Novas por contido

Na proposta da RPT de Cultura que ficou nun caixón a consellaría fixo mutis polo foro sobre a cuestión das funcións facultativas do persoal da Escala de Arqueoloxía do Corpos Superior Facultativo da Xunta de Galiza. Xa que logo, desde a CIG-Autonómica vimos de remitir un escrito no que solicitamos que se responda claramente ás alegacións formuladas sobre se a consellaría considera que os “postos base A1 con titulación de licenciatura en xeografía e historia” non fan funcións facultativas, e de ser así, se xustifique cales funcións facultativas non realizan, se definan cales son as funcións facultativas e responsabilidades que lle son propias, e se determinen aquelas das que están eximidos.

Na resposta da consellaría xustificase a diferenza entre os postos de arquitecto/a superior e os postos base A1 con titulación de arquitecto/a,  no desenvolvemento ou non de funcións facultativas, si ben en ningún lugar defínense cales son. Porén, no caso dos arqueólogos non se establece esa diferenza porque os “postos base A1 con licenciatura en xeografía e historia” veñen realizando as mesmas funcións  facultativas que as dos arquitectos de funcións facultativas  dende a creación dos seus postos (vid Traballo de Campo,perito en procedementos xudiciais, informes para declaración de BIC, o seu cometido nas Delegacións e Comisións Provinciais,  Vixilancia, Planeamento e Inventario etc..), e as veñen realizando na boa lóxica que son postos da escala especial de arqueoloxía.

Na DA 1ª do Decreto 1/2008 de 13 de marzo de función pública de Galiza, na Administración Especial o único corpo superior do grupo A é o facultativo superior. O Apartado B.1) define este como o que realiza actividades profesionais para cuxo desempeño precise unha titulación específica de índole superior. A escala de arqueoloxía creouse pola Lei 12/1992, do 9 de novembro, de creación de determinadas escalas de persoal funcionario ao servizo da Xunta de Galicia. Así, o artigo 3.1.K. recolle que dentro do Corpo Superior Facultativo da Xunta de Galiza, grupo A, crease a escala de arqueoloxía (2072)

No DOG do 04/12/2007 noméase como persoal funcionario de corpo facultativo superior da Xunta de Galicia, grupo A, aos aspirantes que superaron as convocatoria de oposición desta escala (DOG 09/01/2006). Tamén existiu unha convocatoria anterior de corpo Superior Facultativo da Xunta de Galiza, grupo A, escala de arqueólogos/as: mediante a Orde da Consellería de Presidencia e Administración Pública do 25 de outubro de 1993.

Con todos estes referentes seguimos sen entender o por que da consellaría a omitir a realización de funcións facultativas por parte desta escala, non sendo que se trate de evitar o lóxico reflexo na suba do nivel destes postos.

Outras novas recentes

Venres, 19 Abril 2024

A Xanela (boletín de CIG-Autonómica, abril/2024)

Neste boletín de CIG-Autonómica falamos de: - Concursos de traslados e as 1.100 prazas bloqueadas- Concurso específico- Campaña pola xornada de 35 horas semanais e as semanas de 4 días- Lentitude dos procesos selectivos- Condicións de traballo do persoal non docente de centros de ensino- Como recibir información da CIG-Autonómica.
Xoves, 25 Abril 2024

Reunión do Comité de Seguridade e Saúde Laboral da Consellería do Mar (18/04/2024)

Punto 1. Lectura e aprobación da acta da reunión anterior Apróbase o contido da reunión anterior (21/11/2023) onde se incorporan as alegacións presentadas pola CIG onde indicamos que as embarcacións do servizo de Gardacostas sexan considerados como lugares de traballo e por tanto se avalíen os seus riscos laborais. Punto 2. Formación dentro do marco da Seguridade e saúde...
Mércores, 24 Abril 2024

Prazas para elección de destino de auxiliares-C2 e administrativos-C1 (24/04/24)

A Dirección Xeral de Función Pública achegounos a relación de prazas que teñen previsto ofertar ás persoas que superaron os procesos selectivos de C1-corpo administrativo, e C2-corpo auxiliar: descargar. Xunto coa relación de prazas, vai unha explicación da situación das mesmas. O primeiro que salta á vista é o escaso número de prazas ofertadas.