Novas por contido

A Consellaría de Educación impuxo novos horarios e triplicou a carga de traballo polas necesidades derivadas da covid

A CIG-Autonómica vén de presentar conflito colectivo do Tribunal Superior de Xustiza de Galiza (TSXG) contra a Xunta polo abuso e a explotación laboral que está a padecer o persoal encargado da limpeza dos centros educativos. A Consellería de Educación impuxo novos horarios e triplicou a carga de traballo para atender as necesidades derivadas da covid sen que se producise nin unha soa nova contratación.

Estas modificacións de horario leváronse a cabo sen a negociación previa coa representación do persoal que establece a lei e supón que limpadoras/es que acudían de tarde en horario continuo agora estean ao dispor das direccións dos centros. Xa nos atopamos con cambios de horario de tarde a xornada partida ou incluso a horario nocturno de 22:00 a 6:00 horas.

Ao mesmo tempo lamentamos que a negativa da Consellaría a contratar máis persoal, aumentando a carga de traballo de xeito insostíbel, supon na práctica un abuso e a explotación das traballadoras e traballadores.

Logo de ter presentado alegacións contra esta modificación substancial das condicións laborais, e tras acudir á inspección de traballo, seguimos sen ter noticias da consellaría, polo que optamos agora pola vía da impugnción ante a sala do social do TSXG para deixar sen efecto os cambios introducidos mediante o apartado 'Medidas de prevención básicas. 4.- Medidas xerais de limpeza nos centros' da resolución conxunta ditada polas Consellarías de Educación e Sanidade.

Neste senso, lembramos que a CIG-Autonómica vén denunciando publicamente dende o mes de maio a situación do persoal de limpeza dos centros de ensino a raíz dos distintos protocolos que Educación publicou na súa páxina web sen ningún tipo de negociación previa, a pesar de que en innumerábeis ocasións solicitamos xuntanzas cos seus responsábeis e rexistramos achegas e consideracións a cada un deses protocolos.

Limpeza deficiente

De feito, na última versión destes protocolos unilaterais e non tratados nin cos comités de seguridade e saúde nin cos comités de empresa que afecta directamente ás condicións de traballo do V Convenio Único do Persoal Laboral establécese que “nos supostos nos que existan varias persoas dedicadas a tarefas de limpeza, unha delas realizará total ou parcialmente a súa xornada na quenda de mañá, podendo realizarse rotacións no uso das quendas. Cando as tarefas de limpeza se realicen por unha única persoa realizará parte da súa xornada (polo menos 1/3) en xornada de mañá”.

Isto supuxo que na práctica multitude de traballadoras/es viran modificada a súa xornada, impoñéndoselles nalgúns casos quenda de noite.

A pandemia non pode ser escusa para modificar a xornada laboral nin para triplicar a carga de traballo, xa que supón un desprezo ás tarefas máis esenciais para combater a crise sanitaria como son a hixienización e a limpeza. Ademais, inciden en que a pesar do abuso ao que se está a someter ao persoal as medidas hixiénicas non están garantidas nos centros educativos nos que a limpeza depende directamente da Xunta, xa que isto é imposíbel a custe cero.

Outras novas recentes

Luns, 19 Outubro 2026

Destinos e convocatoria oposicións (axen. ambientais, c2-cociña, coidador, subalterno, limpeza, e P.I. administrativo) (MSF 16/10/26)

Na Mesa Sectorial de Negociación do Persoal Funcionario (MSF), discutimos coa Dirección Xeral de Emprego Público e Administración de Persoal (DXEP), as bases das convocatorias de varios procesos selectivos. Na rolda aberta de intervencións, a DXEP deu información sobre a convocatoria de elección de postos de diversas escalas. Convocatoria de procesos selectivos Respecto das...
Mércores, 14 Outubro 2026

A DXEP acumula atrasos, evita dar prazos e deixa sen resposta as demandas da CIG

A rolda aberta de intervencións da Mesa Xeral volveu evidenciar unha Administración instalada na demora e na falta de transparencia. A directora xeral de Emprego Público e Administración de Persoal (DXEP) confirma que haberá "repescas" en todos os procesos de estabilización e acceso libre, pero non pon datas; non responde ante o caos no Consorcio e alega descoñecer a...
Mércores, 14 Outubro 2026

Lei de medidas 2027: negociación real ou pura farsa?

A documentación do anteproxecto da Lei de Medidas para 2027 chega o martes 13 ao mediodía, reunímonos o mércores 14 e o xoves 15 xa vai á Comisión de Persoal. A pesares de pedir adiamento por este motivo négase a mudar de data! Que negociación é esta? Unha farsa! Sen tempo para estudar, consultar co persoal nin presentar alegacións. Convocan mesas para cubrir o expediente...