Novas por contido

Horas e lugares das manifestacións

Ourense: Ás 20:00 horas do pavillón dos Remedios.

Pontevedra: Ás 20:00 horas da Praza da Ferrería

Vilagarcía: 20:00 horas da Casa do Mar

Vigo: Ás 20:00 h da Vía Norte

Compostela: Ás 20:00 horas da Praza Roxa

Lugo: 20:00 h da Ronda da Muralla

Ferrol: 19:30 horas con saída do local do sindicato. Avda. de Esteiro

A Coruña: 20:00h praza de Vigo

 

O 70% de pensionistas en Galiza cobra menos de 1.000 € e son estas pensións as que están salvando ás familias. Con esta reforma se empobrece ás galegas e galegos porque temos os salarios máis baixos, máis precariedade no traballo e menos anos cotizados.

A CIG pon en cuestión o informe do comité de “expertos” no que se basea a reforma, porque das 12 persoas escollidas polo PP para formar parte do mesmo, 9 representan a bancos e aseguradoras, interesadas en promover as pensións privadas para o seu único beneficio.

Por iso cuestiona que a primeira proposta deste comité sexa precisamente a modificación da lei que actualizaba as pensións cada ano, como mínimo, ao nivel do IPC. A central sindical entende que xa con esa lei se perdía poder adquisitivo, porque os prezos dos produtos de maior gasto nas economías familiares (luz, auga, alimentos...) subían moi por riba deste índice. Agora o PP aplicará de suba nas pensións, cada ano, un 0,25%, polo que en relación ao IPC dos últimos 5 anos unha pensión de 1.000 €/mes perdería 95 € cada mes e 1.330 € no ano.

A esperanza de vida

A CIG tamén denuncia que para finais de ano se prepara unha nova reforma das pensións que en 10 anos podería reducir a súa contía até nun 20%. Para isto aplicarase un coeficiente sobre a esperanza de vida co que “manipulan os datos para o seu propio interese, pois saben que as persoas con menor renda –a clase traballadora con oficios máis duros- ten unha esperanza de vida 10 anos menor que os máis ricos. Polo tanto, teñen unha pensión máis baixa e viven menos anos”.

Comparando as pensións doutros países europeos evidénciase que é mentira o que di o PP, que asegura que se non se fai a reforma, no 2060 as pensións suporían o 16% do PIB. A CIG explica que agora as pensións representan só o 10% do PIB, mentres por exemplo en Italia representan o 16%; en Francia o 14,6%; en Alemaña o 12,8% e na media da UE é do 13%. Ante isto, a central sindical conclúe que o Estado podería dedicar 60.000 millóns máis ao ano para igualarse con estes países.

Favorecer a ricos e defraudadores

Fronte á pretensión de recortar as pensións polo seu custo, a CIG denuncia que non é un problema de gasto, senón de ingresos. Lembra que aínda habendo no Estado 5.300.000 desempregados/as, a caixa das pensións tivo un resultado positivo de 2.500 millóns no ano 2011 e que o ano pasado o goberno modificou o imposto de sociedades para as grandes empresas que deixaron de pagar a Facenda 5.800 millóns.

Estas mesmas empresas son as que segundo a Inspección de Facenda son responsábeis do 90% da fraude fiscal ao Estado, máis de 74.000 millóns de euros que desvían a paraísos fiscais como Suíza, Mónaco, Andorra... “O goberno non toma medidas contra elas, que alimentan a corrupción no Estado, pero si as toma contra a clase traballadora empobrecéndonos con reformas laborais, das pensións, das prestacións por desemprego, sanidade, ensino...”

A CIG chama tamén a atención sobre o feito de que mentres as pensións se financian con cotizacións, o resto do gasto público, como o gasto militar de 15.000 millóns anuais, ou o financiamento da igrexa católica ou da Casa Real páganse cos orzamentos do Estado.

Ademais, subliña que o goberno aplica unha desgravación fiscal ás pensións privadas, perdendo o estado máis de 3.000 millóns de euros ao ano, que podería ingresar nas pensións públicas; que pagamos entre todas/os os máis de 40.000 millóns do rescate para sanear os negocios especulativos da banca, cando so seus beneficios serán só para os seus accionistas; que o estado español entrega cada ano 80.000 millóns de € ao Banco central Europeo para que este llo dea aos bancos privados a un interese do 0,5% e o estado teña logo que pagar intereses do 6% ou 7%. Con todo isto, asegura a CIG, chegaría para pagar o dobre das pensións.

CONTÍA DAS PENSIÓNS EN GALIZA

€ / MES % PENSIONISTAS
de 150 € a 350 € 6,4%
de 350,1 € a 600 € 38,4%
de 600,1 € a 650 € 2,8%
de 650,1 € a 1.000 € 21,5%
de 1.000,1 € a 1.500 € 16,1%
de 1.500,1 € a 2.000 € 8,8%
máis de 2.000 € 6,0%

Outras novas recentes

Venres, 13 Novembro 2026

RPT Emprego, Comercio e Emigración (11/11/26)

A Consellería de Emprego, Comercio e Emigración, convocou aos sindicatos a unha xuntanza para falar da súa proposta de modificación da Relación de Postos de Traballo da consellería. Descargar Contactamos coa consellería para pedir explicacións polo feito de que nos convocasen con menos de 48 horas de antelación (restando a xornada de Folga Xeral), o que imposibilita estudar...
Venres, 13 Novembro 2026

Promoción interna de corpos xerais; funcionarización en excedencia; finanzas-veterinarios/as-agacal-gain-intecmar (MSF e MX 10/11/26)

O martes 10, véspera da Folga Xeral, asistimos á Mesa Xeral e Mesa Sectorial de Persoal Funcionario, nas que se trataron as convocatorias de promoción interna a corpos xerais e dos procesos de funcionarización de persoal laboral fixo que está en excedencia. Na rolda aberta de intervencións a DXEP deu información da escala de finanzas, da repesca de funcionarización de...
Luns, 09 Novembro 2026

A CIG convoca 17 mobilizacións por todo o país na xornada de folga xeral do 11N

A central nacionalista empraza a clase traballadora galega a visibilizar a parálise da actividade económica e laboral da xornada de 24 horas asistindo masivamente ás marchas A CIG anunciou a convocatoria dun total de 17 mobilizacións por todo o país durante a xornada de folga xeral prevista para o vindeiro 11 de novembro baixo o lema 'Galiza en loita por unha vida digna'...