O nomeamento da docente de ensino secundario Eva López Tarrío prodúcese após a modificación da RPT en febreiro para abrirlle o acceso á dirección a persoal funcionario desde corpos e escalas sen relación directa co ámbito museístico nin coa dirección de institucións culturais.
A Xunta decidiu adaptar a praza da dirección do Centro Galego de Arte Contemporánea (CGAC) para facilitar unha designación discrecional allea ao perfil técnico, museístico e cultural que require unha institución estratéxica para o país e que foi un referente no nivel galego, do Estado español e incluso internacionalmente.
Así se explica que o pasado 20 de febreiro de 2026, a Administración levara á Mesa Sectorial a proposta de modificación da RPT da Consellaría. A medida principal consistía en abrir a dirección do CGAC —até entón reservada a persoal da Administración xeral e corpos vinculados ao ámbito museístico— á Administración do Estado, outras comunidades autónomas, Administración local e mesmo ao persoal docente.
A propia memoria xustificativa da modificación afirmaba que o posto posúe un “claro perfil técnico relacionado con coñecementos imprescindíbeis en arte contemporánea” e que a ampliación respondía á necesidade de garantir candidaturas con “formación e capacidade necesaria” para asumir a dirección do centro.
Porén, se realmente se recoñecía que a dirección do CGAC require coñecementos especializados e experiencia específica en arte contemporánea, o coherente tería sido reforzar os requisitos profesionais vinculados á museoloxía, á xestión cultural, á conservación patrimonial, á investigación e ao comisariado artístico. O que fixo a Xunta foi exactamente o contrario: diluír o perfil técnico até permitir o acceso desde corpos e escalas sen relación directa co ámbito museístico nin coa dirección de institucións culturais.
Sete días despois, o 26 de febreiro, a Comisión de Persoal aprobaba definitivamente a modificación da RPT co voto en contra da CIG e de CCOO, a abstención de CSIF e o apoio de UGT.
Consumouse así unha operación orientada a flexibilizar ao máximo os requisitos de acceso a unha das principais responsabilidades culturais da Xunta de Galiza.
A consecuencia directa do que denunciamos dende a CIG vémola agora nun grave conflito que abrangue ao propio persoal do CGAC e ao sector profesional da arte galega ao completo, que están a amosar a súa indignación e rexeitamento mediante o lema SÓS CGAC.
Isto é un chanzo máis no desmantelamento efectivo dos servizos públicos e, nomeadamente, da cultura e a arte de Galiza, que a Xunta do PP executa cunha patente falla de investimento real, e que agora vén de provocar, amais, a dimisión de tres dos cinco vogais do Consello Asesor do CGAC.
