Novas por contido

Ante o traslado ás instalacións do edificio administrativo de San Caetano das asistencias técnicas da Secretaría Xeral do Mar.

A Xunta de Persoal dos Servizos Centrais da Xunta de Galicia solicitou aos diferentes departamentos a relación dos servizos contratados con empresas de asistencias técnicas, con indicación do número de traballadores, nome da empresa e importe da contratación, así como si prestan servizos en instalacións propias da empresa ou das Consellerías. Esta solicitude foi motivada polas reiteradas denuncias presentadas aos sindicatos sobre a existencia de persoal destas empresas que prestan os seus servizos nos edificios administrativos e empregan medios técnicos propios da Xunta de Galicia, dándose incluso casos de traballadores de empresas que dispoñen de enderezo de correo electrónico corporativo.

Só dúas Consellerías deron resposta aos escritos do órgano representativo: a Consellería de Medio Rural e a Consellería de Traballo e Benestar.  Nas súas respostas, o anterior responsable deste Goberno na Consellería de Medio Rural cuestionaba a lexitimidade da Xunta de Persoal para solicitar esta información e negan a existencia da realidade coa que convivimos a diario nestas consellarías as empregadas e empregados públicos da Xunta de Galicia.

Ante esta realidade a xunta de persoal presentou o día 18 de abril escrito ante a Consellería de Medio Rural e Mar denunciando o traslado ás instalacións de San Caetano da Secretaría Xeral do Mar, tanto do persoal propio da Xunta de Galicia como de, polo menos, 5 asistencias técnicas que xa prestaban servizos nesa secretaría, promovendo o mantemento dunha situación de irregularidade que se viña dando dende hai anos, o que pon de manifesto o interese da Xunta de Galicia en posibilitar, a través da vía xudicial, o acceso á administración do dito persoal.

Este órgano representativo cualifica este tipo de prácticas de inaceptables, e máis ante o novo panorama normativo imposto pola lei 1/2012, do 29 de febreiro, de medidas temporais en determinadas materias do emprego público da Comunidade Autónoma de Galicia,  na que se obriga aos empregados públicos a sufrir as consecuencias dos recortes que afectan gravemente aos seus dereitos, facultando ao Consello da Xunta a acordar reducións de xornada coa correspondente redución retributiva do persoal interino e temporal de ata un terzo da xornada efectiva, así como limitando a carreira administrativa e mobilidade dos empregados públicos con medidas de suspensión dos concursos de traslados e das ofertas de emprego público.

A xunta de persoal acusa á Administración de burlar os principios de igualdade, mérito e capacidade contemplados na normativa que regula os procesos de provisión de postos, e non prestar importancia aos gastos de procesos xudiciais e os derivados de execución de sentenza, xerados como consecuencia destas malas e cada vez máis frecuentes prácticas, gastos que, segundo a xunta de persoal, toda Administración, SÍ DEBERÍA RECORTAR.

Por outra banda, a xunta de persoal pon de manifesto que a contratación de empresas para realizar NA PRÁCTICA traballos que poderían ser desenvoltos por persoal propio da Xunta de Galicia (actuación moi habitual no Goberno do Sr. Feijoo), non é máis que un sistema de organización e método de traballo que por imperativo legal deben ser informados polos órganos representativos dos/as traballadores/as da Xunta de Galicia.

A xunta de persoal asegura que estas prácticas teñen unha incidencia directa nos/as empregados/as públicos e facilitan OS RECORTES que tanto gustan e tan necesarios son segundo este Goberno, que se mostra encantado de atacar aos seus traballadores con este tipo de políticas e, por outra banda, fomentan, incrementan e actúan con falta de transparencia cando incrementan os gastos de persoal externo recorrendo a empresas como TRAGSA e TRAGSATEC para realizar función propias de empregados/as públicos, posibilitando a entrada a postos públicos, pola porta traseira, de amigos e familiares.

Nota remitida aos medios


Outras novas recentes

Xoves, 25 Abril 2024

A CIG demanda o aumento de efectivos de axentes ambientais e que se cumpran os compromisos adquiridos

Tras a primeira xuntanza do Consello da Xunta, o presidente Rueda falou de que “hai unha grande intencionalidade” detrás dos lumes acontecidos estes días. Polo tanto dende a CIG demandamos en consecuencia o aumento de persoal para poder facer fronte a elevada actividade incendiaria. Dende a CIG denunciamos que actualmente dos 387 axentes ambientais pertencentes a...
Venres, 19 Abril 2024

RPT de funcionarización de varios postos dos grupos III e IV

De cara a unha vindeira mesa de negociación, a Dirección Xeral da Función Pública vén de remitirnos unha proposta de modificación da relación de postos de traballo, consistente na funcionarización de postos de persoal laboral da Xunta de Galicia, no corpo de técnicos de carácter facultativo da administración especial (grupo B), no corpo administrativo da administración...
Venres, 19 Abril 2024

A Xanela (boletín de CIG-Autonómica, abril/2024)

Neste boletín de CIG-Autonómica falamos de: - Concursos de traslados e as 1.100 prazas bloqueadas- Concurso específico- Campaña pola xornada de 35 horas semanais e as semanas de 4 días- Lentitude dos procesos selectivos- Condicións de traballo do persoal non docente de centros de ensino- Como recibir información da CIG-Autonómica.