Novas por contido

Como consecuencia das denuncias da CIG que declararon ilegais as encomendas a TRAGSATEC, a consellería de Cultura modifica a RPT para crear prazas de persoal arqueólogo e arquitecto.

Por mor da firmeza da sentenza xudicial do TSXG gañada pola CIG, a Xunta vese obrigada a modificar a RPT da consellería de Cultura, Educación, Formación Profesional e Universidades e crear as prazas como estruturais. Porén unicamente crean 14 prazas das 17 que había en Tragsatec, e iso que as de Tragsatec só estaban en Pontevedra e servizos centrais e agora van cubrir todo o territorio, repartindo nas direccións xerais e nas catro xefaturas territoriais.

Con todo, na CIG Autonómica consideramos claramente insuficiente porque unicamente crean 8 na escala de arquitectura e 6 na de arqueoloxía que van desenvolver as tarefas de inspección informe e autorización materia de patrimonio artístico, histórico, arqueolóxico, paleontolóxico, arquitectónico, etnolóxico, antropolóxico…para calquera obra ou actuación que supoña un impacto ou estea en solo ou condicións de protección.

Non van en correspondencia coas escalas

As prazas creadas non van en correspondencia coas escalas, situándoas nun nivel base de corpos xerais (N20), co que o nivel e o salario vai ser moito menor que os dos seus compañeiros e compañeiras de titulación na consellería e que non se corresponde coa responsabilidade dos postos que van exercer. Todo un disparate. En números globais esta contratación supón un aforro anual de máis de 30.000 euros en comparación ao custo da encomenda con TRAGSATEC. Se o aforro é tan evidente, por que teiman en crealas en postos base?”.

Na CIG-Autonómica opoñémonos ademais á proposta de localización das prazas na RPT porque non se tivo en conta a carga de traballo nin a distribución orixinal das prazas ocupadas por persoas interinas (e que foron despedidas) antes da externalización e privatización de traballo no 2018.

Cese da Directora Xeral

Reiteramos a nosa exixencia de cese inmediato da Directora Xeral de Patrimonio, persoa responsábel directa da execución das encomendas sucesivas a TRAGSATEC de funcións que só podían ser desempeñadas por persoal funcionario.

Tras o inmenso traballo de recompilación, argumentación e denuncia, a Xustiza deulle a razón á CIG cunha sentenza histórica que anula as encomendas e que deu como resultado a creación de prazas estruturais, servindo ao tempo de aviso a navegantes para moitas outras externalizacións. Porén, a victoria xudicial vese deslucida porque as prazas estruturais creadas resultan insuficientes, o que incide na precarización do emprego público.

Novas relacionadas

Outras novas recentes

Venres, 19 Abril 2024

RPT de funcionarización de varios postos dos grupos III e IV

De cara a unha vindeira mesa de negociación, a Dirección Xeral da Función Pública vén de remitirnos unha proposta de modificación da relación de postos de traballo, consistente na funcionarización de postos de persoal laboral da Xunta de Galicia, no corpo de técnicos de carácter facultativo da administración especial (grupo B), no corpo administrativo da administración...
Mércores, 24 Abril 2024

Prazas para elección de destino de auxiliares-C2 e administrativos-C1 (24/04/24)

A Dirección Xeral de Función Pública achegounos a relación de prazas que teñen previsto ofertar ás persoas que superaron os procesos selectivos de C1-corpo administrativo, e C2-corpo auxiliar: descargar. Xunto coa relación de prazas, vai unha explicación da situación das mesmas. O primeiro que salta á vista é o escaso número de prazas ofertadas.
Xoves, 25 Abril 2024

Reunión do Comité de Seguridade e Saúde Laboral da Consellería do Mar (18/04/2024)

Punto 1. Lectura e aprobación da acta da reunión anterior Apróbase o contido da reunión anterior (21/11/2023) onde se incorporan as alegacións presentadas pola CIG onde indicamos que as embarcacións do servizo de Gardacostas sexan considerados como lugares de traballo e por tanto se avalíen os seus riscos laborais. Punto 2. Formación dentro do marco da Seguridade e saúde...