Novas por contido

Na Mesa Xeral do 1 de agosto tratáronse as propostas das seguintes RPTs: órganos superiores da Presidencia, Economía e Industria e unha puntual de centros de ensino de Educación. O día despois, 2 de agosto, foron aprobadas na Comisión de Persoal con distintos apoios das organizacións sindicais.

RPT Presidencia

  • A modificación da RPT está afectada pola redución orzamentaria e adaptación á estrutura, pero dende a óptica de cortar por abaixo e reforzar por arriba. Así, a proposta crea un novo posto de subdirector xeral (nivel 30), ao tempo que elimina 18 postos, a maioría de niveis baixos, entre os que encontramos 4 subalternos/as, 4 auxiliares administrativos, 3 limpadores/as, ...
  • Dinnos que a creación da subdirección xeral de Plans e Programas en Deportes vén dada pola estrutura, pero tamén é certo que a estrutura a deciden eles e a poden modificar cando quixer. Non entendemos a necesidade da creación deste posto, e menos que sexa de LD e aberto a outras administracións e a docentes. A suposta necesidade de destruír emprego público é consecuencia das restricións orzamentarias, pero estas restricións e a política de austeridade son decisións dos gobernos de Feijóo e Rajoy. Non aceptamos que se xustifiquen en que a lei de orzamentos lles impón a amortización dos postos vacantes sen ocupación, a lei poden mudala. En consecuencia, a postura da CIG é a de rexeitamento á creación da subdirección xeral así como á destrución de emprego público.

Forma de provisión

  • Rexeitamos as xustificacións para que a xefatura de sección de apoio técnico e habilitación da S.X. de Medios e o director/a do centro de tecnificación deportiva continúen a ser LD.
  • Non estamos conformes con que todos os postos de xefatura de servizo sexan de libre designación. Demandamos do goberno a volta á situación previa á chegada de Feijoo, e que estes postos pasen a ser de concurso de traslados.
  • Ao fío desta alegación, respostáronnos na xuntanza previa que as LDs "non se tocan".

Corpo/escala

  • Non entendemos como poden ter postos de administración xeral/especial (xefaturas de servizo de deporte das catro provincias), e menos se non indican a especialidade. Se lles vale calquera titulación, non ten sentido que sexan de administración especial.
  • En resposta a esta alegación, na mesa de negociación dixéronnos que isto xa vén de lonxe: a nosa proposta é que muden esta situación e así evitamos problemas nos futuros concursos de traslados.

Apertura

  • Rexeitamos as aperturas a outras administracións sen criterios de reciprocidade.
  • Incluímos no rexeitamento tamén ao persoal docente.

Complexo deportivo Monterrei

  • Hai postos similares de persoal laboral con distintos pluses. Queremos que a igual traballo, haxa igual salario.

Xornada partida

  • Os postos de laborais con xornada partida están cobrando o plus B14 (singularidade de especial dedicación). Pero hai un funcionario auxiliar administrativo na S.X. para o Deporte que ten xornada partida e non cobra nada a maiores. Queremos que os postos con xornada partida teñan unha compensación económica.

Méritos-formación

  • Rexeitamos que para algúns postos prime como mérito ter experiencia en determinados asuntos. Estas experiencias deberían ser substituídas por formación, e así que a EGAP deixe de organizar cursos que debería financiar a FAES e se converta nunha auténtica Escola de Administración Pública.
  • Non estamos de acordo con que ao posto Sección rexistro e apoio técnico ás entidades deportivas aberto a A1, A2, C1 se lle poña o mérito 501 (licenciado en dereito).

 

No apartado 4.Observacións da Memoria Funcional faise referencia a dúas prazas de persoal procedentes da Fundación Galicia Emigración que está adscrito á Secretaría Xeral de Emigración e en proceso de integración, segundo o recollido no Decreto 129/2012. Do disposto neste decreto e dado que o proceso de integración non está rematado, a consellería da Presidencia estima que é necesario adiar a creación desas prazas na RPT ata o remate do proceso.

Resulta paradoxal que no caso de GAIN (Axencia Galega de Innovación), onde o proceso de integración da dirección xeral de I+D+I tampouco está rematado, si se crean dúas prazas posto base subgrupo A1. Polo que se ve, en casos similares, cada consellaría actúa de xeito distinto. Por que hai criterios distintos? (non hai resposta).

O DXFP di que non hai aumento das LDs, ao que respondemos que nos parece moi ben, pero que iso non impide que nosoutros demandemos a súa redución.

Na Comisión de Persoal do día 2 de agosto votamos:

CIG en contra

CCOO en contra

UGT en contra

CSIF en contra

 

RPT Educación (centros de ensino)

A documentación que chega á Mesa é exactamente á documentación inicial. Por tanto, a “negociación” foi un simple formalismo e así queremos que conste en acta. Este tipo de feitos nos ratifican que moitas veces as mellores alegacións escritas que podemos presentar son as denuncias públicas.

Felicitamos á consellería por meter na RPT postos xa existentes, dotados e ocupados dende fai tampo, ao tempo que denunciamos que o seu actuar impediu que cinco dos postos fosen ofertados no concurso de traslados convocado en febreiro.

IES Milladoiro

  • Botamos en falta a creación no IES Milladoiro de postos de persoal de limpeza. Pero como alguén ten que limpar, supoñemos que haberá negocio privado. A consellaría comprometeuse a que en setembro crearán o posto de limpador/a. Insistimos en pedir confirmación da data e se teñen pensado dotar o posto sen mais e botar anos sen creala na RPT ou se farán as cousas ben. Resposta a consellaría que se comprometen a facelo en setembro, e "farano ben".
  • Consideramos que, dadas as previsións que manexa a consellaría e que fixo públicas na prensa (612 alumnos), este centro debería estar dotado cun posto adicional en tarefas de administración. Resposta a consellaría que a previsión que manexan é de que no seguinte curso estean polos 200 alumnos pero que irá aumentando e en canto superen sobre 400 incrementarán os postos.

Centro Residencial Docente de Vigo

  • Segundo a nosa información, a persoa que actualmente fai labores de subalterno, xa se lle anunciou dende a dirección que terá que asumir as tarefas de gobernante e telefonista que deixan as vacantes para amortizar das persoas que se xubilaron.

Na Comisión de Persoal do día 2 de agosto votamos:

CIG a favor

CCOO a favor

UGT a favor

CSIF a favor

 

RPT de Industria

Recurso creación GAIN

  • Lembrar que a CIG ten recorrido diante do TSXG o Decreto de creación da Axencia Galega de Innovación (GAIN), polo que de gañarse pode decaer a presente RPT. Solicitámoslle aos responsables da consellaría e ao propio director xeral de Función Pública prudencia antes as posíbeis consecuencias que isto puidera ocasionar.

Amortizacións

  • Amortizan unha serie de postos, a maioría de niveis baixos. O argumento é a lei de orzamentos. Din que son postos vacantes. Pois ben, non podemos apoiar a destrución de emprego público, e tampouco aceptamos as restricións orzamentarias que para o capítulo I decidiu impoñerse o goberno (e máis cando vemos que para outros capítulos non son tan restritivos).
  • Non aceptamos a eliminación de postos baixos para crear estrutura por enriba, por moito que o impoña a estrutura orgánica: que a modifiquen, está nas súas mans.

Sentenzas

  • Entendemos que non respectan o que din as tres sentenzas do persoal de arquivos. Segundo o literal do fallo das sentenzas, recoñéceselles a categoría profesional de arquiveiras, a incluír no grupo I do anexo II do V Convenio Colectivo. Tampouco respectan as do persoal laboral indefinido do GAIN, obviando os posteriores requerimentos do Xulgado de execución de sentenza.

Méritos-formación

  • Non entendemos que se manteña o mérito 020 (coñecementos informática a nivel usuario) en varios postos. Consideramos que hoxe en día é innecesario manter este mérito posto que os coñecementos en informática forman parte dos temarios de acceso á Función Pública.
  • Defendemos que a Administración ten a obriga de formar ao seu persoal, para o que debería servir a EGAP. Polo tanto, queremos que se supriman as experiencias e, de ser necesario, se substitúa por formación.

Apertura a outras administracións

  • Rexeitamos a apertura a outras administracións mentres non haxa convenios de reciprocidade.

Concurso específico

  • Rexeitamos a introdución do concurso específico. É unha forma de provisión que nin está definida nin desenvolta e nunca se chegou a utilizar. A día de hoxe forma parte do anteproxecto de Lei do Emprego Público de Galiza, pero só é iso, un anteproxecto. Na mesa de negociación coa consellaría díxosenos que foi Función Pública quen cominou á consellaría a utilizar esta forma de provisión. Para a CIG é extremadamente grave e unha gran irresponsabilidade que Función Pública anime ás consellarías a utilizar un sistema de provisión cuxo desenvolvemento legal aínda non foi aprobado polo Parlamento.

Na Comisión de Persoal do día 2 de agosto votamos:

CIG en contra

CCOO en contra

UGT en contra

CSIF en contra