Novas por contido

En novembro do 2021 denunciamos a pretensión do director xeral de Xustiza de realizar convenios de colaboración cos colexios profesionais de psicoloxía e de traballo social de Galiza para a elaboración dos informes dos ámbitos penal e da familia.

A CIG rexeitou enerxicamente esta externalización, e apostamos decididamente polo incremento de equipos técnicos psicosociais que dean resposta ao incremento de informes nos procesos que afectan ás persoas máis vulnerábeis, como poden ser: as valoracións de vítimas de violencia machista, separacións, divorcios..; informes preceptivos para a asistencia técnica aos tribunais, da fiscalía e do xulgado.

Despois destas denuncias, o director xeral, en sede parlamentar, recoñeceu un “atraso puntual” e ofreceu o reforzo de equipos, contratación de interinidades, horas extras, etc. Ata o día de hoxe, non houbo nin incremento de equipos nin contratación de persoal e si ofreceu o desenvolvemento de horas extras.

Na apertura do ano xudicial, o Tribunal Superior de Xustiza de Galiza, diante do director xeral de Xustiza, reclamou o incremento de equipos técnicos por considerar que o atraso acumulado na emisión de informes así como as novas esixencias lexislativas non son situacións coiunturais, senón que se trata dunha necesidade estrutural que non pode resolverse con convenios de colaboración e si coa creación de novos equipos nas distintas subdireccións do IMELGA. Ao mesmo tempo, os colexios profesionais da abogacía e procuradores de Pontevedra tamén denunciaron estes atrasos e pediron máis equipos.

Os equipos psicosociais da subdirección do Imelga de Santiago e de Pontevedra acumulan atrasos que van para os dous anos, tanto na emisión de informes para o xulgado de familia como para o do penal. Na subdirección do Imelga de Lugo, os atrasos son considerables no que atinxe ao de instrución e instancia; e aceptables para o penal. Nas subdireccións de Ferrol, Vigo e Ourense estes atrasos poden considerarse aceptables.

Xa está ben de promesas valeiras de contido, de convenios imposibles e da desprotección das persoas máis necesitadas

A CIG exixe ao director xeral de Xustiza unha inmediata actuación que só pasa pola creación de novos equipos psicosociais, estables e profesionais, que resolvan os atrasos acumulados nas distintas subdireccións e as novas necesidades lexislativas; inxente aumento de probas preconstituídas e asistencia á declaración de menores e vítimas vulnerábeis que se incrementou coa nova Lei orgánica de protección integral da infancia e da adolescencia contra a violencia (Lei “Rhodes”)

Outras novas recentes

Venres, 19 Abril 2024

RPT de funcionarización de varios postos dos grupos III e IV

De cara a unha vindeira mesa de negociación, a Dirección Xeral da Función Pública vén de remitirnos unha proposta de modificación da relación de postos de traballo, consistente na funcionarización de postos de persoal laboral da Xunta de Galicia, no corpo de técnicos de carácter facultativo da administración especial (grupo B), no corpo administrativo da administración...
Mércores, 24 Abril 2024

Concurso de corpos xerais: novo listado de prazas para revisar (23/04/24)

A Dirección Xeral de Función Pública enviounos un novo listado de prazas para o concurso de traslados de corpos xerais. Non indican prazo, pero podemos alegar. Se é do teu interese, podes descargar o listado: ligazón. Se sabes de prazas que están mal ou non aparecen, podes contactar coa CIG. O xoves 25 de abril estamos convocados a unha Mesa Xeral, e teremos unha xuntanza...
Xoves, 25 Abril 2024

Reunión do Comité de Seguridade e Saúde Laboral da Consellería do Mar (18/04/2024)

Punto 1. Lectura e aprobación da acta da reunión anterior Apróbase o contido da reunión anterior (21/11/2023) onde se incorporan as alegacións presentadas pola CIG onde indicamos que as embarcacións do servizo de Gardacostas sexan considerados como lugares de traballo e por tanto se avalíen os seus riscos laborais. Punto 2. Formación dentro do marco da Seguridade e saúde...