Novas por contido

No relativo ao persoal funcionario das escalas sanitarias (Lei 17/1989), o venres 5 de decembro asistimos a unha xuntanza convocada pola Secretaría Xeral Técnica da Consellería de Sanidade para tratar a súa proposta de Oferta de Emprego Público (OEP) do ano 2025 e a convocatoria do proceso selectivo das prazas pendentes das OEP 2022, 2023 e 2024.

OEP-2025

Sanidade propón convocar 23 prazas, asegurando que van ao máximo permitido por lei (taxa de reposición do 110%). Así que a primeira intervención da CIG foi para pedir datos desagregados por clases e por orixe das vacantes. Sanidade responde que tiveron 21 xubilacións, que non houbo máis causas de vacantes nin de ingresos, e que as outras dúas prazas son polo 110% de taxa. No que concirne aos datos de vacantes por clase, di que estas coinciden «substancialmente» coas ofertadas. Non nos vale, queremos máis concreción.

A maiores, manifestamos o seguinte:

  • Axilidade: é inaceptable que entre oferta e convocatoria poidan pasar 2-3 anos, e entre convocatoria e nomeamento outros tantos. Queremos que dende a oferta non pase máis que un ano ata a convocatoria, e outro ano máis, como moito, entre convocatoria e nomeamento.

  • Non concordamos con ofertar as previsións de novas xubilacións: existe o risco de deixar fóra a persoas que superen o proceso selectivo (se finalmente non se produce a xubilación), e porque introduce incerteza canto a que o número de prazas convocadas pode non coincidir coas ofertadas.

  • Forma de acceso: concordamos co concurso-oposición. Solicitamos que xa na oferta se indique a porcentaxe (defendemos 40-60).

  • Promoción interna: resúltanos insuficiente dicir que cumprirá co mínimo legal do 25%. Defendemos que sexa separada do acceso libre, e co 50% da oferta.

  • Idioma galego: indican que as bases das convocatorias «establecerán o carácter deste exame». Con isto están a indicar que o exame de galego pode ser eliminatorio ou non. A CIG rexeita que poida obter praza alguén que non teña a capacidade de atender no seu idioma ás persoas que se dirixan ao persoal en galego.

Proceso selectivo

- Inclusión das prazas da OEP 2025: a convocatoria que propoñen correspóndese con todas as prazas das OEPs dos anos 2022, 2023 e 2024, así que a primeira proposta da CIG é sumar xa nesta convocatoria as prazas da OEP 2025 que quedará publicada antes de rematar o ano. 

- Linguaxe inclusiva: solicitamos o emprego de linguaxe inclusiva na totalidade do texto, dándolle preferencia ás formas neutras, polo que pedimos a súa revisión.

- Redución e exención de taxas: demandamos que se impulsen as modificacións legais para que as persoas desempregadas e as familias monomarentais e monoparentais queden exentas do 100% das taxas; e pedimos que se reduzan para adaptalas á realidade de perda de poder adquisitivo da cidadanía en xeral.

- Actualización das denominacións das clases: pedimos que se revisen, para adaptalas á situación actual (coexistencia de titulacións pre e post-Boloña); e tamén que se estableza de xeito unívoco cal é o nivel MECES requirido en cada caso, en vez de establecer distintas  titulacións pre e post-Boloña que non son equivalentes.

Fase de oposición

- Actualización do temario: o temario é do ano 2021. Queremos unha revisión, pois nestes anos é probable que haxa cousas que conveña revisar. En todo caso, queremos normas de dereito positivo en troques de temas. E se non é posible, que publiquen manuais ou referencias bibliográficas.

- Revisión do número de preguntas dos exercicios

Fase de concurso

- Defendemos unha revisión nas seguintes liñas:

  • Que sexa diferente en promoción interna e acceso libre
  • Que a experiencia na propia administración puntúe máis que noutras
  • Que a experiencia na mesma clase aumente o seu peso respecto da experiencia noutros postos
  • Que desapareza a puntuación por permanencia (xa vai na experiencia)
  • Que para a formación non puntúe a impartición mentres non haxa criterios obxectivos e transparentes para a selección de persoas formadoras
  • Valorar só a formación de entidades públicas
  • Inclusión dunha epígrafe para a formación en linguaxe administrativa

- Proba de galego: a proba de galego debe ser eliminatoria, pois non pode superar o proceso unha persoa que non estea capacitada para atender á cidadanía no seu idioma. Propoñemos que as persoas candidatas fagan, como mínimo, o exercicio da parte específica do programa en galego. En todo caso, é imposible valorar se unha persoa ten a capacitación lingüística correspondente  ao nivel Celga 4 cun test de 10 preguntas en 15 minutos de duración. 

- Designación dos tribunais: estamos en contra da designación directa «a dedo» das persoas que os compoñen. Ademais, no marco do aforro no gasto público, debería haber especialistas no tribunal con coñecementos suficientes para evitar que se teña que solicitar apoio de persoas asesoras alleas ao propio órgano.

- Infrarrepresentación «feminina»: defendemos que a única infrarrepresentación a ter en conta sexa a feminina, non unha infrarrepresentación unisex para homes e mulleres. Ademais, solicitamos que se aplique este criterio de  infrarrepresentación feminina como primeira opción de desempate (e non como penúltima opción).

Supoñemos que tanto a OEP como a convocatoria irán en poucos días para a Mesa Sectorial de Persoal Funcionario e posteriormente á Comisión de Persoal. Ten que ser antes de rematar o ano.

Outras novas recentes

Luns, 06 Abril 2026

Concurso de traslados de axudantes de carácter facultativo, técnico e agrupación profesional: relación definitiva de admitidas

No DOG do 06/04/2026 publican a RESOLUCIÓN do 31 de marzo de 2026, da Dirección Xeral de Emprego Público e Administración de Persoal, pola que se aproba a relación definitiva de persoas admitidas e excluídas do concurso ordinario para a provisión de postos de traballo vacantes de varias escalas e especialidades do corpo de axudantes de carácter facultativo de Administración...
Mércores, 08 Abril 2026

Campaña da Renda 2025 para persoas afiliadas á CIG

Como todos os anos, durante a campaña de realización do Imposto sobre a Renda das Persoas Físicas (IRPF) desde a CIG ofertamos o servizo de realización das Declaracións da Renda a todas aquelas persoas afiliadas que teñan as cotas ao día. A campaña da renda deste ano comeza o día 8 de abril 2026 rematando o 30 de xuño 2026. Para solicitar cita podes facelo por dúas vías: 1....
Xoves, 09 Abril 2026

Problemática das listas das escalas sanitarias da Lei 17/1989

Na Comisión de Persoal do xoves 9 de abril dende a CIG preguntámoslle á DXEP pola problemática das listas da lei 17. Levamos máis de catro anos sen a convocatoria da comisión de seguimento desas listas. E seguen facéndose chamamentos con criterios opacos: o persoal descoñece a súa posición real nas listas, porque nas listaxes non hai indicación de quen está en activo e quen...