Novas por contido

Cultura modifica a RPT para abrir unha praza de dirección do CGAC (previamente aberta á Administración Xeral da Xunta e Museos), á Administración estatal das comunidades autónomas, ao persoal docente e á Administración local, de xeito contraditorio e inxustificado. Mentres, Agacal non negocia, non responde ás alegacións e non facilita a RPT e o cadro de persoal coas liñas orzamentarias nin o acceso aos expedientes das comisións de servizo; xustifica que a persoa que ocupa o posto de dirección de CIAM non teña o doutoramento requirido porque o autoriza Función Pública e segue sen requirir o máster do profesorado nos CFEAs.

O venres 20 de febreiro tivo lugar a Mesa Sectorial de Persoal Funcionario, en cuxa orde do día figuraban as modificacións das RPTs da Consellaría de Cultura e de Agacal. A maiores, reflectimos algunhas informacións e aclaracións feitas pola DXEP.

Modificacións da RPT de Cultura

Esta mesa chega case despois de 1 ano, polo que se había algún posto necesario, está claro que con tanto tempo a Administración demostrou que non o era tanto.

Canto ao posto de dirección do Centro Galego de Arte Contemporánea (CGAC) (DIRECTOR/A CGAC.DI_), na memoria sinalan que «Dadas as características específicas deste posto, cun claro perfil técnico relacionado con coñecementos imprescindibles en arte contemporánea, debe configurarse de xeito que para a súa cobertura se garanta o maior número de candidaturas posibles das Administracións Públicas, polo que esta modificación obedece á necesidade de incrementar a posibilidade de provisión desta praza por persoal coa formación e capacidade necesaria para asumir as funcións correspondentes a dirección do CGAC; concretamente a promoción da creación e difusión artística-contemporánea.»

Despois de lelo, non entendemos que estea aberto á Administración xeral e que, ademais, poida ser ocupado por calquera persoa da Administración estatal das comunidades autónomas, persoal docente e incluso persoal da Administración local. Todo isto é moi contraditorio. A Consellaría escúsase en que o abren para que veña xente, senón non vén...

Polo demais, por parte da CIG concordamos coa retirada do requisito de carné de conducir do posto de arquivos. Porén, detectamos un exceso de demanda do requisito imprescindíbel da certificación negativa do art. 57 da LO 8/2021 a postos que non teñen contacto habitual con menores.

A Consellaría de Cultura, pola súa banda, manifesta que se trata dunha modificación de RPT de mínimos centrada no decreto de estrutura. Din que na seguinte RPT mirarán o resto de peticións.

Modificacións da RPT de Agacal

Dende a CIG solicitamos máis información sobre as funcións do novo posto de xefatura de negociado de habilitación, que o amortizan para crear outra xefatura de negociado de habilitación sen observación de disponibilidade horaria, e que reduce o CE; xa que a documentación, ademais de chegar tarde, é confusa. A xerente de Agacal sinala que as funcións están relacionadas coa xustificación de subvencións.

Por outra banda, manifestamos que non houbo negociación, senón unha única xuntanza, e alegacións ás que non recibimos resposta. Nelas solicitamos, entre outros, a RPT completa e o cadro de persoal de Agacal (con todas as prazas de Agacal e Ingacal que non están na RPT), coas liñas orzamentarias. A xerente de Agacal argumenta que non nos facilitan estes datos porque non teñen persoal para preparalos, algo que na CIG non vemos xustificado, como tampouco o está que non respondan as alegacións e que non convoquen unha segunda xuntanza.

O director de Agacal confirmou na reunión do 19 de decembro que a persoa que ocupa o posto de dirección do CIAM non ten o doutoramento en materia agraria esixido na RPT e que «Función Pública foi quen o autorizou». Preocúpanos que sigan adiante con este cambio, tendo en conta que isto está xudicializado e, segundo nos trasladaron as persoas afectadas, o xuízo adiouse hai pouco porque a Administración non entregou  a documentación requerida.

A xerente responde que hai que agardar, que un dos motivos para retirar o requisito de doutoramento en materia agraria do CIAM é que se se mantén habería que aplicar o decreto de persoal investigador, e que é un detalle importante no proceso contencioso aberto que o doutoramento é en materia agraria. Por parte da CIG non vemos xustificado que a posesión do doutoramento obrigue a incluír a praza no decreto de persoal investigador, nin que isto explique a modificación actual. Ademais, insistimos en que respondan á nosa solicitude de acceso aos expedientes das comisións de servizo, un acceso que se lle denegou até en dúas ocasións a quen si cumpría cos requisitos do posto.

Canto á apertura dos postos de dirección dos centros de formación e experimentación agroforestal (CFEAs), demandamos que se esixa como requisito o Celga 4, xa que abren a persoal doutros territorios, e agora incorpórano. Porén, seguen sen incluír o requisito do máster universitario en profesorado ou equivalente, mentres din que potencian o carácter educativo destes centros. O perfil pedagóxico e as razóns de adecuación normativa que alegan na xustificación funcional non se sosteñen sen este requisito indispensábel. Se os motivos para que non se cubran estas prazas son outros, temos que abordalos. A xerente de Agacal sinala que pretenden iniciar unha modificación posterior na que tratar os niveis do persoal técnico dos CFEAs con funcións docentes.

Ao anterior engádese que por parte da Administración elevan a definitiva unha acta que non foi aprobada, e volven achegala coa documentación. A CIG xa enviou unha queixa o 15 de xaneiro por este motivo. A resposta da xerente de Agacal é que non hai alegacións «formais» á acta.

Asuntos fóra da orde do día

  • Carreira da GAIN: en resposta á pregunta da mesa anterior, rectifican e aclaran que si é responsabilidade da DXEP resolver as solicitudes. Solicitaron a GAIN unha certificación das persoas que son susceptíbeis de aplicárselles a resolución, e GAIN emitiuna en xaneiro. O persoal cobrará o grao II na nómina de marzo.
  • I Plan de Igualdade da Xunta: a comisión de seguimento acordou realizar unha enquisa, que se trasladará a vindeira semana a todo o persoal empregado público.
  • Tomas de posesión en provisional: van comprobar se hai novas persoas afectadas polas tomas de posesión en provisional cando se publique a resolución do concurso de corpos xerais.
  • Coeficientes redutores: aclaran que a Consellaría do Medio Rural aplica a normativa que os regula.

Outras novas recentes

Mércores, 09 Setembro 2026

A CIG advirte do risco de colapso dos cursos de galego da EGAP

A Xunta asigna dous cursos simultáneos de teleformación ao persoal da Secretaría Xeral da Lingua, cuxos postos son a media xornadaA CIG esixiu á Secretaría Xeral Técnica da Consellaría de Cultura, Lingua e Xuventude a ampliación inmediata e con efectos retroactivos da xornada do persoal titulado superior lingüista da Secretaría Xeral da Lingua para garantir os cursos de...
Luns, 07 Setembro 2026

Mesa sectorial de funcionarios/as (04/09/2026): modificación RPT, datas actos de elección pendentes, PI23, escolas infantís, PND

Na MSF trouxeron a proposta da modificación da RPT Administración Xeral da Comunidade Autónoma na Consellería de Emprego, Comercio e Emigración e na Consellería de Presidencia, Xustiza e Deportes na que se amortizan dous postos para crear outros dous. Dende a CIG non estamos de acordo coas amortizacións pero o que ademais lle fixemos saber á DXEP é que estas presas débense...
Martes, 15 Setembro 2026

A Xunta de Galiza discrimina na carreira profesional ás súas traballadoras en redución de xornada por conciliación

A CIG denuncia que Facenda, por aforrar 2 pesos, incumpre toda a normativa de igualdade situándonos na prehistoria dos dereitos das mulleres traballadoras.Traballadoras da Xunta de Galiza veñen de ver  denegado o grao de carreira profesional por non acadar o tempo necesario para a súa concesión, alias a súa antigüidade na Administración fora máis que suficiente. Unha vez...