Tras a xuntanza que tivemos coa Consellería de Sanidade o 5 de decembro, o luns 15 pasou por Mesa Sectorial de Negociación de Persoal Funcionario (MSF) a proposta de Decreto da Oferta de Emprego Público (OEP) de escalas sanitarias do ano 2025, e a convocatoria do proceso selectivo tamén das escalas sanitarias correspondente a todas as prazas das OEP dos anos 2022, 2023 e 2024.
Os documentos que envían, para os dous asuntos, non teñen cambios respecto do borrador inicial, e nesta Mesa a consellería tempouco moveu os textos. Así que estamos nun punto no que é probable que non acepten cambios.
Para a OEP-2025, manifestamos:
- Axilidade: que non pase máis dun ano entre oep e convocatoria, e entre convocatoria e nomeamento.
- Cuantificación: das 23 prazas ofertadas, 21 son vacantes por xubilación e queremos saber os números de vacantes de cada clase. A resposta de Sanidade é que por cuestións organizativas decidiron concentrar as vacantes nas clases de inspección e subinspección médica (17 prazas).
- Previsión de xubilacións: habilitan a convocatoria de prazas adicións por previsión de xubilacións dos dous anos seguintes. O problema que xenera é que hai riscos de deixar fora a persoas que superen o proceso se finalmente non se efectiviza unha das xubilacións previstas.
- Forma de acceso: concurso-oposición. Defendemos que conste a porcentaxe 40-60.
- Tribunais: a súa composición será paritaria para o conxunto da oferta. Defendemos que sexa paritaria para cada convocatoria.
- Promoción interna: limítanse a dicir que se respectará o mínimo legal (25%). CIG defende que sexa do 50% e separada da libre.
- Galego: indica que as bases “establecerán o carácter deste exame". Con iso permiten que poida ser non eliminatorio. Rexeitamos que un funcionario ou funcionaria poida non estar capacitado/a para comunicarse cunha persoa que lle fale en galego.
Para a convocatoria do proceso selectivo dos anos 2022 a 2024
- Inclusión das prazas da OEP 2025: a convocatoria que propoñen correspóndese con todas as prazas das OEPs dos anos 2022, 2023 e 2024. Propomos que sumen as prazas da OEP 2025 (a do punto anterior) que vai quedar publicada antes de rematar o ano.
- Actualización do temario: o temario da parte específica é do ano 2021, e podería necesitar unha revisión. En todo caso, queremos normas de dereito positivo en troques de temas, e se non é posible, que publiquen manuais ou referencias bibliográficas.
- Fase de concurso: defendemos unha revisión nas seguintes liñas:
- Que sexa diferente en promoción interna e acceso libre
- Que a experiencia na propia administración puntúe máis que noutras
- Que a experiencia na mesma clase aumente o seu peso respecto da experiencia noutros postos
- Que desapareza a puntuación por permanencia (xa vai na experiencia).
- Que para a formación non puntúe a impartición mentres non haxa criterios obxectivos e transparentes para a selección de persoas formadoras
- Valorar só a formación de entidades públicas
- Proba de galego: a proba de galego debe ser eliminatoria, pois non pode superar o proceso unha persoa que non estea capacitada para atender á cidadanía no seu idioma.
- Infrarrepresentación feminina: se existe, que sexa o primeiro criterio de desempate.
- Linguaxe inclusiva: solicitamos o emprego de linguaxe inclusiva na totalidade do texto, dándolle preferencia ás formas neutras, polo que pedimos a súa revisión.
Tras pasar pola MSF, agora toca que sexa aprobada en Comisión de Persoal e, unha vez que decida o Consello da Xunta, irá para o DOG.