Novas por contido

Esiximos que se garanta o pago de soldos e carreira profesional a todo o persoal da Xunta

Ante as declaracións do conselleiro de Facenda nas que alertaba de supostas dificultades para afrontar o pago dos salarios persoal da administración xeral da Xunta derivadas da débeda estatal con Galiza, dende o sector de Autonómica da CIG-Administración instámolo a non empregar os servizos públicos nin ao seu persoal “para chantaxes políticas”, ao tempo que esiximos que se garanta o pago de todos os soldos e incrementos salariais.

Remitimos un escrito reclamando información tanto da Consellería como da Dirección Xeral da Función Pública para ver que hai de certo nesas informacións, xa que a día de hoxe non temos ningunha comunicación a pesar de que tivemos Mesa Xeral de Empregados/as Públicos/as e Comisión de Persoal os días 1 e 2 de agosto. 

Denunciamos a “chantaxe velada” que supón, por parte do conselleiro de Facenda e do Vicepresidente da Xunta, un ataque de forma directa aos salarios do persoal empregado público para presionar politicamente na formación de goberno no Estado español.

O pago dos soldos e dos incrementos salariais son unha das obrigas prioritarias na xestión dos recursos da Administración, xa que son fundamentais para o mantemento dos servizos públicos. Esixímoslle tamén a aclaración urxente das declaracións do conselleiro de Facenda, e que garanta que se lle van aboar, sen ningún tipo de dúbida, a totalidade dos salarios e os incrementos retributivos para este ano.

Amosamos a nosa preocupación polo feito de que o acordo de suba salarial e de carreira profesional que pactaron CCOO e UGT coa Xunta quede pendente do cumprimento do obxectivo de déficit da comunidade, obxectivo que non se cumpriría se existe atraso no pago a provedores, tal e como afirma o conselleiro de Facenda.

Esa foi precisamente unha das razóns polas que a CIG non asinou o chamado Acordo de Concertación, xa que o salario dos empregados/as públicos/as non pode entrar no xogo político ou depender dunha mala xestión do pago a provedores como é o caso.

Outras novas recentes

Luns, 09 Novembro 2026

Dúbidas ante a folga xeral do 11 de novembro

Respostas ás preguntas máis frecuentes para que todas as persoas traballadoras poida facer valer os seus dereitos Desde a CIG tentamos responder ás principais dúbidas que xiran arredor da convocatoria de Folga Xeral do vindeiro 11 de Novembro para que todas as persoas traballadoras do país poidan facer valer os seus dereitos e secundar a mobilización con liberdade. 1. Cal...
Venres, 13 Novembro 2026

Agacal, Gain e Intecmar quedan para a seguinte OEP de funcionarización

A directora xeral de Emprego Público comunicounos na Mesa Xeral do 10 de novembro de 2026 que o persoal de AGACAL, GAIN e INTECMAR quedará para a seguinte OEP de funcionarización (para a cal non teñen data) porque aínda non está integrado. A integración é un requisito previo para que o persoal que o desexe poida funcionarizarse. Sen convocatoria á CIG para as negociacións...
Venres, 13 Novembro 2026

RPT Emprego, Comercio e Emigración (11/11/26)

A Consellería de Emprego, Comercio e Emigración, convocou aos sindicatos a unha xuntanza para falar da súa proposta de modificación da Relación de Postos de Traballo da consellería. Descargar Contactamos coa consellería para pedir explicacións polo feito de que nos convocasen con menos de 48 horas de antelación (restando a xornada de Folga Xeral), o que imposibilita estudar...