de adxudicación de postos.

Nulidade dos destinos provisionais

A CIG lembrou que en decembro de 2022 aprobouse no Parlamento a Lei 5/2022, de medidas urxentes para a redución da temporalidade no emprego público na Comunidade Autónoma de Galiza, que estabelece que as persoas que aprobasen os procesos de temporalidade serían nomeadas en destino provisional. Porén, o Tribunal Constitucional xa declarara nulo un artigo similar da lei canaria, porque na normativa básica do persoal empregado público non existe a figura do destino provisional.

Como consecuencia, dende a CIG sinalamos que o 26 de xuño de 2024 temos a primeira sentenza do Tribunal Superior de Xustiza de Galiza cunha funcionaria en destino provisorio á que se lle tivo que transformar o destino en definitivo. A CIG tan pronto tivo coñecemento desta resolución, solicitou información a Función Pública quen, finalmente, en marzo acordou acelerar os concursos en marcha e convocar os pendentes, pero co problema de que comezaron a chegar máis sentenzas.

A DXEP ordena, entón, retirar do concurso os postos afectados por sentenzas ou medidas cautelares e adxudicarllos definitivamente a persoas que as ocupaban en destino provisional. No caso do primeiro concurso con problemas, o de enxeñerías, ciencias e arquitecturas, acaba de aprobarse a duplicación dos postos afectados, como xa propuñamos dende a CIG en agosto, pois era a única solución cabal.

A Dirección Xeral de Emprego Público non propón solucións

A CIG denuncia que esta duplicación só afecta a oito postos con medidas cautelares e non se estende a máis postos nin a máis concursos. Deste xeito, a Administración non aclara que pasará cos próximos concursos ou que van facer se chegan máis medidas xudiciais logo das tomas de posesión e, o que é máis grave, tampouco se propón ningunha outra medida efectiva para axilizar os concursos de traslados.

Mentres a DXEP escúdase na multiplicidade de concursos en marcha, na súa complexidade e na falta de medios materiais e persoais para levar adiante os 11 concursos iniciados. Para a CIG esta situación é produto da nefasta xestión de persoal da Administración xeral da Xunta dos últimos 15 anos, polo que reclama medidas para axilizar os concursos, que se garanta unha orde xusta de prioridade, e se respecte o dereito prioritario á provisión de postos mediante concursos de traslados ordinarios.

Outras novas recentes

Martes, 11 Agosto 2026

O presidente vai de procesión: Rueda pode facer o que lle pete; a Xunta, non

Na CIG defendemos unha Administración pública aconfesional, neutral e de todas e todos, que non empregue os seus medios institucionais para dar relevancia pública a unha opción relixiosa particular, nin para facer publicidade da dimensión persoal de quen ocupa a Presidencia. Si, Alfonso Rueda, a título persoal, pode facer o que lle pete: pode ir a unha procesión, acudir á...
Mércores, 12 Agosto 2026

A Xunta chama «absentismo» ao colapso do Sergas

Galiza non ten unha taxa de baixas superior á doutras comunidades, senón unha duración media das incapacidades temporais desproporcionada, debido ás listaxes de agarda do Sergas, que bloquean as recuperacións; motivo polo que a CIG esixe a derrogación de calquera medida penalizadora da incapacidade temporal do persoal empregado público e o reforzo da atención sanitaria...
Martes, 11 Agosto 2026

A Consellaría do Medio Rural asina acordos aos cachos para o persoal do SPIF

O luns día 10 de agosto a Consellaría do Medio Rural e as organizacións sindicais CCOO, CSIF e UGT asinaron uns acordos parciais para o persoal do SPIF que entenden que son un logro sen precedentes. Para a CIG isto dista moito da realidade. Deseguido explicámosche o porque.En primeiro lugar, a Consellería tiña moita présa en pechar estes acordos en pleno verán; tanta, que...