Novas por contido

Demandamos aos grupos do Congreso que condicionen a isto o seu apoio aos orzamentos

Os sindicatos CIG, ELA, LAB e Intersindical comparecimos en rolda de prensa ás portas do Congreso dos Deputados e Deputadas para informar das reunións celebradas cos distintos grupos políticos aos que solicitamos que condicionen o seu apoio aos próximos orzamentos á aprobación do dereito á xubilación do persoal da Sanidade e dos sectores sociosanitarios aos 60 anos, tanto no sistema público como no privado.

Ademais, coincidindo con esta comparecencia delegados e delegadas da CIG dos distintos sectores atinxidos concentrabámonos diante do edificio administrativo da Xunta de Galiza, en Compostela, para sumarnos á exixencia que as organizacións sindicais vascas, catalá e galega presentamos en Madrid.

Por parte da CIG participaron nas xuntanzas a responsábel do sector Autonómico da CIG-Administración, Zeltia Burgos, a secretaria nacional de CIG-Servizos, Tránsito Fernández e o secretario nacional de CIG-Saúde, Manuel G. Moreira.

A demanda de CIG, ELA, LAB e a Intersindical Catalá, concrétase na petición ao goberno de que respecte, de maneira inmediata, o dereito das e os profesionais da sanidade e dos sectores sociosanitarios, do ámbito público e privado, a xubilarse aos 63 anos, sempre que teñan cotizado o tempo esixido, e que negocie os cambios legais necesarios para conseguir a xubilación ordinaria aos 60 anos durante esta lexislatura.

Neste sentido, demandamos dos partidos políticos con representación en Madrid que, prioricen este asunto e que, mostrando o seu claro compromiso con este persoal esencial para a sociedade, para a aprobación dos próximos orzamentos, condicionen os seus votos á aprobación deste dereito.

Así mesmo, exiximos aos Gobernos e diferentes Administracións de Galiza, Euskal Herria e Catalunya, que articulen mecanismos para facilitar a xubilación anticipada deste persoal ou recuperen aqueles que foron recortados nos últimos anos como son as primas de xubilación anticipada.

Nese sentido, na comparecencia, lembramos que a actual lexislación, en materia de Seguridade Social, recoñece o dereito á xubilación anticipada ás persoas traballadoras incluídas en calquera dos réximes da Seguridade Social aos 63 anos, sempre que teñan cotizados entre 38 e 44 anos e 6 meses e que a idade sexa inferior en dous anos, como máximo, á idade esixida que resulte de aplicación en cada caso.

Sen penalizacións

Pero a articulación dese dereito, implica a aplicación de porcentaxes de redución á contía da pensión que poden alcanzar ata o 21% e que non é recuperable ao cumprir os 65 anos. A Lei 40/2007, do 4 de decembro, de medidas en materia de Seguridade Social, prevé que a idade mínima de 65 anos póidase rebaixar por Real Decreto para grupos ou actividades profesionais, categorías e especialidades cuxo traballo sexa de natureza penosa, tóxica ou perigosa. Tamén se terán en conta os efectos do traballo en quendas (penosidade por traballar en quendas de noite) e o esforzo físico para o desenvolvemento do traballo que se realiza.

Por iso reclamamos a aplicación da Lei 40/2007 para o dereito á xubilación aos 63 anos, sen penalización, este ano, para o persoal da sanidade e dos sectores sociosanitarios, incluídas en calquera dos réximes do sistema da Seguridade Social.

O que demandamos é que o persoal da sanidade e dos sectores sociosanitarios que teña os períodos de cotización recollidos na norma, e cumpra o requisito de cotización, póidase xubilar sen as penalizacións que marca a actual lexislación. E que ademais perciba o complemento de xénero.

Esta medida só precisa da aprobación dun Real Decreto en base á Lei 40/2007 polo que as Organizacións sindicais CIG, ELA, LAB e a Intersindical Catalá solicitaremos reunirnos coas organizacións políticas presentes no parlamento español para solicitar os apoios necesarios para a súa aprobación. “Á vista da actual aritmética parlamentaria, os seus votos son decisivos e é por iso que, de cara á aprobación dos próximos orzamentos, esiximos que prioricen este tema”.

Tamén instamos ao goberno a recoñecer, durante esta lexislatura, o dereito á xubilación aos 60 anos do persoal da sanidade e dos sectores sociosanitarios, do ámbito público e privado, e a que non se vincule este dereito á planificación dos cadros de persoal actuais ou futuros, que dependen de decisións políticas que non poden, en ningún caso, vulnerar os dereitos do persoal.

Cadros de persoal avellentados

Lembramos que “estamos diante de cadros de persoal cunha media de idade moi alta (máis de 50 anos) e cunhas condicións penosas no desempeño. Condicións que, como consecuencia das políticas de recortes, privatización e desmantelamento dos servizos públicos aplicadas os últimos anos, fan imprescindible a articulación deste dereito”.

Denunciamos que a situación actual de falta de profesionais na sanidade e nos sectores sociosanitarios “é consecuencia da planificación sanitaria realizada durante os últimos 10 anos”. Unha planificación baseada en “recortar persoal, suprimir postos de traballo e adelgazar e privatizar os servizos públicos, poñendo en cuestión o dereito da sociedade a unha prestación de calidade”.

Por iso CIG, ELA, LAB e a Intersindical catalá instamos tamén a que durante esta Lexislatura se abra un proceso negociador para a modificación da Lei 40/2007, para que o persoal comprendido neste ámbito de aplicación poida acceder á xubilación cando cumpra os 60 anos, e teña 35 anos cotizados.

Outras novas recentes

Xoves, 25 Abril 2024

Procesos selectivos, concursos de traslados, estabilización, funcionarización, OEP 2024 (25/04/2024)

Na Mesa Xeral de Empregados Públicos e na Comisión de Persoal do 25 de abril foi aprobada co voto en contra da CIG, a abstención da CSIF e o voto a favor de CCOO e UGT a modificación da relación de postos de traballo, consistente na funcionarización de 207 postos de persoal laboral da Xunta de Galiza no grupo B e nos subgrupos C1 e C2. 169 deses postos serán incorporados ao...
Mércores, 24 Abril 2024

Concurso de corpos xerais: novo listado de prazas para revisar (23/04/24)

A Dirección Xeral de Función Pública enviounos un novo listado de prazas para o concurso de traslados de corpos xerais. Non indican prazo, pero podemos alegar. Se é do teu interese, podes descargar o listado: ligazón. Se sabes de prazas que están mal ou non aparecen, podes contactar coa CIG. O xoves 25 de abril estamos convocados a unha Mesa Xeral, e teremos unha xuntanza...
Xoves, 25 Abril 2024

Reunión do Comité de Seguridade e Saúde Laboral da Consellería do Mar (18/04/2024)

Punto 1. Lectura e aprobación da acta da reunión anterior Apróbase o contido da reunión anterior (21/11/2023) onde se incorporan as alegacións presentadas pola CIG onde indicamos que as embarcacións do servizo de Gardacostas sexan considerados como lugares de traballo e por tanto se avalíen os seus riscos laborais. Punto 2. Formación dentro do marco da Seguridade e saúde...