Novas por contido

Gardacostas de Galiza concentráronse este xoves 22 de decembro diante da Delegación do Goberno na Coruña para reclamar a modificación da Lei 47/2015, que regula a protección social das persoas traballadoras do sector marítimo-pesqueiro, e se inclúa no Réxime especial de traballadores do Mar ao persoal funcionario das escalas de Gardacostas.

Con esta protesta, a CIG dá continuidade á campaña para reclamar unha solución á discriminación que sofre este colectivo laboral polo simple feito de ser persoal funcionario. A concentración realizouse coincidindo co debate no pleno do Congreso da Lei de Pesca Sostíbel a través da cal a CIG promovera unha emenda (que foi presentada polo BNG) para a inclusión dos/as gardacostas no réxime do mar.

A semana pasada unha representación da CIG e do persoal do sector reuniuse cos grupos parlamentarios no Congreso das e dos Deputados para pedirlles o seu apoio á dita emenda. Pero aínda que todos os grupos recoñeceron a discriminación por razón de réxime xurídico que sofre o persoal do servizo de Gardacostas, o Goberno español vetou que se debata e, polo tanto, que se vote a emenda, alegando cuestións orzamentarias.

Diante desta negativa do Executivo estatal, a CIG continuará mobilizándose e insistindo na reforma lexislativa para que se inclúa o colectivo, urxentemente, no Réxime Especial de Traballadores do Mar.

Cómpre lembrar que ao persoal funcionario das escalas de gardacostas de Galiza se lle exixe, como a todos os traballadores e traballadoras do mar, os requirimentos do Instituto Social da Mariña (ISM) para poder realizar as súas funcións, como unha formación específica e a superación dun recoñecemento médico. Máis, ao tempo, o propio sistema non os admite porque non están dentro do Réxime Especial de Traballadores do Mar xa que están no réxime xeral da Seguridade Social.

Sen coeficientes redutores e vixilancia médica específica

Está situación esperpéntica supón que o persoal Gardacostas non teña a protección para a súa saúde, como o acceso á xubilación anticipada ou a vixilancia médica específica que necesitan polos riscos que para a saúde supón o traballo no mar.

O colectivo de Gardacostas depende da Consellaría do Mar e a idade media dos cadros de persoal supera os 55 anos. Nalgunhas bases o persoal xa pasa dos 62 anos e incluso 65 anos, pero mentres compañeiros e compañeiras de empresas privadas que comparten embarcación e faenas (como Remolcanosa ou Salvamar) si están incluídos no Réxime Especial de Traballadores do Mar, e polo tanto teñen coeficientes redutores da idade de xubilación, o persoal do servizo público de Gardacostas non, só por seren persoal funcionario.

A CIG-Autonómica leva meses reclamándolle á Consellería, ao Goberno e ao Parlamento de Galiza que acheguen unha solución a esta discriminación que unicamente sofren por seren persoal funcionario, razón coa que o ISM determina a súa exclusión do réxime especial do mar. Neste sentido, a CIG denuncia que, malia ser coñecedores, polo de agora nin a Xunta da Galiza, nin os ministerios implicados foron quen de ofrecer unha solución real ao problema.

Outras novas recentes

Xoves, 02 Mai 2024

Os deberes para a nova directora de Función Pública

Representantes da CIG-Autonómica acudimos o martes 30 de abril a unha xuntanza de cortesía convocada pola nova directora xeral de Función Pública (DXFP), que agora pasa a chamarse Dirección Xeral de Emprego Público e Administración de Persoal (en diante, DXEP). Na xuntanza estaban presentes a nova DXEP, Nuria Aguilar Vázquez, e o anterior DXFP, José María Barreiro.  A...
Venres, 03 Mai 2024

Listas de substitución de persoal funcionario e laboral: actualización provisional dos méritos

No DOG do 03/05/2024 publican a RESOLUCIÓN do 23 de abril de 2024, da Dirección Xeral da Función Pública, pola que se fai pública a actualización provisional de méritos, correspondente ao ano 2023, das listas para a cobertura con carácter transitorio de prazas reservadas a persoal funcionario e para a contratación temporal de persoal laboral da Xunta de Galiza. Publican a...
Luns, 29 Abril 2024

A CIG convoca 16 manifestacións para conmemorar o Primeiro de Maio en Galiza

Traballo digno, pola paz, a soberanía dos pobos e contra o imperialismo Precarización das condicións laborais e de vida A situación ds altos prezos da cesta da compra e a baixa capacidade adquisitiva dos salarios e das pensións, o aumento da precariedade pola xeneralización da contratación a tempo parcial e fixa descontinua e o medre da poboación en risco de pobreza e de...