Novas por contido

O Grupo Popular do Parlamento de Galiza meteu na Lei de medidas fiscais e administrativas dos Orzamentos de 2026 unha emenda que cambia por completo os procesos selectivos do SPIF.

Afecta aos procesos extraordinarios da Lei 20/2021 das brigadas de bombeiros/as forestais e tamén ás prazas xa convocadas da OEP 2023. É unha modificación sen aviso, sen negociación e sen informar ao persoal.

O PP xustifica o cambio nunhas supostas “sentenzas” que non identifica nin explica. Mentres tanto, o CSIF correu a atribuírse unha repercusión que máis alá da sentenza 600/2024 do TSXG, que anula as convocatorias de concurso e concurso-oposición da Lei 20/2021 para bombeiros/as forestais de persoal funcionario do C2 e a categoría análoga en laboral. Pero é que a CSIF tampouco  identifica esa sentenza, polo que realmente non coñecemos ningunha resolución firme que avale unha intervención tan dura.

Resulta especialmente grave que, mentres nas Mesas de negociación se negaba a existencia de reunións sobre a eliminación da OPE 2023, esta emenda confirme que houbo movementos paralelos e conversas alleas aos espazos formais, beneficiando a quen buscaba corrixir pola porta de atrás os efectos dunha sentenza que eles mesmos provocaron. Un xeito bastante conveniente de intentar saír da súa propia contradición, cun apoio político que cada quen poderá interpretar como considere. Por que se agochan detras do PP? Que foi o que pasou realmente?

O primeiro que a CIG-Autonómica quere deixar claro é que o proposto na emenda SI concorda co incremento de prazas. Sempre defendemos que as prazas do persoal bombeiro/a fixo-descontinuo debían tratarse de xeito igualitario en relación ás demais, xa que son prazas da mesma natureza e creadas no mesmo momento. Esta foi unha das razóns fundamentais polas que a CIG non asinou no seu momento o Acordo de estabilización. Pero o que non podemos aceptar é que agora eliminen 327 prazas da OEP 2023, se suspendan procesos xa convocados e se use unha emenda parlamentaria para impor cambios sen informes, sen publicidade e sen participación. Isto vulnera principios básicos do EBEP, deixa o persoal sen garantías e produce unha incerteza brutal.

Toda esta opacidade por parte do goberno da Xunta fai que nos preguntemos que se todo é o que parece por que non se fixo esta negociación con luz e taquígrafos nas mesas de negociación onde se negocian as condicións de todo o persoal público?

Por parte da CIG esixiremos aclaracións polo menos das seguintes cuestións:

1. Que sentenzas concretas, con número, data e órgano xudicial, sustentan a convocatoria de prazas por concurso de méritos? Por que introducen nestes procesos 311 cando anulan 327?

2. En que se basea a Administración para vincular eses supostos fallos xudiciais á supresión das 327 prazas da OEP 2023, cando non existe ningún pronunciamento coñecido que ordene tal medida?

3. Que garantías hai de que os procesos selectivos da lei 20/2021 de persoal funcionario bombeiro/a forestal C2 non van resultar posteriormente afectados pola nulidade xudicial da sentenza 00600/2024 do CSIF?

4. É consciente a Administración de que a anulación da OEP 2023 prexudica gravemente ao persoal opositor que xa tiña expectativas lexítimas creadas?

5. Cales van ser as condicións e baremo do novo concurso de méritos? Van ser iguais ao da Lei 20/2021?

6. Por que a Administración mentiu e non convocou unha Mesa de negociación formal con todos os sindicatos para abordar estas sentenzas e a súa afectación ?

7. Realizáronse reunións bilaterais con CSIF, CCOO ou UGT sobre esta materia? En caso afirmativo, cando, onde e con que documentación?

Por todo isto, a CIG ven de esixir a convocatoria urxente da Mesa Xeral, a entrega das sentenzas e informes usados como escusa, o detalle das prazas futuras e  que non se tomen medidas para anular a OEP 2023 ata que se negocie o que marca a lei.

Non imos permitir manobras opacas que condicionen o futuro do persoal público galego.

Outras novas recentes

Martes, 28 Xullo 2026

Plantón sindical na Mesa Xeral pola non negociación dun acordo para o Persoal Non Docente

A Consellería da Imposición e falta de Educación, segue a mofarse do Persoal da Administración e Servizos dos centros educativos, e levan á Mesa Xeral de negociación a modificación da relación de postos de traballo (RPT), sin propoñer nin dar datas de cara á negociación dun Acordo Marco de condicións de traballo para o persoal non docente dos centros, motivo polo que xa...
Martes, 28 Xullo 2026

Asistencia a sinatura electrónica. Procesos selectivos agronómica, agrícola, obras públicas, informática e arquivos (CP 23/07/26)

Emprego Público pasa outra vez o rolo e aproba varios procesos selectivos co voto en contra de todas as organizacións sindicais Na Comisión de Persoal (CP) do 23 de xullo constátase unha vez máis o desprezo negociador da Dirección Xeral de Emprego Público (DXEP) que usa ás organizacións sindicais, representantes lexítimos do persoal da Xunta de Galiza, como meros...
Martes, 28 Xullo 2026

Cadro de persoal de investigación de carácter laboral da comunidade autónoma; elección de destino de Gain (MX 23/07/26)

A creación do cadro de persoal de investigación laboral nos organismos de investigación veu á Mesa sen negociación previa coa representación das traballadoras e traballadores de cada entidade, deixando fóra 32 organismos dos 50 recoñecidos oficialmente, excluíndo ao persoal de xestión da innovación e omitindo as funcións efectivas dos postos, ademais dunha clasificación...