Asistimos á Comisión de Persoal do luns 26 de xaneiro. Os puntos da orde do día eran uns procesos de SPIF (concurso-oposición e estabilización). Na rolda aberta de intervencións, a CIG pediu información do estado dos concursos de traslados e a previsión dos que están pendentes.
PROCESO SELECTIVO DE XEFE/A DE BRIGADA-B E BOMBEIRO/A FORESTAL-C2
Son procesos de concurso-oposición a persoal funcionario das OEP de 2024 e 2025, 29 prazas para xefe/a de brigada-grupo B, e 199 prazas para bombeiro/a forestal-subgrupo C2.
A directora xeral de Emprego Público e Administración de Persoal (DXEP) aceptou modificar a proba física de xeito que pasa de ser unha proba puntuable por tempos, a outra eliminatoria con apto/non apto como defendeu a CIG.
En canto á promoción interna para xefe/a de brigada dende o subgrupo C2, a DXEP explicou que esta convocatoria é para grupo B, e que é legalmente imposible promocionar dende o subgrupo C2 saltando o C1. A CIG é consciente desta limitación legal, e por iso nas nosas alegacións foron na liña de solicitar á Xunta que impulse ante o Goberno do Estado as reformas legais necesarias para permitir a promoción dende calquer subgrupo como si está permitido para o persoal laboral. Dito isto, aproveitamos para lembrar que precisamente este foi un dos problemas da funcionarización que pactaron outros sindicatos e que a CIG advertiu. Agora veñen as consecuencias.
O primeiro exercicio non será ata dentro de tres meses. Isto vai en contra do habitual, que é aos seis meses. A CIG valora que neste caso temos a moita xente que xa leva meses preparándose para as convocatorias de persoal laboral que acaban de eliminar e que tiñan o exame previsto para o mes de febreiro deste ano, polo que excepcionalmente aceptamos tres meses. Outros sindicatos manteñen 6 meses.
Votos: CIG abstención. CCOO, CSIF e UGT en contra.
ESTABILIZACIÓN POR CONCURSO PARA XEFE BRIGADA-III-100, BOMBEIRO/A FORESTAL E B.F.CONDUTOR-V-14-14A
Estas convocatorias veñen impostas por unha emenda que o PP presentou no Parlamento de Galiza e que anula parte da oferta de emprego do 2023 de incendios, xa convocadas no 2025. Descargar convocatoria V-14-14A. Descargar convocatoria III-100.
Anos antes, a CIG solicitaramos que se trataran todas as prazas das brigadas de 2019 en condicións de igualdade: incluír todas, ou excluír todas. A Xunta non fixo caso, sacou unha parte, e agora eméndanse a si mesmos tomando decisións sen negociación nin información.
CIG abstívose. CCOO, CSIF e UGT votaron a favor.
CONCURSOS DE TRASLADOS
Na rolda aberta de intervencións preguntamos polo estado dalgúns concursos de traslados que teñen procesos selectivos pendentes. Esta foi a información que deu a DXEP:
A1-Informática. O proceso selectivo de libre e promoción interna foi convocado en xullo/2023, a relación de aspirantes que superan o proceso selectivo é de marzo/25. Deben convocar concurso de traslados previamente ás tomas de posesión definitiva do persoal de novo ingreso. A DXEP afirma que van convocar o concurso de traslados.
A1-Estatística. O proceso selectivo (libre e promoción interna) tamén foi convocado en xullo/2023, a relación de aspirantes que superan o proceso selectivo é de novembro/2024. A DXEP afirmou fai uns días que o concurso desta escala sería un dos que negociarían proximamente. Solicitamos máis información. A DXEP resposta que xa están a traballar coas bases e a relación de prazas para o concurso.
A2-Inspección de turismo. Proceso selectivo tamén convocado en xullo/23, co baremo definitivo publicado en decembro do 2025. Queremos a convocatoria dun concurso de traslados previo, pois o anterior foi resolto no ano 2009. A DXEP afirma que teñen previsto convocar concurso de traslados.
B-Axentes ambientais. O baremo provisional do proceso selectivo foi publicado en xaneiro deste ano. Pola súa parte, o concurso de traslados está resolto en decembro/25, pero pendentes da data de toma de posesión. Manifestamos que este concurso foi convocado en decembro/23, polo que tamén é necesario convocar un novo concurso de traslados xa que en dous anos haberá vacantes novas que non pasaron polo concurso. A DXEP limítase a dicir que dende a publicación do baremo provisional do proceso selectivo, pasará un mes aproximadamente para a publicación do baremo definitivo, e que a continuación xa poderían finalizar o concurso de traslados e proceso selectivo.
XUBILACIÓN ANTICIPADA POR COEFICIENTES REDUTORES DE AXENTES AMBIENTAIS/FORESTAIS
A CIG informou de o INSS négase a tramitar as peticións nalgunha oficina porque non existe un modelo normalizado de solicitude, o que está a prexudicar a algún/algunha compañeiro/a que quere tramitar xa o seu dereito. Solicitamos á DXEP que faga as xestións necesarias co INSS para solucionar o problema. Aínda que na CIG xa levamos esta cuestión ao Consello Xeral da Seguridade Social en Madrid e o estamos a tratar coas direccións do INSS, non está de máis que a Xunta se molle e axude ao seu persoal. Se tes problemas contacta coa CIG.
A DXEP recolle a suxestión e afirma que o no está da súa man, tratarán de non dificultar a tramitación.