Novas por contido

Despois das asembleas de febreiro, e de que o novo goberno tomase posesión, imponse outravolta retomar o camiño andado para pór sobre a mesa as reivindicacións pendentes do colectivo de centros de ensino.

O xoves 4 de abril a CIG reuniuse coas outras tres centrais sindicais para tratar de elaborar unha táboa reivindicativa coas propostas do colectivo e retomar as negociacións as que con anterioridade se comprometera a consellaría.

Dende a CIG detectamos que as propostas que afloraron nas asembleas son plenamente coincidentes coas nosas e polo tanto imos pular porque esa sexa a liña na que traballar.

A nosa táboa de reivindicacións que cumpre negociar perentoriamente é a seguinte:


Proposta de plataforma reivindicativa para os centros de ensino


1. Protocolización de procedementos e funcións do persoal dos centros. Esiximos a inmediata negociación, como primeiro paso, dun 'protocolo de apertura e funcionamento ordinario dos centros’ que debe recoller inescusablemente a obrigatoria presenza dun responsable sempre que os centros estean funcionando así como os criterios para a aplicación dos servizos mínimos en caso ausencia masiva de asistidos (art. 20 do V Convenio), para as xornadas con horario diferente ao habitual do centro e para a aplicación do horario de verán.

2. Integración dos actuais efectivos do grupo E no C2 e estabelecemento dun maior nivel para os subalternos dos centros de ensino en tanto que queden nos centros de ensino.

3. Xeneralización do incremento retributivo no complemento específico para os postos con horario especial; actualización e aumento progresivo desta compensación até alcanzar os 244,80€/mes; aplicación da mesma compensación ao persoal laboral. Queremos facer extensivo este punto a todos os traballadores da Xunta con horario especial a través dunha negociación global. Propoñemos un plano bianual para pasar desde os actuais 71,40€ ata a cantidade proposta.

4. Revisión das ratios de limpeza e do persoal de cociña dos centros.

5. Estabelecemento dun complemento de itinerancia e apertura dunha negociación sobre os mecanismos para a adxudicación de novos destinos en itinerancia.

6. Recoñecemento do complemento de perigosidade ao persoal laboral de cociña.

7. Recoñecemento do complemento de penosidade ao persoal laboral de limpeza.

8. Definición dos criterios para o estabelecemento de xefaturas de secretaría e para a fixación dos cadros de persoal (especialmente no caso dos subalternos).

9Acordo en materia de seguridade e saúde laboral nos centros de ensino.

10Acordo sobre dereito á formación (recoñecemento dun crédito horario anual mínimo para a formación en horario laboral e, en paralelo, estabelecemento dun dereito de compensación horaria cando a formación sexa en horario non laboral). Se ben un acordo desta clase debería ser para toda a Administración, a consellaría pode e debe aprobar instrucións neste sentido de aplicación nos centros.

Outras novas recentes

Venres, 19 Abril 2024

RPT de funcionarización de varios postos dos grupos III e IV

De cara a unha vindeira mesa de negociación, a Dirección Xeral da Función Pública vén de remitirnos unha proposta de modificación da relación de postos de traballo, consistente na funcionarización de postos de persoal laboral da Xunta de Galicia, no corpo de técnicos de carácter facultativo da administración especial (grupo B), no corpo administrativo da administración...
Mércores, 24 Abril 2024

Concurso de corpos xerais: novo listado de prazas para revisar (23/04/24)

A Dirección Xeral de Función Pública enviounos un novo listado de prazas para o concurso de traslados de corpos xerais. Non indican prazo, pero podemos alegar. Se é do teu interese, podes descargar o listado: ligazón. Se sabes de prazas que están mal ou non aparecen, podes contactar coa CIG. O xoves 25 de abril estamos convocados a unha Mesa Xeral, e teremos unha xuntanza...
Venres, 19 Abril 2024

A Xanela (boletín de CIG-Autonómica, abril/2024)

Neste boletín de CIG-Autonómica falamos de: - Concursos de traslados e as 1.100 prazas bloqueadas- Concurso específico- Campaña pola xornada de 35 horas semanais e as semanas de 4 días- Lentitude dos procesos selectivos- Condicións de traballo do persoal non docente de centros de ensino- Como recibir información da CIG-Autonómica.