Novas por contido

Modificación da RPT da Consellería do Medio Rural co obxecto de crear as Unidades de Investigación de Incendios Forestais (UIFO)

Na reunión celebrada o día 23 de xullo de 2021 a administración expuxo a creación das 3 prazas que terán dependencia da DX de Defensa do Monte. O resto das 12 prazas terán unha dependencia funcional desta dirección xeral e localización física nos distritos e preténdese adxudícalas “a dedo”. Desta maneira queren eliminar mandos intermedios e din que será máis doado realizar os protocolos e accións conxuntas en toda Galiza. A CIG oponse rotundamente a este procedemento de provisión aínda que apoiamos as brigadas investigación.

Así na CIG denunciamos que estas prazas son insuficientes, e incumpren o que prometera o presidente Feijoo na medida 26 presentada ao Parlamento de Galiza logo da vaga lumes do ano 2017, onde falaba da creación destes equipos formados por un mínimo de 57 axentes.

O PLADIGA 2019 tamén indicaba a creación destas unidades cun mínimo de 23+8 axentes en todo Galiza e como a medida de Feijoo, non se cumpriu.

Entendemos que se deben crear prazas novas como se comprometeran e mostramos o noso total rexeitamento a amortización de 5 prazas (curiosamente todos elas con incidencia directa na prevención e extinción de incendios) e a modificación de 12 prazas ocupadas de axentes adicados á extinción.

Sobre os criterios de selección de axentes

Pedimos que se eliminen todos aqueles criterios de adxudicación que non se poida demostrar que todos/as os/as axentes forestais tiveron opcións para conseguilos.

Insistimos da necesidade de negociar ditos criterios e incluílos no regulamento de funcións, tal como o plasmou a consellería nos acordos asinados o 15 de setembro de 2016 e o 11 de outubro de 2018.
 

A provisión das prazas

Propoñen como forma de provisión das prazas o concurso específico para os coordinadores 1 e 2, e de libre designación para o posto de coordinador autonómico, polo que mostramos o noso rexeitamento. Deben ser por concurso ordinario (con mérito esixible).

Para o resto dos axentes que vaian formar parte das UIFO din que enviarán unha circular aos distritos para que se poidan apuntar todos os funcionarios e funcionarias de carreira que estean interesados. E tamén que van modificar 12 prazas para consignalas como UIFO e que dita modificación da RPT non se vai poder realizar ata setembro-outubro (aínda non se negociou).

Anuncio de creación das UIFO

Tras o anuncio da creación as UIFO o luns día 9 de agosto por parte do conselleiro do Medio Rural, dende CIG recordamos que non estamos en contra da creación destas unidades, pero esiximos explicacións de como se realizou a selección do persoal para as UIFO e a revisión do expediente.

Sorprende que sen modificar a RPT, sen prazas ás que adscribir ao persoal, sen garantir os principios de publicidade, mérito e capacidade para a provisión destes postos e se atrevan a escoller a compañeiros e compañeiras en apenas uns días e en pleno agosto.

Cheira a emprego de medios públicos con interese partidista e esperemos que non usen aos axentes e logo deixen esmorecer as UIFO como fixeron coas brigadas de investigación de incendios forestais pola falta de medios persoais e materiais e pola deriva dos expedientes aos corpos e forzas de seguridade do estado.

Dende a CIG defenderemos que se garanta a legalidade na modificación da RPT e na provisión dos postos na que todo o mundo se poda presentar as prazas, con criterios de selección obxectivos. E seguiremos vixiantes para que o proceso sexa público e transparente.

Outras novas recentes

Venres, 15 Outubro 2021

Feijoo ás voltas con privatizar os servizos públicos

A Xunta quere financiar as escolas infantís privadas de 0 a 3 anos en vez de crear novas escolas públicas A CIG esixe a consolidación e fortalecemento dunha rede pública 100% para a educación infantil. Feijoo, no canto de potenciar a rede pública de escolas infantís, tanto as dependentes directamente da Consellería de Política Social (Axencia) como as do Consorcio Galego de...
Xoves, 14 Outubro 2021

Anteproxecto Lei de medidas 2022: modificación da lei de emprego

Función Pùblica vén de convocar ás organizacións sindicais a unha Mesa Xeral de Empregados Públicos que terá lugar o venres 15 para "negociar" o anteproxecto de lei de orzamentos do 2022 e o anteproxecto de lei de medidas naqueles aspectos que afectan ao persoal empregado público. Afondando no costume instaurado polo director xeral de Función Pública, fomos convocados tamén...
Venres, 08 Outubro 2021

Relación provisional de persoas excluídas das listas de contratación temporal por transformación das listas laborais

No DOG do 08/10/2021 publican a Resolución do 6 de outubro de 2021, da Dirección Xeral da Función Pública, pola que se fai pública a relación de persoas excluídas con carácter provisional das listas únicas para a cobertura con carácter transitorio de prazas reservadas a persoal funcionario de determinados corpos, escalas ou especialidades, resultantes da transformación de...