Novas por contido

Nunha reunión da Mesa Xeral das Administracións Públicas do Estado, con presenza das organizacións sindicais CIG, ELA, CSIF, UGT e CCOO, así como representantes de todas as administracións autonómicas e da FEMP, o secretario de estado do Ministerio de Política Territorial e Función Pública presentou, tan só unhas horas antes da reunión do Consello de Ministros e cando xa as dera a coñecer á prensa, as novidades que se incorporarán no proxecto de Lei de orzamentos do estado para 2021 a respecto dos e das empregadas públicas.

A confirmación da suba do 0,9% das retribucións así como pequenos cambios nos permisos regulados no EBEP ou o mantemento da taxa de reposición, sen ter enviado até agora ningún documento, foron as únicas novidades dunha reunión que foi abertamente criticada pola representación da CIG.

A reunión foi, por tanto, a demostración de que tamén a capacidade de negociar do actual goberno español está confinada. A perda de poder retributivo desde o ano 2010 mantense, malia a existencia nestes últimos anos dun acordo que foi vendido polos sindicatos asinantes como unha oportunidade para “recuperar o arrebatado”. A suba do 0,9%, que nin sequera inclúe cláusula de garantía salarial que compense desviacións do IPC, non servirá tampouco desta volta para camiñar nesa recuperación da perda de poder adquisitivo, que a día de hoxe rolda xa o 10%.

Por iso a Área Pública da CIG demandou un maior esforzo retributivo que venza as limitacións de tantos anos de recortes e do fracaso do pacto sindical co anterior goberno do PP.

Preocupación polo aplicación de acordos retributivos e carreiras profesionais no ámbito da Xunta

A central sindical foi a única que propuxo que a suba retributiva do 0,9% imposta polo goberno español non tivese carácter básico e que non limitase a posibilidade de aplicar outras subas retributivas pendentes nas diferentes administracións. Así, no ámbito galego, está pendente a carreira profesional no SERGAS e na Administración Xeral da Xunta e o último prazo do mal chamado acordo retributivo de homologación do profesorado; o mesmo sucede en varios acordos das administracións locais galegas. Se a suba do 0,9% se impón como un tope e non se dá cobertura legal á consecución dos obxectivos deses acordos ou carreiras pactadas, os incrementos pendentes serían eliminados. Porén, o secretariado de estado non deu resposta á nosa demanda.

Mantéñense as taxas de reposición

Malia a situación actual, con altas taxas de temporalidade, e unha vez que remata a vixencia do actual acordo sindical dos sindicatos estatais CCOO, UGT e CSIF, no que aceptaron o mantemento de distintas taxas de reposición até o ano 2020, o Goberno propón que a taxa se manteña durante o 2021 con lixeiros cambios.

Sorprendentemente, os mesmos sindicatos que deron o visto bo á situación actual co acordo co PP, demandan agora que se elimine o que eles apoiaron no IIº Acordo para o emprego público e condicións de traballo 2018-2020, sumándose á demanda que a CIG ven mantendo en solitario nos últimos anos de que se elimine calquera taxa de reposición (ou cando menos o seu carácter de normativa básica). Iso si, sen ningún rubor nin autocrítica polo pactado no 2018.

A proposta do Goberno é unha taxa do 110% no caso de sectores prioritarios (educación, sanidade, universidade, xustiza, ciencia…). Só se poderían convocar 110 prazas de oposicións por cada 100 xubilacións. Esta mesma porcentaxe se aplicaría a concellos coa débeda amortizada. Noutros sectores (administración xeral) a taxa sería do 100% ou mesmo do 115% no caso das forzas e corpos de seguridade.

A CIG reclamou a eliminación da taxa de reposición e lembrou que impoñer taxas desde o goberno central implica eliminar a capacidade das administracións autonómicas ou locais para crear emprego neto ou aprobar ofertas de emprego amplas, que dean resposta á alta taxa de temporalidade.

O propio secretario de estado recoñeceu unha taxa media superior ao 24% no conxunto do Estado, acusando ás CC.AA. de ser as responsables de manter esas cifras tan elevadas, ao tempo que se nega a eliminar o carácter básico das taxas de reposición. Cabe lembrar novamente que até o ano 2010 as taxas de reposición non existían en ámbitos como a educación ou a sanidade.

A CIG demandou tamén a derrogación da normativa limitativa de dereitos

A CIG demandou tamén a derrogación dos Reais Decretos-Lei que se foron impoñendo ao persoal das administracións públicas dende o ano 2010 polos sucesivos gobernos do PSOE e do PP, a saber: RD-Lei 8/2010, RD-Lei 20/2011, e RD-Lei 20/2012, polos que se adoptaron medidas extraordinarias para a redución do déficit público, que implicaron a supresión de importantes dereitos laborais e salariais arrebatados ás persoas empregadas públicas neste período co pretexto da crise, pero unha vez máis os representantes do Goberno deron a calada por resposta.

Outras novas recentes

Xoves, 29 Outubro 2026

Primeira xuntanza con Educación por un Acordo para o Persoal Non Docente: unha perda de tempo

A CIG denuncia a falta de compromiso e de vontade negociadora da Consellaría e advirte de que non vai permitir que se siga adiando unha reivindicación histórica do persoal non docente. As expectativas xeradas pola apertura dunha vía de negociación coa Consellaría de Educación para acadar un acordo que dea resposta ás demandas do persoal non docente quedaron frustradas na...
Martes, 20 Outubro 2026

Destinos limpeza, cociña, mantemento, RRNN, etc. (DOG 30/09/26), inspección consumo, inspección turismo, veterinarios/as-2024. Convocator...

Información da Mesa Sectorial de Negociación de Persoal Funcionario, do 20/10/26: Nomeamento das escalas convocadas a escoller destino no DOG 30/09/26 (limpeza, cociña, mantemento, RRNN, etc, que agrupou 18 convocatorias de procesos selectivos: afirma a DXEP que publicarán a resolución co nomeamento e destino adxudicado no DOG do 30/10/26. En canto á data de toma de...
Xoves, 29 Outubro 2026

BYE, BYE FABIOLA!

Hai despedidas tristes. Cando unha compañeira ou compañeiro de traballo abandona porque non pode manter á súa familia co salario que cobra, ou remata farta e con medo ás agresión que todas e todos sufrimos. eowpzSxtLVM| Nestes últimos tempos, marcados polos conflitos en ensino infantil 0-3, en menores, na discapacidade, en dependencia, en residencias, nos SAF, servizos...