Novas por contido

Achegan unha carta ao Presidente da Xunta que será remitida tamén aos grupos parlamentares e medios de comunicación, onde denuncian casos concretos de asistencias técnicas desenvolvendo traballo propio de empregadas e empregados públicos.

Foi o ano pasado cando actual Xunta de Persoal acudiu ao Parlamento para denunciar o abuso das asistencias técncias. Despois daquel xesto, desde a Xunta asegurou que se lle remitise casos concretos para pórlle solución. O que fixo agora este órgano de representación foi remitir unha longa carta con denuncias puntuais ante as que agardan que non se siga mirando para outro lado. A situación apremia e máis tendo en conta a sangría de amortizacións de postos públicos e despedimentos mentres moitas empresas seguen na Xunta.

Contido da carta:

En datas 24 outubro de 2011 e 18 de abril de 2012, a Xunta de Persoal dos Servizos Centrais da Xunta de Galicia solicitou información ao respecto da constatación de irregularidades en determinados departamentos da Xunta ao respecto das contratacións con empresas de asistencias técnicas que mantiñan ao persoal prestando os seus servizos nas instalacións das Consellerías empregando medios técnicos propios da Xunta. Só dúas Consellería atenderon á nosa solicitude poñendo en dúbida a lexitimidade da Xunta de Persoal para requirir esta información e negando a presenza do devandito persoal nas súas instalacións.

Reiteramos novamente esta realidade que mantén unha situación de irregularidade dende hai anos e pon de manifesto o interese da Xunta de Galicia en posibilitar, a través da vía xudicial, o acceso á Administración do dito persoal, burlando os principios de igualdade, mérito e capacidade contemplados na normativa que regula os procesos de provisión de postos e ignorando os gastos ocasionados polos procesos xudiciais e aqueles derivados de execución de sentenza, consecuencia deste tipo de prácticas frecuentes, co agravante que supón que estes traballos poden ser desenvolvidos por persoal propio da Xunta de Galicia a custo inferior que pola modalidade da contratación externa.

Ante o exposto, esta Xunta de Persoal quere poñer en coñecemento que estudará a interposición das accións xudiciais oportunas para impedir o mantemento deste tipo de prácticas e a esixencia, no seu caso, da correspondente responsabilidade persoal de todo cargo que, consciente da ilegalidade das súas actuacións,  persiste na súa actitude de burlar a legalidade, a modo de exemplo:

-    A Secretaría Xeral do Mar dependente da Consellería de Medio Rural e Mar mantén a 3 traballadoras de TRAGSATEC prestando servizos nas súas instalacións. É interesante destacar que un deses traballadores e parente por consanguinidade da titular do departamento.

-    Na mesma Consellería hai, polo menos, 9 traballadores/as que foron contratados ao amparo da encomenda á empresa TRAGSATEC para a realización dos traballos de tramitación de medidas do Programa de Desenvolvemento Rural de Galicia no ano 2012, (DOG do 11 de maio de 2012). A pesar de que a resolución establecía o 15 de maio de 2012 como data de fin da encomenda, sen posibilidade de prórroga, estes traballadores, que xa traballaban irregularmente con anterioridade a 1 de xaneiro de 2012, continúan traballando na actualidade. As funcións que realizan estes traballadores na Dirección Xeral de Produción Agropecuaria, nos servizos territoriais da Consellería e nas Oficinas Agrarias Comarcais son propias de funcionarios/as da Xunta de Galicia.

-    Nesta mesma Consellería, no Servizo de Coordinación e Seguimento do PDR dependente da Secretaría Xeral de Medio Rural, traballan 3 asistencias técnicas da empresa Tragsa que desenvolven tarefas que poden realizar os empregados públicos da Xunta de Galicia. Destas 3 asistencias, 1 atópase de xeito permanente nas ditas oficinas, outra intermitentemente e a última de xeito ocasional xa que se atopa en Bruxelas en representación da Consellaría nos temas de PDR. Esta Xunta de Persoal considera grave atribuír funcións de representación (que deberían ser desempeñadas por persoal propio) a persoal externo que ten encomendadas funcións de "apoio técnico.

-    No FOGGA, organismo autónomo dependente da Consellería anterior continúan traballando 12 persoas da empresa Tragsa; encargadas de funcións para as que existen categorías profesionais ou escalas dentro da organización da Xunta (enxeñeiros, enxeñeiros, administrativos, etc.). Se ben o FOGGA xa non mantén as ditas persoas de xeito permanente nas súas instalacións, xa que acoden ocasionalmente á sede do organismo. De todos os xeitos, é moi grave manter este tipo de empresas na Administración nunha situación de racionalización do gasto público e cando hai persoal propio cualificado na Xunta de Galicia, parte do cal está sendo despedido.
-    Na Subdirección Xeral de apoio á contratación dependente da Consellería de Traballo traballan tres informáticos da empresa Altia que teñen un custo superior ao persoal propio da Consellería que realiza tarefas similares.

-    Na Secretaría Xeral de Calidade e Avaliación Ambiental dependente da Consellería de Medio Ambiente, Territorio e Infraestrutura se mantén unha encomenda de xestión cofinanciada con fondos FEDER na anualidade 2012, para a prestación de apoio xurídico, técnico e administrativo aos traballos que desenvolve esta Secretaría. No pasado exercicio houbo no departamento indicado un total de 6 encomendas de xestión a TRAGSATEC irregulares, aínda que aparentemente por estar financiadas con FEDER parecen legais (artigo 36 da Lei 2/2013, do 27 de febreiro, de orzamentos xerais da Comunidade Autónoma de Galicia para o ano 2013). No que levamos de ano, aínda non coñecemos a tramitación das encomendas para a anualidade de 2013, e os traballadores  de TRAGSATEC continúan prestando servizos polo que se deduce a intención de tramitar novas asistencias técnicas para este ano.

En concreto, encomendadas á xestión para a prestación de apoio xurídico, técnico e administrativo ás funcións que desenvolve a Secretaría Xeral de Calidade e Avaliación Ambiental figuran 5 persoas, 4 na Subdirección Xeral de Coordinación Ambiental e 1 con funcións de secretaria do Secretario Xeral de Calidade e Avaliación Ambiental. Unha destas asistencias técnicas realiza funcións de xestión económica, trámite de facturas  e outras tarefas propias de persoal funcionario. En base ao indicado, a traballadora interpuxo denuncia por cesión ilegal e xa foi ditada sentenza favorable ( non firme). Un destes traballadores encárgase do arquivo de documentación e pedido de material, outra traballa de secretaria da subdirectora xeral de Coordinación Ambiental. Para incrementar a gravidade dos feitos, dende a subdirección solicitouse á Vicesecretaría Xeral da consellería MATI o acceso á base de datos de contratación para varios funcionarios/as da subdirección, entre os que figura unha destas traballadoras de TRAGSATEC, como se fose auxiliar administrativo da Xunta de Galicia, o que se pode considerar, ademais, falsidade documental."

En base ao anterior, requírese de novo que se achegue a información e documentación acreditativa destas contratacións e comunícase o inicio, de ser o caso, das accións oportunas.

Outras novas recentes

Xoves, 25 Abril 2024

Reunión do Comité de Seguridade e Saúde Laboral da Consellería do Mar (18/04/2024)

Punto 1. Lectura e aprobación da acta da reunión anterior Apróbase o contido da reunión anterior (21/11/2023) onde se incorporan as alegacións presentadas pola CIG onde indicamos que as embarcacións do servizo de Gardacostas sexan considerados como lugares de traballo e por tanto se avalíen os seus riscos laborais. Punto 2. Formación dentro do marco da Seguridade e saúde...
Mércores, 24 Abril 2024

Concurso de corpos xerais: novo listado de prazas para revisar (23/04/24)

A Dirección Xeral de Función Pública enviounos un novo listado de prazas para o concurso de traslados de corpos xerais. Non indican prazo, pero podemos alegar. Se é do teu interese, podes descargar o listado: ligazón. Se sabes de prazas que están mal ou non aparecen, podes contactar coa CIG. O xoves 25 de abril estamos convocados a unha Mesa Xeral, e teremos unha xuntanza...
Xoves, 25 Abril 2024

A CIG demanda o aumento de efectivos de axentes ambientais e que se cumpran os compromisos adquiridos

Tras a primeira xuntanza do Consello da Xunta, o presidente Rueda falou de que “hai unha grande intencionalidade” detrás dos lumes acontecidos estes días. Polo tanto dende a CIG demandamos en consecuencia o aumento de persoal para poder facer fronte a elevada actividade incendiaria. Dende a CIG denunciamos que actualmente dos 387 axentes ambientais pertencentes a...