Novas por contido

Nun wc como o que ves na imaxe.

Ese é o mellor lugar que escolleu o Consorcio Galego de Igualdade e Benestar como zona de illamento para persoas maiores dependentes no Centro de Día de Dodro en caso de que sexan sospeitosas de padecer coronavirus. Imaxinamos que co beneplácito da Consellería de Política Social, que está, ou debería estar, informada do tratamento que se lle dá ás persoas usuarias da rede pública de atención a persoas maiores. O que descoñecemos é se as familias están informadas de onde pretenden illalos en caso de sospeita de COVID.

Dende a CIG-Autonómica queremos denunciar a falta de humanidade e o trato indigno e humillante que se lle vai dar aos usuarios e usuarias do Centro de Día de Dodro que se atopen nesa situación. Sen contar coas consecuencias que pode ter para a saúde dunha persoa maior esta situación estresante e delicada.

Se xa de por si o lugar non parece moi digno, hai que engadir que ademais non dispón de ningunha clase de fiestra, ventilación nin ar acondicionado, que a súa vez funciona como sistema de calefacción do centro. Nesa zona de illamento estará a persoa maior e un membro da equipa, ataviado cun EPI. Á situación, que xa de por si xera un estrés na persoa, hai que engadir unha estancia tan pouco confortable e acolledora como sala de espera, tendo en conta que cando se active o protocolo non se sabe o tempo no que a persoa ten que permanecer no lugar de illamento. Dito doutro xeito, poden ser uns minutos ou unha longa espera.

Cando noutros centros optaron por escoller os despachos sanitarios ou de enfermaría como zona de illamento, por que en Dodro optouse por un wc? Que triste é chegar a maior nestas condicións! As persoas maiores non son gando e merecen un trato digno e respectuoso.

Para a CIG-Autonómica esta actuación denota unha falta de humanidade e de respecto que non se pode consentir polo que estes feitos xa foron postos en coñecemento da Inspección de Traballo e Seguridade Social da Coruña.

Tamén queremos denunciar que esta situación do Centro de Día de Dodro non é un caso excepcional, xa que no Centro de Día de Boiro tamén se optou por un wc como lugar de illamento, aínda que nese caso polo menos dispón dunha pequena fiestra para ventilar.

Outras novas recentes

Mércores, 30 Setembro 2026

A CIG reclama unha comisión paritaria e negociación real antes da aprobación do plan anual de formación 2027 da EGAP

A CIG vén de instar á Dirección Xeral de Emprego Público a constituír e convocar a Comisión Paritaria de Formación para o Sector da Autonómica e a garantir a negociación efectiva da formación antes de que o plan anual 2027 sexa aprobado polo Consello Reitor da EGAP; así como antes da aprobación dos restantes plans específicos de formación do sector. A formación non pode...
Xoves, 01 Outubro 2026

Publicación listas provisionais PSX e xerocultor/a

No DOG do 01/10/2026 publican a RESOLUCIÓN do 24 de setembro de 2026, da Dirección Xeral de Emprego Público e Administración de Persoal, pola que se fan públicas as listas provisionais para a cobertura con carácter transitorio de prazas reservadas a persoal funcionario do corpo auxiliar da Administración xeral da Comunidade Autónoma de Galiza, escala de persoal de servizos...
Mércores, 30 Setembro 2026

Erros na elección de destino en C1-C2-AP de mantemento, RRNN, cociña, condución, análise de laboratorio e limpeza

A Xunta publicou en DOG o mércores 30 a convocatoria para a elección de destino de diversas escalas de C1-C2-AP (mantemento, RRNN, cociña, condución, análise de laboratorio e limpeza). Inmediatamente detectamos numerosos erros na relación de postos ofertados, incluíndo códigos repetidos, polo que falamos con persoas responsábeis da Dirección Xeral de Emprego Público e...