Novas por contido

No punto de mira destes ataques non estamos as empregadas e empregados públicos senón o suculento negocio que supoñen os servizos públicos. Porén, teñen máis culpa as Administracións que son as que apertan o gatillo.

A CEOE, a confederación de empresarios que preside Juan Rosell, día si e día tamén coa mesma milonga. Elabora sesudos estudos que publica na súa páxina web (mellor non preguntar cantos bolseiros en precario adican a estas cousas) con impactantes titulares e conclusións inapelables pero que sempre din o mesmo: os empregados e empregadas públicas sobramos.

Sobramos nós ou é que, realmente, somos un escollo para os negocios da patronal? Non será que o que molesta realmente son os Servizos Públicos? Nos últimos informes que publica algunha prensa, á cal temos que agradecer a constante procura no rigor xornalístico publicándoos sen escoitar a opinión do colectivo de empregados públicos, hai unhas cantas conclusións que dan de froito os titulares agardados.

Imos resumir para non nos estender en demasía que para iso xa están os asalariados da CEOE: “Nos últimos 30 anos o emprego público subiu un 100% e o emprego privado un 50%”.“Os funcionarios do Estado Español son menos produtivos que a media da UE”. “As competencias están duplicadas entre o Estado e as Comunidades Autónomas”. Por último, podemos observar unha especial xenreira contra o estado autonómico e incluso contra a Administración Local como os maiores culpables desta crise.

Dentro deses amplos estudos (en grosor e cantidade), botando unha ollada ao web da CEOE, botamos en falla algúns outros que tamén poderían axudar a ampliar a ollada crítica a esta crise que estamos sufrindo todos pero pagando uns poucos e que deberían de analizar tamén Rosell e compañía. Pasamos, polo tanto, a enumerar unha proposta de estudos que, dende a CIG, entendemos que a patronal debería de elaborar:

  • Axudas de 100.000 millóns de euros dos orzamentos do Estado do 2012 para os bancos, mentres os imprescindibles e inevitables recortes de Rajoy rondan os 16.500 millóns.

  • Nos últimos anos, a clase empresarial recibiu 4.000 millóns anuais en subvencións para reducir déficits. Un exemplo: Renault España recibiu subvencións que triplicaron as súas ganancias con respecto a 2009.

  • O 20% da actividade comercial no estado español faise con diñeiro negro, ou sexa, que non paga impostos e está fóra da lei. Poderíase facer un contraste entre o que cobran os empregados públicos, sempre por nómina e pasando pola caixa fiscal (como ten que ser) co dato anterior.

  • Tres de cada catro autónomos decláranse mileuristas. Este último dato podería estar incluído dentro do informe anterior.

  • O tipo oficial do imposto de sociedades é do 30% para as grandes empresas e o 25% para pemes, non entanto, estas pagan de media o 10% dos seus beneficios. Explicacións e motivos desta disparidade, tendo en conta que os fogares pagan de media un 11,5%. Dentro desta proposta de informe, poderíase facer un engadido para explicar porque a secretaria de Botín paga máis impostos cá el.

  • A CEOE move 587 millóns de euros anuais e de cada 10 euros que ingresa 7 son de subvencións públicas do Estado e das Comunidades Autónomas.

A CEOE deduce que os empregados e empregadas públicas somos os menos produtivos da UE. A patronal mide a produtividade aplicando un ratio de gastos de persoal fronte o gasto total do sector público que, no caso do periodo 2005-2009 foi: Sector público en España 26,1%, UE 22,6%, Eurozona 21,6%, e disto deduce que o sector público estatal é menos produtivo.

Aplicado á Administración Autonómica Galega en base aos orzamentos do 2012, este dato obtense de dividir o capítulo I entre o total xeral do gasto nos orzamentos, co que a ratio da Administración galega sería de 20,69%, e polo tanto cunha produtividade maior que a da UE e  da Eurozona, segundo os parámetros da CEOE.

Este dato, que na lóxica da CEOE situaría á Administración galega entre as que teñen unha maior produtividade representa porén todo o contrario. Representa unha Administración (a nosa) con demasiadas transferencias correntes e de capital a empresas privadas, unha Administración minifundista falta de persoal que preste servizos públicos aos cidadáns. Parece que ter médicos, inspectoras de consumo, bombeiros, mestres, coidadores como empregados públicos non é produtivo para a CEOE. Miremos cara países máis avanzados como Canadá, Dinamarca, Suecia, Noruega ou Islandia onde a ratio gasto de persoal/gastos xerais se sitúa  por riba do 28%.

Polo tanto, que é o que está realmente no punto de mira da patronal? Non son, desde logo, de por si, os empregados e empregadas públicas, son, claramente, os Servizos Públicos. O verdadeiro fin é o asalto do capital aos servizos públicos. Iso si que é un negocio e, a fin de contas, estamos falando de empresarios.

Empresarios como Florentino Pérez, presidente do grupo ACS, grupo de empresas do que tamén son accionistas os Albertos e a familia March, sen ir máis lonxe. Viven dos servizos públicos privatizados, viven, entre outros, da obra pública (ACS), dos servizos de limpeza dos concellos (Urbaser) e de centros de dependentes que antes eran públicos (o Terra de Ferrol agora xestionado pola empresa Clece). Este é o modelo de servizos públicos que lle gusta á CEOE.

As comparacións da patronal son sempre demagóxicas, comparan o emprego público de agora co de hai 30 anos, pero non comparan os servizos públicos, a educación, a sanidade e os servizos sociais actuais cos de hai trinta anos, aí está a trampa. Os feitos son indiscutibles, o estado social deu un gran salto neses trinta anos, ou non? Facer garderías, hospitais, centros de dependentes, colexios, universidades, axudas sociais, etc... é malgastar? Todo indica que, para a CEOE, a chave do problema está en facerse con este negocio.

Nota remitida aos medios

Ningunha agresión sen resposta!


Outras novas recentes

Mércores, 20 Mai 2026

Proceso selectivo da escala auxiliar de cociña: resolución do tribunal sobre varios asuntos

Podes consultar a resolución do DOG. No DOG de hoxe 19.05.26, publícase a Resolución do 11 de abril de 2026, do tribunal designado para cualificar o proceso selectivo para o ingreso mediante o sistema de oposición, pola quenda de acceso libre e promoción interna, no corpo de auxiliares de carácter técnico de Administración especial da Administración xeral da Comunidade...
Luns, 18 Mai 2026

A directora xeral de Emprego Público segue sen dar resposta para a promoción interna do 2023

Hoxe, 18/05/26, na mesa xeral a DXEP tampouco quixo dar resposta razoada á demanda de que a promoción interna do 2023 poida participar nos actos de elección de destino definitivo. A resposta que deu é que aínda hai un prazo de 20 días para presentar a documentación e que hai un prazo dun mes para presentar recursos de alzada. Sobre isto último supoñemos que coñece que o...
Martes, 19 Mai 2026

A modificación do decreto de listas de contratación elimina a mellora de emprego

No DOG do 19/05/2026 publican o DECRETO 40/2026, do 18 de maio, polo que se modifica o Decreto 37/2006, do 2 de marzo, polo que se regula o nomeamento de persoal interino para o desempeño con carácter transitorio de prazas reservadas a funcionarios e a contratación temporal de persoal laboral da Xunta de Galiza. A modo de resumo estes son os principais cambios: Elimínase...