A rolda aberta de intervencións da Mesa Xeral volveu evidenciar unha Administración instalada na demora e na falta de transparencia. A directora xeral de Emprego Público e Administración de Persoal (DXEP) confirma que haberá "repescas" en todos os procesos de estabilización e acceso libre, pero non pon datas; non responde ante o caos no Consorcio e alega descoñecer a información trasladada pola CIG sobre Gardacostas. Moitas promesas, ningún calendario e demasiadas cuestións sen resolver. A CIG esixe solucións concretas e responsabilidades.
Repescas en todos os procesos, pero sen datas
A DXEP confirmou que realizará listas complementarias (repescas) de todos os procesos, tanto de estabilización como de acceso libre (como son corpos xerais, infantil, expertas lingüistas e os demais procesos pendentes, incluídos auxiliar de bibliotecas C2, SPIF e persoal auxiliar coidador, así como os procesos de promoción interna e concursos que continúan sen resolver).
Porén, non concretou ningún prazo para a publicación das listas nin para rematar os procesos. A CIG esixe un calendario claro. A directora está a outras cousas.
Consorcio: centros paralizados e ningunha resposta
A incorporación da escala de facultativos deixou centros sen acceso aos sistemas informáticos, mesmo ás persoas responsables da dirección, impedindo a xestión ordinaria dos servizos. A isto súmanse os atrasos nas baixas na Seguridade Social do persoal que non estabilizou, que dificultan a súa reincorporación ás listas de chamamentos. Volven a repetir o caos das escalas infantís.
Preguntamos cando vai intervir a DXEP tal e como solicitamos por rexistro e a directora xeral non contestou.
Retirada de prazas: decisións que prexudican as persoas aspirantes
No medio do prazo de elección de destinos de C1-mantemento de servizos, retiráronse catro prazas. A DXEP indicou que non se terían en conta as solicitudes que as incluísen e xustificou parte das retiradas pola situación dos centros e a falta de funcións asignadas, sen aclarar completamente o sucedido. Así que cando se publique a adxudicación de destinos eses códigos desaparecerán.
A CIG reclama garantías para que as persoas aspirantes non resulten prexudicadas por cambios realizados co prazo de elección xa aberto.
Gardacostas: a DXEP descoñece a información trasladada pola CIG
Advertimos de que, segundo a información recibida, se poderían ofertar postos de xefatura de unidade operativa para elección de destino sen pasar previamente por concurso. Isto permitiría que persoas de novo ingreso optasen a postos aos que non tería acceso persoal con 30 anos de servizo.
A resposta da DXEP foi que descoñecía a información que lle estabamos trasladando, sen ofrecer aclaracións. Esiximos que se contraste esta situación e se garantan criterios transparentes na provisión dos postos.
Máis procesos pendentes, máis incerteza
A CIG reclamou avances na elección de destino das 18 escalas e do persoal PSX e xerocultor, nos procesos de promoción interna, nas escalas de informática e nos concursos pendentes.
A DXEP situou a elección de destino de PSX e xerocultor na segunda quincena de outubro, pero continúan sen concretarse numerosos prazos. Entre as cuestións pendentes están as notas do segundo exame do corpo de xestión A2, a apertura da fase de concurso do corpo auxiliar C2 e os actos de elección de destino das enxeñarías agronómica, industrial, de minas e de montes.
No proceso de persoal auxiliar coidador, convocado en xuño de 2025 pola OPE de 2024, seguen pendentes de resolución reclamacións ás cualificacións e actuacións necesarias para finalizar o procedemento.
A CIG insistiu tamén na necesidade de regular as comisións de servizo mediante un regulamento con criterios obxectivos e transparentes, ante a existencia de postos que non se ofertan nos actos de elección de destino e que posteriormente se adxudican sen criterios claros coñecidos polo persoal.
Formación 2027: sen negociación nin resposta
A DXEP continúa sen responder ao escrito presentado pola CIG o 1 de outubro, no que reclamamos a constitución dos órganos paritarios de formación, un calendario de negociación do Plan de formación de 2027 e información sobre os fondos destinados á formación desde 2016.
A formación do persoal debe negociarse colectivamente, con transparencia económica, participación sindical e criterios acordados, e non mediante decisións unilaterais da Administración.
A CIG esixe feitos, non promesas
A Administración non pode seguir acumulando procesos sen resolver, centros con problemas de funcionamento e demandas sindicais sen resposta.
Esiximos prazos, transparencia e negociación real. Confirmar que se farán as repescas sen dicir cando, ou alegar descoñecemento ante información relevante, non resolve os problemas do persoal.
A Xunta debe asumir as súas responsabilidades e dar solucións. O persoal merece respostas concretas, procesos que rematen e garantías de que os seus dereitos serán respectados.