Novas por contido

Na Comisión de Persoal do venres 28 de outubro aprobouse un novo sistema de carreira profesional, os criterios dos procesos selectivos de estabilización derivados da Lei 20/2021, e unha nova organización dos órganos de representación sindical do persoal funcionario e laboral ao servizo da Administración Autonómica.

Carreira Administrativa do persoal funcionario

Despois de que UGT, CCOO e Función Pública paralizaran o grao II no segundo semestre de 2020 (cando tiñan que regulalo para que entrara en vigor en 2021) póñeno en marcha facéndolle perder un ano de cobro ao persoal dos grupos C1, C2 e AP. No primeiro semestre de 2023 sairá a convocatoria para aquel persoal que teña 11 anos de antigüidade a 31/12/2021 e con efectos de 2022. As contías á cobrar serán do 60% do importe no 2022, o 80% no 2023 e o 100% no 2024.

Foron tres as sentenzas que gañamos, así que non lles quedou máis remedio á Administración, a CCOO e a UGT que incluír ao persoal interino. Non se recoñecen os efectos retroactivos dende o 2019 ao persoal interino que cumprira cos requisitos. En relación a isto estamos á espera de que se resolva o incidente de execución de sentenza para determinar si é un dereito que ten un carácter ex novo ou non.

Recoñecen o dereito á carreira a aquel persoal que no 2019 non cumpría os requisitos, polo que se vai abrir un novo prazo para o acceso ao grao I para aquelas persoas que teñan unha antigüidade de máis de 5 anos nesta Administración dende o 31/12/2021.

Pero ollo, CCOO e UGT danlle o visto e prace  a unha cláusula onde se di que de ampliarse o ámbito subxectivo se reformularán as porcentaxes e as contías. Iso quere dicir que si o teu compañeiro da mesa do lado reclama algo e se lle dá a razón iso vai repercutir no que ti cobras.

Manteñen uns importes que afondan na brecha salarial, ao ser os do grupo superior (2.589,12 €) máis do triplo dos do grupo inferior (801,48 €).

A pesar de que hai avances porque se viron obrigados a acatar as sentenzas, seguen facendo trampa cos efectos retroactivos, polo que o noso voto non foi favorable.

Importes anuais de cada grao da carreira segundo subgrupo

A1 2.589,12
A2 1.812,00
C1 1.291,20
C2 991,80
AP 801,48

Porcentaxes a cobrar do grao II

2022 60 %
2023 80 %
2024 100 %


Complemento de desempeño do persoal laboral (equivalente á carreira do persoal funcionario)

Ao igual que no caso do persoal funcionario interino, vense obrigados a recoñecer este dereito ao persoal laboral temporal e indefinido. Pero fan o mesmo cos efectos retroactivos, polo que tamén esperamos polo incidente de execución de sentenza.

Tamén se perde un ano do grao II do persoal dos grupos III, IV e V, por culpa da paralización do mesmo por parte de Función Pública e CCOO e UGT.

As contías e porcentaxes serán igual que no caso da carreira do persoal funcionario.

Pero o colmo de todo isto é que privan do dereito á carreira ao persoal laboral fixo, que superou procesos selectivos asimilables aos de funcionario de carreira convocados por Función Pública e que non se queira funcionarizar. Entendemos que privar deste complemento a este persoal non ten que ver con razóns orzamentarias (a Xunta estima que menos do 10% do persoal laboral fixo non se vai funcionarizar, así que falamos de menos de 500 persoas), polo que queda á vista cales son as razóns da Xunta para non incluílos: unha chantaxe para que se funcionaricen á forza.

Por isto tamén votamos en contra desta proposta.

Os importes, non garantidos

O máis preocupante das novas carreiras profesionais para o persoal funcionario e laboral é que non están plenamente garantidas porque introducen un novo concepto de dispoñibilidade orzamentaria que deixa aberta a posibilidade a futuros recortes en forma de modificación das anualidades e/ou nas porcentaxes de pagamento previstas, así como nos importes a percibir.

Criterios de bases comúns para a estabilización do persoal

Aquelas bases que comezaron sendo xerais e comúns para todos os procesos derivados da Lei 20/2021, esnafráronse logo de 7 borradores e outras tantas mesas de negociación. 

A Xunta mudou unilateralmente o sentido deses criterios. A pesar de que a CIG non apoiamos nin a Lei 20/2021 nin a súa réplica galega, estivemos a traballar co fin de avanzar cara unhas bases equilibradas. E así aceptáronse moitas achegas da CIG, pero quedaron atrás ou se mudaron a última hora outras de gran importancia, como: recoñecer o tempo traballado noutras categorías, aumentar o valor da experiencia profesional entre a nosa administración e o resto de administracións, valorar o período de inactividade do persoal fixo descontinuo, etc. 

Non nos conformamos e máis se non veñen acompañadas dun acordo de mobilidade e de promoción interna serio. Votaron a favor CCOO e UGT (para variar); CIG e CSIF votamos en contra.

Eleccións sindicais na Administración xeral da Xunta de Galiza

Como cada catro anos as eleccións sindicais na Xunta de Galiza terían que celebrarse dende novembro do 2022 a novembro de 2023 para elixir as xuntas de persoal funcionario e os comités de empresa de persoal laboral.

Os procesos postos en marcha de funcionarización e de estabilización, que coinciden co período electoral, van producir na práctica a desaparición ou unha importante redución dos comités de empresa, e o que é fundamental, privarían do dereito ao voto a parte do persoal porque moitas categorías de persoal laboral non van poder votar nas eleccións para as xuntas de persoal e logo, non van poder votar nas eleccións aos comités porque antes diso adquiriron a condición de persoal funcionario. E por outra banda en moitos outros casos, nas eleccións a comités de empresa que se realicen antes das xuntas de persoal, os/as representantes electos/as decaerían ao adquirir a condición de persoal funcionario.

Todo isto produce, por unha banda, que moito persoal non poida votar e por outra que os que voten queden sen representación ao desaparecer os comités de empresa. A solución máis lóxica para garantir estes dereitos é traspasar os procesos electorais ata as datas nas que finalicen os procesos de funcionarización e de estabilización. De aí que se contemple que estes procesos electorais se realicen no 2024.

Por outra banda, contémplase a ampliación dos ámbitos electorais de xeito que se vai pasar de 1 a 5 xuntas de persoal por provincia ante o aumento considerable dos censos de persoal funcionario por mor deses procesos antes mencionados, ao tempo que vanse  agrupar os ámbitos dos comités de empresa ante a súa notoria redución.

Para chegar a estas modificacións e poder garantir que todas as persoas empregadas públicas poidan votar, así como que teñan unha efectiva representación vaise requirir que se aproben no Consello de Goberno da Xunta de Galiza.

Outras novas recentes

Mércores, 24 Abril 2024

Concurso de corpos xerais: novo listado de prazas para revisar (23/04/24)

A Dirección Xeral de Función Pública enviounos un novo listado de prazas para o concurso de traslados de corpos xerais. Non indican prazo, pero podemos alegar. Se é do teu interese, podes descargar o listado: ligazón. Se sabes de prazas que están mal ou non aparecen, podes contactar coa CIG. O xoves 25 de abril estamos convocados a unha Mesa Xeral, e teremos unha xuntanza...
Mércores, 24 Abril 2024

Prazas para elección de destino de auxiliares-C2 e administrativos-C1 (24/04/24)

A Dirección Xeral de Función Pública achegounos a relación de prazas que teñen previsto ofertar ás persoas que superaron os procesos selectivos de C1-corpo administrativo, e C2-corpo auxiliar: descargar. Xunto coa relación de prazas, vai unha explicación da situación das mesmas. O primeiro que salta á vista é o escaso número de prazas ofertadas.
Xoves, 25 Abril 2024

Reunión do Comité de Seguridade e Saúde Laboral da Consellería do Mar (18/04/2024)

Punto 1. Lectura e aprobación da acta da reunión anterior Apróbase o contido da reunión anterior (21/11/2023) onde se incorporan as alegacións presentadas pola CIG onde indicamos que as embarcacións do servizo de Gardacostas sexan considerados como lugares de traballo e por tanto se avalíen os seus riscos laborais. Punto 2. Formación dentro do marco da Seguridade e saúde...