Novas por contido

Un ano máis, outra vez... chega un clásico: a NON negociación da RPT da AMTEGA. O luns 17 de xuño de 2019, convocounos o xerente da AMTEGA a unha xuntanza o vindeiro día 19 de xuño para tratar outra modificación da súa Relación de Postos de Traballo. Esta modificación é todo un clásico do xerente:

  1. Amortizar catro postos base en canto quedan vacantes: analista-programador/a, enxeñeiro/a de funcións facultativas, técnico/a especialista en informática e operador/a de ordenador.
  2. Crear postos por arriba: neste caso 3 xefaturas de sección.
  3. Abrir a xefatura do departamento xurídico para a súa cobertura por persoal do estado. Descoñecemos a quen queren "colocar" desta vez...

Xustifican a amortización destos postos porque xa non son necesarios para o cumprimento dos obxectivos da Axencia. Normal, só hai que consultar a plataforma de contratos públicos de Galiza para comprobar como AMTEGA se dedica a externalizar as funcións dos postos amortizados. Por exemplo o contrato de "Servizo xeral de atención ás persoas usuarias dos sistemas e medios TIC da xunta de galicia (CAU central)", que está agora mesmo en proceso de adxudicación. Neste contrato piden un xefe de proxecto con experiencia en proxectos do eido de sistemas e tecnoloxías da información (A1), un coordinador do servizo de soporte (A2) con experiencia soporte a sistemas de información, e dez axentes de atención e soporte a usuarios (C1) para prestación do servizo de atención ás persoas usuarias.

Mentres noutras administracións se incrementou a oferta pública de postos de traballo nos últimos anos, na Xunta é inexistente. Xusto o día 17 de xuño de 2019 publicouse no BOE a convocatoria dos procesos selectivos para o ingreso na AGE. Un ano máis son centos os postos de persoal TIC funcionario:

  • Corpo Xestión de Sistemas e Informática da Administración do Estado, subgrupo A2: 358 postos.
  • Corpo de Técnicos Auxiliares de Informática da Administración do Estado, subgrupo C1: 490 postos.

A Xunta de Feijoo acostuma (no seu afán de aforrar) amortizar os postos vacantes por abaixo, non hai máis que ver as últimas modificacións de RPTs doutros organismos. As amortizacións na Axencia Modelo de Total Externalización en Galiza (AMTEGA) é o pan de cada día: PRIVATIZAR.

Continuamos dende xuño de 2015 (ver nova de febreiro de 2016) a espera da homologación salarial do persoal laboral informático da AMTEGA. Foi o xerente quen nos dixo que nos convocaría en marzo de 2016 para solucionar esta situación que se remonta ao ano 1993. Desde entón, en repetidas ocasións este sindicato solicitou unha reunión. Na modificación da RPT no ano 2018, os sindicatos negámonos a reunirnos coa AMTEGA mentres non se solucionase a homologación salarial.

Unha vez máis, e para continuar coa tramitación desta RPT, esiximos unha convocatoria inmediata a unha reunión específica para solucionar xa a homologación salarial do persoal informático da AMTEGA, onde traballadores que realizan o mesmo traballo están a cobrar diferente.

Así mesmo pedimos que non se esquezan outras cuestións pendentes como:

  • Concurso de traslados. O último resolveuse o 1 de abril de 2014, hai xa cinco anos. Teremos que agardar oito anos coma pasou a última vez?
  • Conciliación familiar. As resolucións de flexibilidade horaria por conciliación (ao igual que as de teletraballo) son un copia-pega. Non se ten en conta o que piden os traballadores e non se está permitindo acumular xornadas.
  • Teletraballo. Por que continúan concedendo só unha xornada cando o persoal solicita tres xornadas por semana.
  • Centros de destino na RPT. Solicitamos a modificación da RPT para crear diferentes centros de destino, de xeito que reflicta a realidade das variadas localizacións e a dispersión do persoal, sobre todo no caso de Santiago de Compostela.

Compañeiro informático da Xunta, o próximo posto a amortizar pode ser o teu!!! Desde a CIG seguiremos loitando para reivindicar os dereitos de todos os traballadores da AMTEGA e dignificar o traballo do persoal informático que presta servizos na xunta.

Contigo e coa CIG a loita continúa!

 

Outras novas recentes

Venres, 13 Novembro 2026

Agacal, Gain e Intecmar quedan para a seguinte OEP de funcionarización

A directora xeral de Emprego Público comunicounos na Mesa Xeral do 10 de novembro de 2026 que o persoal de AGACAL, GAIN e INTECMAR quedará para a seguinte OEP de funcionarización (para a cal non teñen data) porque aínda non está integrado. A integración é un requisito previo para que o persoal que o desexe poida funcionarizarse. Sen convocatoria á CIG para as negociacións...
Venres, 13 Novembro 2026

Promoción interna corpos xerais; funcionarización en excedencia (para CP 17/11/26)

A directora xeral de Emprego Público e Administración de Persoal convocounos a unha xuntanza da Comisión de Persoal que será o martes 17 de  novembro, coa seguinte Orde do día: Convocatoria do proceso de funcionarización para o persoal laboral fixo que está na situación de excedencia. Descargar Convocatoria de promoción interna ao corpo superior-A1. Descargar Convocatoria...
Luns, 09 Novembro 2026

Dúbidas ante a folga xeral do 11 de novembro

Respostas ás preguntas máis frecuentes para que todas as persoas traballadoras poida facer valer os seus dereitos Desde a CIG tentamos responder ás principais dúbidas que xiran arredor da convocatoria de Folga Xeral do vindeiro 11 de Novembro para que todas as persoas traballadoras do país poidan facer valer os seus dereitos e secundar a mobilización con liberdade. 1. Cal...