Novas por contido

A CIG-Administración Autonómica reuniuse cos grupos parlamentarios do PSOE, BNG, Común de Esquerda e Mixto para explicar o contido da Proposición non de Lei rexistrada o pasado martes, 14 de xaneiro, para a formación do persoal do servizo de extinción de incendios da Xunta de Galiza para avanzar cara unha maior profesionalización.

Desde o BNG comprometéronse a presentar unha iniciativa parlamentaria para o desenvolvemento dun plan formativo e de certificación profesional para facer un servizo profesionalizado  e versátil para o apoio en continxencias no medio natural e rural.

Pola súa banda o PSOE manifestou o seu apoio á iniciativa e a utilización de todo o servizo para apoio en continxencias, tal e como propón o informe del comité de expertos, entendendo que a clave é a formación para todas as certificacións homologadas e a versatilidade na multiemerxencia no medio rural.

No mesmo sentido, o Grupo Común de Esquerda comprometeuse tamén a presentar unha iniciativa para a formación regulada do persoal do servizo de incendios. Propuxeron ademais estudar a adaptación dos currículos formativos de enxeñería de Montes, Técnica e ciclos para incluír estas competencias.

O Grupo mixto, pola súa banda, xa presentou directamente a iniciativa da CIG de formación para o servizo de incendios.

Desde a CIG-Administración Autonómica solicitamos ademais aos grupos que interveñan no pleno e cuestionen á Xunta e ao goberno do PP por negar a compatibilidade ao persoal fixo descontinuo e non permitirlle traballar nos períodos de descontinuidade tanto nos concellos como na empresa pública SEAGA.

PNL para formación

Desde a CIG-Administración Autonómica decidimos promover esta Proposición Non de Lei porque a Xunta está a vender futuras planificacións e incluso unha nova lei de incendios mentres non cumpre os acordos acadados e non avanza na formación do seu persoal. É necesario comezar xa a preparar seriamente ao persoal de cara ás continxencias relacionadas cos incendios forestais e as emerxencias ambientais.

Continuamos a loitar pola formación como piar básico para a profesionalización e estabilización do SPIF. Por ese motivo, xa presentamos numerosas iniciativas que teñen como obxectivo conseguir que o Servizo de incendios teña a formación máis axeitada consonte ás súas peculiares características.

Módulos formativos

A Proposición Non de Lei que vén de ser rexistrada pretende que o Parlamento inste á Xunta de Galiza a implantar os módulos formativos correspondentes á cualificación profesional SEA596_3 de coordinación en operacións de incendios forestais e apoio en continxencias no medio natural e rural.

Estes módulos van dirixidos a axentes forestais, bombeiros/as forestais xefes/as de brigada, coordinadoras/es de unidades de prevención e extinción de incendios forestais, xefe/a de unidade de prevención e extinción de incendios forestais, e engadimos a todo o persoal do SPIF que teña xa o certificado de nivel 2  SEA 595_2.

Xunto a isto, reitérase a demanda, á Xunta, de que se imparta, ao persoal do SPIF a formación correspondente aos módulos das cualificacións profesionais SEA595_2 e SEA596_3.

Os obxectivos desta formación son os seguintes:

  • Mellorar o desenvolvemento das operacións de emerxencia referidas aos incendios forestais, e o apoio a continxencias no medio natural.
  • Obter a certificación correspondente superior esixida, a SEA596_3

A formación requirida non é obxecto da improvisación, xa que o SPIF ten plenamente xustificado o seu encaixe normativo coma servizo de emerxencias por varias vías, entre as que apunta o RD624/2013 do 2 de agosto e a Lei 17/2015 do 9 de xullo de Protección Civil - lexislación básica-.

Na CIG seguimos a defender que todo o persoal do SPIF teña a mellor formación posíbel para mellorar a súa seguridade, profesionalización, estabilidade e para a mellor asistencia a toda a poboación do rural galego diante da emerxencia climática.

Outras novas recentes

Luns, 19 Outubro 2026

Destinos e convocatoria oposicións (axen. ambientais, c2-cociña, coidador, subalterno, limpeza, e P.I. administrativo) (MSF 16/10/26)

Na Mesa Sectorial de Negociación do Persoal Funcionario (MSF), discutimos coa Dirección Xeral de Emprego Público e Administración de Persoal (DXEP), as bases das convocatorias de varios procesos selectivos. Na rolda aberta de intervencións, a DXEP deu información sobre a convocatoria de elección de postos de diversas escalas. Convocatoria de procesos selectivos Respecto das...
Venres, 23 Outubro 2026

Voto en contra do PP a máis cursos de galego e á xornada completa do persoal lingüista (Pleno do Parlamento do 20/10/26)

Un grupo nutrido grupo de lingüistas e unha representación da CIG acudimos ao Pleno do Parlamento o 20 de outubro, onde se debateu sobre a situación límite que está a soportar este persoal e a altísima demanda de formación en galego desatendida ano tras ano pola Escola Galega de Administración Pública (EGAP). O BNG presentou unha iniciativa para ampliar a dotación de cursos...
Luns, 19 Outubro 2026

Convocatoria promoción interna A2-Inspección de consumo (para MSF 20/10/26)

A Dirección Xeral de Emprego Público e Administración de Persoal convoca Mesa Sectorial de Negociación de Persoal Funcionario para o martes 20 de outubro, para discutir a convocatoria da promoción interna á escala de inspección de consumo, subgrupo A2. Descargar. Outra vez nos envían a documentación sen tempo abondo para a súa difusión e preparación, sen unha negociación...