Novas por contido

Na súa liña habitual de facer todo sen ningún tipo de planificación ou previsión, a última hora e sempre pensando en todo menos nas necesidades do persoal, o venres 26, nin máis nin menos que ás 15 h da tarde, recibimos na CIG o correo electrónico de Función Pública coa prórroga durante un mes do teletraballo COVID, aplicábel a partir do luns 28 de xuño.

Non é de estrañar que nin os propios servizos de persoal da Xunta, nin o Portax, dispoñan da máis mínima información nin da opción de solicitude dos permisos que o señor Barreiro, director xeral de Función Pública, vai concedendo a golpe de improvisación unilateral, como quen bota caramelos ao aire, e logo que cadaquén se apañe..

O director de Función Pública non quixo atender a razóns para unha maior duración do teletraballo COVID cando llo propuxemos, nin de conciliación, nin da primeira xuntanza da comisión para a mellora do teletraballo ordinario, algo ao que se resiste o director e que leva preto de 2 meses demorando (o protocolo de reincorporación que recolle a constitución da comisión da mesa de teletraballo foi publicado o 9 de maio de 2020).

Dende a CIG insistimos até a saciedade en que o teletraballo COVID é unha solución e un medio prioritario para garantir a seguridade e saúde de todo o persoal: de quen teletraballa e tamén de quen ten que traballar presencialmente pola menor afluencia de persoal. O teletraballo o que non é é un agasallo por entregas.

Este é o texto recibido:

"Por parte da Secretaría Xeral Técnica de Vicepresidencia e da Consellería de Presidencia, Administracións Públicas e Xustiza e da Dirección Xeral da Función Pública e acórdase:
Único.: Prorrogar durante un mes os permisos concedidos ao abeiro do Acordo do Consello da Xunta de Galicia, do 12 de xuño de 2020, polo que se aproban medidas adicionais de aplicación á reincorporación dos empregados públicos ao traballo presencial derivado do estado de alarma que remataban o día 28 de xuño."

E este é o texto que está no web de Función Pública: ligazón.

Outras novas recentes

Mércores, 14 Outubro 2026

A DXEP acumula atrasos, evita dar prazos e deixa sen resposta as demandas da CIG

A rolda aberta de intervencións da Mesa Xeral volveu evidenciar unha Administración instalada na demora e na falta de transparencia. A directora xeral de Emprego Público e Administración de Persoal (DXEP) confirma que haberá "repescas" en todos os procesos de estabilización e acceso libre, pero non pon datas; non responde ante o caos no Consorcio e alega descoñecer a...
Martes, 06 Outubro 2026

A Consellaría da Lingua  mantén o abuso laboral do persoal lingüista e segue sen achegar os datos necesarios para negociar (xuntanza do 5...

A segunda xuntanza remata sen compromisos concretos para garantir a xornada completa e doce meses de actividade. O luns 5 de outubro tivo lugar a segunda mesa de negociación das condicións de traballo do persoal titulado superior lingüista da Secretaría Xeral da Lingua, do grupo I, categoría 40.  Un mes despois da anterior xuntanza, a Consellaría de Cultura, Lingua e...
Martes, 13 Outubro 2026

A Xanela. Boletín de CIG-Autonómica. Setembro/2026

Neste boletín: - E despois de todo isto? Que vai pasar cando rematen os concursos e tomas de posesión - Medio Rural asina acordos aos cachos para o persoal do SPIF - Concurso específico (a libre designación encuberta con estabilidade de 5 anos) - Movementos tras o concurso ou destino definitivo - Persoal non docente: chegou o momento de negociar Descargar