Novas por contido

A sección sindical da CIG do persoal laboral da Consellaría de Política Social na provincia da Coruña vén de reclamar por escrito que as inspeccións anunciadas pola conselleira, Fabiola García, nos centros residenciais para persoas maiores se leven a cabo nos festivos do 15 e 16 de agosto e 2019, cando menos nos dependentes da xefatura territorial da Coruña.

Vai rematar o verán e as inspeccións anunciadas “a bombo e platillo” aínda non se realizaron, polo que está sen verificar o cumprimento das ratios de persoal e a ocupación máxima destes centros. 

Seguen a ocultar con publicidade e propaganda a verdadeira situación dos centros e a precariedade do persoal

A máxima responsábel de Política Social anunciaba o pasado 30 de xuño “con gran despregue de medios de comunicación a inminente posta en marcha dunha campaña de inspección de servizos sociais no verán”, coa finalidade de garantir a calidade dos centros de atención a persoas maiores e para verificar o cumprimento das ratios de persoal e de ocupación máxima dos centros residenciais.

Pero unha vez máis demóstrase que en servizos sociais na Xunta todo queda en publicidade e propaganda, xa que ningunha das residencias públicas dependentes de Política Social na provincia da Coruña recibiu a visita anunciada da inspección.

A CIG reclama que as inspeccións anunciadas se realicen nos festivos do xoves 15 e venres 16 de agosto, días nos que as residencias de maiores de Política Social carecen da presenza de direccións e xefes/as de departamento e contan con persoal na súa maioría de nova incorporación, o que unido ao fin de semana do 17 e 18 de agosto supón catro días seguidos nos que calquera incidencia ou necesidade vai ter que ser resolta polo persoal de servizo do centro de atención directa, pero sen atribucións de director, xefe/a de departamento ou coordinación de enfermería.

Sen equipos de dirección

Deste xeito a inspección poderá verificar durante estes catro días as ratios de persoal, que en postos de dirección, mandos intermedios, persoal de administración e equipos multidisciplinares vai ser de cero presenzas, por debaixo dos servizos mínimos fixados para unha folga. Así como tamén poderá comprobar como a ocupación de residentes non chega ao 100%.

O persoal dos centros de atención directa seguiremos aguantando as condicións laborais en precario e de sobrecarga de traballo, coa repercusión que isto ten na atención aos residentes, mentres a conselleira segue ocultando a base de publicidade e propaganda pagada con fondos públicos a realidade da situación dos centros de maiores de Política Social, que manteñen os recursos e os servizos de calidade polo alto compromiso e dedicación do cada vez máis escaso persoal.

Outras novas recentes

Mércores, 14 Outubro 2026

Lei de medidas 2027: negociación real ou pura farsa?

A documentación do anteproxecto da Lei de Medidas para 2027 chega o martes 13 ao mediodía, reunímonos o mércores 14 e o xoves 15 xa vai á Comisión de Persoal. A pesares de pedir adiamento por este motivo négase a mudar de data! Que negociación é esta? Unha farsa! Sen tempo para estudar, consultar co persoal nin presentar alegacións. Convocan mesas para cubrir o expediente...
Mércores, 07 Outubro 2026

A CIG solicita oficialmente unha auditoría no Consorcio Galego de Servizos de Igualdade e Benestar

Denunciamos que a Xerencia garda silencio mentres o persoal traballador está ao límite. Despois do peche que fixemos no Consorcio Galego de Servizos de Igualdade e Benestar (CGSIB) e logo da reunión mantida o día 29 de setembro co xerente do Consorcio, a CIG vén de solicitar oficialmente unha auditoría.  Isto xa non é unha mala xestión: é unha situación insostíbel e un...
Martes, 13 Outubro 2026

A Xanela. Boletín de CIG-Autonómica. Setembro/2026

Neste boletín: - E despois de todo isto? Que vai pasar cando rematen os concursos e tomas de posesión - Medio Rural asina acordos aos cachos para o persoal do SPIF - Concurso específico (a libre designación encuberta con estabilidade de 5 anos) - Movementos tras o concurso ou destino definitivo - Persoal non docente: chegou o momento de negociar Descargar