Novas por contido

Delegados e delegadas da CIG concentráronse o martes 17 de decembro diante do Parlamento de Galiza, coincidindo co debate dos orzamentos para o ano 2020, para manifestar o seu rexeitamento a unhas contas que non contemplan nin a recuperación dos dereitos que en material salarial, laboral e social lles foron roubados, nin a recuperación dos servizos públicos que están sendo desmantelados por mor dos recortes impostos na última década.

Son uns orzamentos continuistas que veñen afondar nos recortes, tanto salariais, porque non se procede a recuperar salarios, nin complementos, como en material de persoal, porque non se elimina a taxa de reposición, nin se frea o proceso de desmantelamento que están sufrindo os servizos públicos.

Fronte ao mantemento dos recortes o que demandamos é que se aprobe un Plan para negociar a débeda salarial contraída pola Xunta de Galiza cos recortes salariais, especialmente coas cantidades adebedadas polos recortes no complemento específico ou equivalente en anos atrás. Non abonda con  restituír o complemento específico da extra senón que hai que devolver o roubado.

Ademais esiximos que se cree un complemento para restituír os soldos base e trienios da extra até o importe completo das mensualidades ordinarias. Isto xunto coa derrogación da lei 1/2012 de medidas na súa integridade, moi especialmente a suspensión do artigo 19 do V Convenio. Con todo, ao derrogar esa lei levántase a suspensión do Plus dos Altos Cargos, polo que a súa derrogación debería implicar a derrogación expresa e definitiva dese privilexio cuxos importes demandamos que se destinen ao fondo de continxencia.

Canda isto demandamos o establecemento da xornada de 35 horas, con carácter xeral, para todos e todas as empregadas públicas da Xunta de Galiza e os seus entes e que se estenda a carreira profesional a aqueles que o Acordo de concertación quixo excluír, cos mesmos dereitos dende o 1 de xaneiro de 2019, especialmente a quen non optaron pola chantaxe da funcionarización, ao persoal interino e temporal e tamén ao persoal fixo e temporal dos entes, especialmente polo seu número ao do Consorcio de Igualdade e Benestar.

De igual modo defendemos que se establezan novos tramos reducidos para consolidar os graos I e II para os subgrupos A1 e A2 e I e II de laborais iguais ao do resto dos subgrupos, considerando que iso tamén é discriminatorio, así como a recuperación do Fondo de Acción Social.

A CIG denuncia que este anteproxecto e o Acordo de Madrid seguen consolidando o recorte de emprego público ao manter a taxa de reposición. Consideramos que se debe establecer a non existencia de taxa de reposición co fin de rematar coas graves carencias de persoal da Xunta de Galiza.

Neste sentido sinalamos que non se debe estabelecer ningunha limitación, tal e como aparece no texto, nin nas causas nin nos ámbitos á hora de poder realizar contratacións de persoal temporal e interino sexa para postos vacantes, como para substitucións transitorias.

Outras novas recentes

Venres, 19 Abril 2024

RPT de funcionarización de varios postos dos grupos III e IV

De cara a unha vindeira mesa de negociación, a Dirección Xeral da Función Pública vén de remitirnos unha proposta de modificación da relación de postos de traballo, consistente na funcionarización de postos de persoal laboral da Xunta de Galicia, no corpo de técnicos de carácter facultativo da administración especial (grupo B), no corpo administrativo da administración...
Mércores, 24 Abril 2024

Prazas para elección de destino de auxiliares-C2 e administrativos-C1 (24/04/24)

A Dirección Xeral de Función Pública achegounos a relación de prazas que teñen previsto ofertar ás persoas que superaron os procesos selectivos de C1-corpo administrativo, e C2-corpo auxiliar: descargar. Xunto coa relación de prazas, vai unha explicación da situación das mesmas. O primeiro que salta á vista é o escaso número de prazas ofertadas.
Xoves, 25 Abril 2024

Reunión do Comité de Seguridade e Saúde Laboral da Consellería do Mar (18/04/2024)

Punto 1. Lectura e aprobación da acta da reunión anterior Apróbase o contido da reunión anterior (21/11/2023) onde se incorporan as alegacións presentadas pola CIG onde indicamos que as embarcacións do servizo de Gardacostas sexan considerados como lugares de traballo e por tanto se avalíen os seus riscos laborais. Punto 2. Formación dentro do marco da Seguridade e saúde...